Taiwan achégase a Xapón

Desde a chegada de Tsai Ing-wen e o PDP (Partido Democrático Progresista ou Minjindang) á presidencia taiwanesa, o distanciamento respecto de Beijing viuse complementado con claros xestos de reafirmación da asociación de seguridade con EUA ou a formulación da Nova Política cara ao Sur con especial fincapé en Asia meridional (India, sobre todo) no marco dun reaxuste xeral da diplomacia taiwanesa. Asoma como un dos seus signos distintos a especial proxección de Xapón.

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

Desde a chegada de Tsai Ing-wen e o PDP (Partido Democrático Progresista ou Minjindang) á presidencia taiwanesa, o distanciamento respecto de Beijing viuse complementado con claros xestos de reafirmación da asociación de seguridade con EUA ou a formulación da Nova Política cara ao Sur con especial fincapé en Asia meridional (India, sobre todo) no marco dun reaxuste xeral da diplomacia taiwanesa. Asoma como un dos seus signos distintos a especial proxección de Xapón.

O nomeamento do ex primeiro ministro Frank Hsieh como representante ante Tokio puidese simbolizar esa prioridade outorgada ao fortalecemento do eixe Taipei-Tokio. A pasada semana, o presidente do Yuan Lexislativo, Su Jia-chyuan, elixiu Xapón como destino da súa primeira xira ao exterior. A presidenta Tsai foi tamén dos primeiros líderes da rexión en felicitar a Yuriko Koike, a nova gobernadora de Tokio. E o ex presidente Lee Teng-hui apelaba nunha recente visita á illa Ishigaka a integrar a capacidade de I +D das compañías xaponesas e a capacidade manufactureira de Taiwan, urxindo unha cooperación máis estreita. Taipei, por outra banda, mira con bos ollos o novo proxecto de reactivación económica presentado por Shinzo Abe mentres critica ao KMT por apostar pola Franxa e a Ruta que promove o PCCh.

Pese ao protagonismo recente do mar de China meridional, a escalada de tensión na rexión ten na disputa de soberanía sobre as illas Diaoyutai/Senkaku, no mar de China oriental, un botón de mostra relevante. Beijing e Taipei comparten reivindicacións en torno ás Diaoyu/Senkaku, pero é altamente improbable calquera coordinación entre ambas. Taiwan parece confiar ao profundamento dos vínculos con Xapón e EUA as súas posibilidades de supervivencia fronte a unha China que non dá mostras de afrouxamento nas súas esixencias de recoñecemento do principio dunha soa China e o Consenso de 1992. O aumento das capacidades militares chinesas topa en Xapón coa única potencia rexional capaz de confrontar as súas ambicións.

Á marxe das ecuacións relativas á seguridade, no que afecta á integración rexional, Su Jia-chyuan, salientou a procura do apoio de Xapón á participación de Taiwan no TPP (Acordo Transpacífico, siglas en inglés), por outra banda de futuro incerto á vista das actuais disxuntivas políticas estadounidenses.

A redución da dependencia turística do continente ten en Xapón unha alternativa desexada. Taipei quere que máis turistas xaponeses visiten a illa. Entre xaneiro e maio do presente ano fixérono 750.000 persoas mentres que os taiwaneses que fixeron a ruta cara a Xapón no mesmo período multiplican por catro ditas cifras. O turismo continental segue caendo a gran velocidade.

Ambas partes teñen os diferendos pesqueiros como notorio escollo e non son fáciles de resolver como o acreditan as tensións en torno ao estatus do arrecife de Okinotori e as augas que lle rodean. En 2013 asinaron un importante acordo que outorga dereitos pesqueiros a Taiwán na contorna das Diaoyutai/Senkaku co propósito oblicuo de impedir unha alianza con China continental na súa reivindicación de soberanía. A oficialización dun sistema de diálogo e cooperación nesta materia, previsto para o mes pasado, foi aprazada pero aínda que polo momento non ten data, poucos dubidan da súa materialización.

Taiwan parece temerse o peor no seu escenario internacional inmediato. Os rumores que apuntan a unha próxima normalización dos vínculos diplomáticos de China e o Vaticano ou a presunta longa lista de espera de aliados que poderían desertar a un leve estalo de Waijiabou, sé do ministerio de exteriores, así como o bloqueo da tímida participación lograda en organizacións internacionais do sistema ONU nos anos recentes, terían a súa compensación na intensificación das alianzas con aquelas capitais máis implicadas na estratexia de contención de China. 

As voces que apuntan a unha matización do rexeitamento de Taiwan ao ditame da Corte Permanente de Arbitraxe da Haia do pasado 12 de xullo, diferenciando a negativa a recoñecer as alusións á illa Taiping -definida como rocha na sentencia- pero asumindo que o Mar de China meridional é un “mar de todos”, abxurando da liña de 11 trazos (a liña en forma de U que defende a República de China desde 1947), facilitaría estas pretensións.

Os intentos de redeseñar o paradigma de seguridade de Xapón teñen en Beijing un lóxico rexeitamento. Ás denuncias do propósito de alterar a orde de posguerra súmanse as escaramuzas nas disputas marítimo-territoriais. O arrefriamento Beijing-Taipei e as tensións ao alza entre as dúas principais economías da rexión acrecentan as oportunidades de reafirmación dun eixe Taipei-Tokio.