“Made in Taiwán” é unha expresión que forma parte da nosa vida cotián. Mil e un trebellos teñen a súa orixe na vella Formosa, pequena illa dunha extensión similar a Galicia pero sete veces máis poboada, que hoxe ocupa unha das posicións máis significativas da economía e do comercio internacionais. “Dragón asiático” por excelencia, á República de China cústalle crear o seu propio país e comproba con tristura como algo tan relativamente fácil para os máis pobres (Timor Lorosae, recentemente) non está ao seu alcance pese a formar parte da familia espacial (cun satélite en órbita dende 1999) e contar cun PNB per cápita de case quince mil dólares e unhas reservas de divisas estranxeiras de máis de cen mil millóns de dólares. Non basta o diñeiro para fabricar un país.
Non é doado recoñecer a China en Taiwán. O milenarismo tradicional a penas pode asomar a súa faciana entres urbes modernas e desenvolvidas que impoñen un ritmo frenético a unha existencia que se mide en productividade. O Informe de competitividade global do Foro de Davos catalogaba en 1999 a Taiwán como o cuarto país máis competitivo do mundo. Dende 1995, Taiwán é un dos catro principais productores de hardware de tecnoloxía da información. En medio dunha calor tórrida que se resiste a licuar a enorme humidade do ambiente, as escenas da vida cotidiana en Taipei obrigan a pensar seriamente sobre o futuro das transformacións que vive o continente. Son moitos os analistas da República Popular que insisten no modelo taiwanés como referente dos cambios que se promoven en Beijing. A titulo preventivo, na patria de Mao, pero tamén de Sun Yat-sen, deben tomar boa nota dos esforzos de Taiwán para protexer o medio ambiente ou dignificar sen destruír todo o patrimonio cultural, cuestións ambalas dúas que poden ser consideradas a tempo.
As tribos primitivas das chairas ou os aborixes pingpu deixaron de existir. Outras como os atayal, saisiyat, bunun, tsou, paiwan, rukai, puyuma, ami, yami, en 1997 superaban a penas os 389.900 habitantes, segundo datos oficiais. A inmigración Han foi moi forte nos tres últimos séculos, tanto de Fujian (fukineses) como de Guangdong (hakka), conformando ambos grupos o 85 por cento da poboación, case 22 millóns de habitantes, sendo os primeiros tres veces superiores en número ós segundos. Moitos letreiros urbanos están en ambas lingoas, hakka e chinés, ademáis de inglés.
Taipei é unha cidade dura de día, pero transformada de noite nun alegre espectáculo de mercadiños nos que a sandía (ao natural, en zume, con xeo) é a estrela. Presidida polo Gran Hotel, unha magnífica construcción ao estilo tradicional propiedade do Kuomintang, edificado, por certo, con excelentes pezas de granito rosa porriño, a súa ubicación nun outeiro permítelle divisar o conxunto desta cidade-scalextric, no que a optimización do espacio impón o traslado dos cemiterios ás ladeiras dunhas montañas frondosas nas que se pode degustar un magnífico té verde mentres a auga se deposita paseniñamente sobre a abundante vexetación.
Os edificios son baixos, con pequenas excepcións. Non se albiscan secuelas do gran terremoto ““7,3 grados na escala de Richter- que sacudiu o centro de Taiwán en setembro de 1999, causando máis de 2.300 mortos e grandes danos materiais. Non sería o último. A finais deste marzo, outro sismo, este de 6,8, provocou o colapso de varios edificios en Taipei e cinco mortos, ademais de numerosos feridos. Durante a miña estadía, un largo minuto de tremor ““6,2- obrigaba a suspender o transporte por ferrocarril e as emisións por televisión.
Con todo, o que máis sorprende e se agradece é a paisaxe natural. Case o 20 por cento da superficie de Taiwán forma parte dun sistema múltiple de conservación que inclúe 6 parques nacionais, 19 reservas naturais, 9 reservas forestais e 13 refuxios de vida salvaxe. Esa admiración pola natureza cristaliza nunha conducta cidadá que utiliza calquer escusa para agasallar con flores, un elemento indispensable en toda celebración pública ou privada.
¿Unha China en pequeno?
“Estamos orgullosos do país que construimos”, dime Frederick Chang, viceministro da Oficina de Información do Goberno e, probablemente, un dos poucos cidadáns que dominan o latin nestas latitudes. A par do desenvolvemento, observas a orde e a vertebración social en mil detalles: as motos ben aparcadas nas aceras ““esta non é a China das bicicletas-, os semáforos que van descontando os segundos que che quedan para cruzar o paso de peóns, o servicio de gafas nos bancos con indicación de dioptrías para os clientes, os pais que se turnan para acompañar ao colectivo escolar cada día ao sairen da escola… Recoñeces a China máis tradicional nesta disciplina confuciana, pero tamén na prensa e na escritura. A maior parte dos xornais en chinés escriben os seus caracteres de arriba a abaixo, de dereita a esquerda. Nalgunhas librarías podes atopar reproduccións magníficas de tomos das antiguas dinastías, editadas á maneira tradicional, prego a prego. Nas miñas mans tiven algúns exemplares orixinais que se conservan aínda no Tien Educational Centre, donde un xesuita galego, Andrés Díaz de Rábago, que “fala correntemente o portugués”, mima estas xoias con delicadeza e respecto, ao tempo que segue a actualidade do país cos amigos do Instituto Ricci donde Benoît Vermander conclúe os seus magníficos traballos sobre relixión mentres da unhas pinceladas vocacionais á súa caligrafía chinesa.
No Museo do Palacio, en Wai Shuang Hsi, ás aforas de Taipei, se exhiben numerosos exemplares das primeiras manifestacións de escritura chinesa en osos e caparazóns de tartarugas, xunto ás caligrafías de Wang Hsi Chic, da dinastía Qin oriental (317-420) e numerosos exemplares dos máis famosos calígrafos das dinastías Tang, Sung, Yuan, Ming e Qing. Tanto a pintura como a caligrafía constitúen as coleccións máis numerosas, completas e famosas do Museo, dime Maria Fernanda Lochschmidt, unha brasileira que leva varios anos instalada en Taipei adscrita aos servicios como guía, entre reflexións compartidas sobre os galegos de Brasil, o futuro do Mercosur e a probable victoria de Lula da Silva nos reñidos comicios do próximo outono.
O Museo construiuse en 1965 e logo foise ampliando. É a expresión dun esforzo con sentido: Taiwán quere ser unha China en pequeno, moito máis que a simple Taiwán, compite co continente na definición dos símbolos da identidade. En definitiva, que China tamén se pode coñecer en Taiwán. En Tainan, por exemplo, atopamos un Templo de Confucio, das Cinco Concubinas Imperiais do emperador Nin-Chin, templos budistas, etc, case sempre construidos en épocas recentes. Non é o caso dos Fortes Zelanda e Provintia que datan da ocupación holandesa do século XVII, época tamén do heroe local, Cheng Cheng-kung, máis coñecido por Koxinga, que logrou expulsar aos holandeses do extremo sur da illa, baténdose en retirada despois de fracasar no seu intento de resistencia contra a dinastía Qing ao longo das costas de China continental. Transformou unha derrota en victoria, como faría Mao na Longa Marcha case 300 anos despois.
Profundos cambios na sociedade taiwanesa
Taiwán está a vivir cambios políticos fundamentais, asegúrame Renrang Chyou, profesor no Instituto de Relacións Internacionais da Universidade Nacional Cheng-chi. A victoria de Chen Shui-bian, hai dous anos, nas eleccións presidenciais, fronte ao candidato do Kuomintang (KMT), especie de Movemento Nacional paradoxalmente organizado a imaxe e semellanza do PC soviético e coa súa axuda, está provocando unha profunda reestructuración do sistema político. O multipartidismo está consolidado a custa do Kuomintang, forza dominante durante medio século e que hoxe padece graves fisuras: o Partido Pobo Primeiro (Qingmindang)de James Soong, dunha banda; a Unión pola Solidariedade (Taiwán tuanjie lianmeng) de Lee Teng-hui, o primeiro presidente elixido por sufraxio universal da historia de Taiwán (1996), por outra; e afecta tamén á principal forza pro-continental, o Partido Novo, que nas eleccións lexislativas de 2001 non obtivo máis que un acta de deputado. Algúns dos seus seguidores se integraron na formación de James Soong, individuo, como Lee Teng-hui, dotado dun gran carisma persoal.
Fracturas étnicas, rexionais e políticas determinan hoxe un escenario político taiwanés que se inclina progresivamente a prol das teses soberanistas ou de defensa do status quo, perdendo espacio os partidarios da unificación co continente. Chen Shui-bian, líder do Partido Demócrata Progresista, victorioso nas presidenciais despois de probar a reelección (e perder) á alcaldía da capital, consolida o seu mandato despois duns comezos certamente tortuosos e desacertados que agora semellan cousa do pasado. Orixinario de Tainan e especialista en dereito marítimo, adentrouse na política dende as filas da oposición, a finais dos anos setenta, asumindo como letrado a defensa de activistas en plena vixencia da lei marcial. A súa credibilidade democrática está fora de toda dúbida e asentada tamén nun discurso de diálogo, tolerancia e firme combate á criminalidade, á política de ouro negro que anega aínda moitas cloacas da administración e da vida taiwanesa.
A consolidación de Chen é inseparable de dous elementos. En primeiro lugar, a superación das dificultades económicas. O 2001 foi un ano difícil, cun crecemento negativo que viña a baleirar de contido a afirmación de Taiwán como unha potencia tecnolóxica que aspiraba a convertirse no centro rexional de operacións de Asia-Pacífico en materia de transporte marítimo, aéreo, financiero, telecomunicacións e de medios de comunicación, un empeño gobernamental que pretende reforzar a idea de Taiwán como porta de entrada na rexión de Asia-Pacífico, que acolle as economías máis dinámicas do planeta. O afundimento da burbulla das novas tecnoloxías sumiu as exportacións taiwanesas do sector informático nunha profunda crise. As súas exportacións caían en 2001 un 40 por cento e o desemprego acadaba porcentaxes superiores ao 5 por cento, batendo récords históricos.
Alén do ciclo negativo da economía mundial e a súa repercusión en toda Asia, a deslocalización de empresas taiwanesas que trasladan a China a súa producción en busca de salarios inferiores e perspectivas de mercado moito maiores, afecta ás entidades con man de obra intensiva e pouco valor engadido así como ao sector agrario, desarmado fronte ás mercancías moito máis competitivas procedentes do continente. Hai que estar preto de millóns e millóns de clientes potenciais… Nin o Presidente Chen nin os empresarios taiwaneses poden ignorar o evidente: cómpre xogar a carta do mercado chinés para erguer a economía taiwanesa. Beijing semella tamén comprender que non é indispensable facer exhibicións militares para convencer aos taiwaneses de que o seu futuro pasa polo continente.
A evolución do discurso independentista
O segundo elemento é a moderación do discurso independentista. O Partido Democrático Progresista (PDP) milita a prol da taiwanización do país. En 1988 a formulación da independencia aparece de xeito claro nos seus textos, rexeitando toda posibilidade de entendemento entre o KMT e o PCCh de costas aos taiwaneses. A soberanía pertence ao pobo, proclaman, e debe ser este quen decida en referendo sobre o seu futuro. Da independencia á consulta, o nerviosismo continental foi en aumento, chegando a realizar manobras militares nas provincias do Sur situadas enfronte de Taiwán cada vez que había eleccións, crispando máis unha situación que, paradoxalmente, empurraba ao electorado na orientación contraria á desexada.
Jan Jyh-Horng, director do departamento de investigación e planificación da Comisión de Asuntos de China continental, asegura que nos últimos anos China perdeu influencia política en Taiwán e gañou influencia económica. Beijing é como unha esponxa para Taipei: non hai forma de frear a atracción de capitais, a pesar da desconfianza e a inseguridade que aínda presiden as non-relacións bilaterais. Dende 1995 non hai diálogo, pero o negocio medra e medra. O investimento taiwanés en China continental chega ata os 60.000 millóns de dólares, a pesar de existir un réxime restrictivo para o comercio e a inversión directa en China, hoxe máis suavizado e difícil de evitar pola escasa autoridade política existente sobre o mercado e as empresas que se conducen buscando o seu propio interese.
Non hai grandes esperanzas de que se produza un cambio substancial no político, afirma Y. Liu, redactor xefe da Axencia Central de Noticias. Cando chegue Hu Jintao, o previsible sucesor de Jiang Zemin, todo seguirá mais ou menos igual. Precisará tempo, cando menos sete ou oito anos, para consolidarse e non innovará políticamente nada. Y. Liu relata as dificultades do seu traballo en China continental, compartidas á deriva polos xornalistas chineses que viaxan a Taiwán: non poden botar máis de 29 días en Beijing, non poden viaxar polo país, soamente poden manter contactos coa Oficina de asuntos de Taiwán e asistir ás conferencias de prensa do Ministerio de Asuntos exteriores. As interferencias políticas impiden unha comunicación minimamente fluida e normalizada.
Pero se non esperanza de cambios drásticos e inmediatos, si se aprecia confianza na restauración do diálogo. Donde mais se advirte ese cambio é en Qemoy (Kinmen), a escasos quilómetros da costa continental, Xiamen, que tiven a oportunidade de visitar hai oito anos. Aquí se desenvolveu unha das batallas máis feroces do Kuomintang contra o Exército Popular de Liberación. Hoxe o espíritu da guerra, presente durante moitos anos, é museo e integrase nun Parque nacional que trata de atraguer ao turismo, fundamentalmente local. Nesta pequena illa, donde se poden degustar os gusanos de area e unha bebida chamada Kaolyan, podemos observar como pouco a pouco se van retirando os postes de cemento que sementan as terras para evitar deixar espacios libres nos que poidan aterrar os avións inimigos. As praias permanecen invadidas de defensas de aceiro e barricadas para impedir os desembarcos. Os túneles e refuxios excarvados na pedra comezan a abrirse ao público. Todo ese clima de marcado perfil belicista, e aínda a presencia de tropas, coexiste sen embargo cun contrabando de arroz, tabaco e licores que funciona á lus do día en pequenas gamelas procedentes do continente. O alcalde de Qemoy é do Partido Novo, o máis partidario da unificación. Habitantes da illa e de Xiamen celebran procesións conxuntas e os santos e deuses dunha e doutra banda circulan de porto en porto sen necesidade de presentar o pasaporte. Tamén dende aquí funcionan dende o 1 de xaneiro de 2001 os chamados tres minienlaces con China continental (transporte, correo e comercio directos), un experimento que debe preparar o camiño para facilitar o diálogo e a comunicación a unha escala maior.
Os emigrantes comezan a retornar a Qemoy, dime Hsin-Hsing Wu, viceministro da Comisión de asuntos dos chineses de ultramar. Antes non tiñan esperanza neste territorio: nin os campos podían ser cultivados porque eran espacios de interese militar, agora poden pensar en vivir do turismo e doutras actividades. É un retorno natural, moi diferente ao que estamos promovendo en relación a homes de ciencia ou de negocios que si tentamos atraguer co ofrecemento de condicións especiais para que aporten a súa experiencia e coñecemento ao desenvolvemento do país.
A diáspora chinesa está moi organizada arredor da promoción dos negocios. Hai máis de 160 asociacións de comerciantes chineses en todo o mundo, agrupados a nivel local, nacional, continental e mundial. A cada situación, asegura Hsin-Hsing Wu, procuramos darlle o tratamento adecuado. Homes de negocio dunha banda, os instalados dende hai moito tempo, doutro; con accións específicas segundo falemos de Indochina, de Estados Unidos, de Europa, etc. ¿Representación política? A diáspora ten voz, pero non ten voto. Poden votar se regresan ao país e participan no proceso: non hai censos de residentes ausentes nin voto por correspondencia. Pero dos 225 deputados da Asemblea Nacional, un cupo de dez representantes está reservado á emigración. A súa distribución é proporcional á representación obtida polas forzas políticas nos comicios. Son os partidos quen concretan as identidades dos deputados da emigración atendendo a criterios fundamentalmente de representación xeográfica.
A preocupación chinesa
Para Jiann-fa Yan, director do departamento de asuntos chinos do PDP, a preocupación chinesa é mutua. O goberno de Beijing non pode ignorar a necesidade de gañarse o apoio da poboación da illa e para iso terá que mellorar as súas relacións cos seus representantes. O goberno de Taipei fomenta a cada paso iniciativas políticas (a última, a de enviar unha delegación de alto nivel do PDP a Beijing) que sempre atopan a mesma resposta no continente: non haberá reanudación do diálogo, paralizado desde 1995, en tanto Taipei non recoñeza o principio da existencia dunha única China.
Non aceptamos “unha China”, afirma Jiann-fa Yan, porque na sociedade internacional a maior parte dos países pensan que China é o país co que establecen relacións diplomáticas. Pero a República Popular non é a República de China; hai dúas e son diferentes. Beijing impón a aceptación de que Taiwán é parte de China e non aceptamos esa premisa. Dende o noso punto de vista, esa vertebración non é algo que se poida impoñer e debe ser un tema de futuro, non inmediato e moito menos cuestión previa para adentrarse no tratamento doutros asuntos, asegura. Para Taipei, a República de China naceu en 1912 e trasladouse a Taiwán en 1949. Existe unha continuidade legal. Aquela República non desapareceu co nacemento da República Popular, expresión que nós si recoñecemos porque é tan real coma nós. Sendo posterior á República de China, ¿cómo pode reclamar a soberanía sobre Taiwán? Despois da ocupación de Xapón, Formosa pasou a mans da dinastía Qing, pero non á China Popular. É un problema político que debe resolverse políticamente.
No continente agardarán un tempo a ver como evoluciona a situación política e se o PDP se consolida ou non. Tanto en Beijing como en Taipei se comprende que hai dous grandes espacios. Dunha banda, o Kuomintang e o Partido Pobo Primeiro de James Soong e o Partido Novo. Son os chamados azúis. Aceptan a existencia dunha China expresada de diferente maneira nos dous lados do estreito e conectan mellor coas teses de Beijing. Para os verdes, PDP e a Unión Solidaria de Lee Teng-hui, debese falar de dous países, dúas realidades políticas diferentes. Esa coincidencia explicitabase no Taiwán News do pasado 13 de Maio cando o propio Lee e Annette Lu, vicepresidenta do goberno de Chen, anunciaban a posta en marcha dunha páxina web a prol da independencia (http://taiwaneseVoice.net/).
Annette Lu, é a encargada de equilibrar a tendencia á moderación do Presidente que insiste nos seus cinco compromisos anunciados ao pouco de tomar posesión: non declarar a independencia, non cambiar o nome do país, non incluir na Constitución a expresión “relacións de Estado a Estado”, non organizar un referendo sobre a soberanía e non abolir as directrices e as plataformas creadas polo KMT para orientar a política nacional neste asunto. Din que no seu despacho colga un retrato do apretón de mans dos dous Kim coreanos.
Esa vocación de diálogo, de busca dun entendemento mínimo que reduza as tensións e as normalice dalgún xeito, tampouco debe interpretarse como entreguismo. A titulo de exemplo, mentres se ofrecía a Beijing o envío dunha delegación política, probablemente a sabendas do seu rexeitamento pero de interese para o electorado local que deberá votar nas eleccións municipais en xuño e en decembro, en Pingtung, o exército taiwanés probaba con éxito un mísil Tien Kung-II, xustamente cando as presións chinesas amosaban toda a súa efectividade contra os intentos de Taiwán de emerxer como un socio de pleno dereito da comunidade internacional.
Velaí outro campo de batalla inesgotable: Taiwán tenno todo para ser un Estado, e de feito asi é, pero non de dereito, por falla de recoñecemento diplomático, mesmo dos seus principais aliados, Estados Unidos e Xapón. A actividade internacional de Taiwán tropeza sempre na mesma pedra. Da intensidade desta confrontación da unha idea a proclamación de Timor Lorosae. China adiantouse a Taiwán no recoñecemento diplomático ata o punto de ser o primeiro país do mundo, antes mesmo que Australia ou Portugal, co que Timor estableceu relacións. Os intentos de Taiwán por integrarse como país observador na OMS resultaron un fracaso. Polo momento, dime Shuh-Min Wu, presidente da Fundación Profesional Médica de Taiwán, non está na axenda, pero seguiremos insistindo ata conseguilo. Mentres cultiva as relacións con pequenos países como as illas Marshall ou non tan pequenos, como os centroamericanos (Rep Dominicana, Guatemala, Costa Rica, Panamá, Nicaragua, etc) cos que mantén unha estreita relación, ata un total de 29 estados, un importante debate está a xurdir arredor da utilidade destes esforzos que algúns califican de “diplomacia do dólar” en atención á dubidosa sinceridade e o elevado interese crematístico dos aliados.
Cun centenario case ás portas, Taiwán insiste nos tres principios do pobo cos que o dr Sun Yat-sen fundou en 1912 a República de China: democracia (min chuan), benestar (min sheng) e nacionalismo (min tsu). A pouco que exista vontade, sintonía dabondo para entenderense todos os chineses do mundo, incluidos os da China popular.