Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 21 ao 27 de marzo de 2016

Taiwan Hebdo 12-2016

1.      Informe

A ex vicepresidenta do Yuan lexislativo, Hung Hsiu-chu, foi electa presidenta do KMT nas primarias internas levadas a cabo o 26 de marzo. É a súa segunda vitoria interna tras gañar a nominación nas pasadas eleccións presidenciais do 16 de xaneiro, máis tarde frustrada polo aparello do KMT que promoveu a Eric Chu. O fracaso do candidato oficialista, Eric Chu, trala defenestración de Hung á vista das poucas posibilidades de impoñerse a Tsai Ing-wen, segundo as enquisas, descabezou o partido nacionalista.

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

1.      Informe

A ex vicepresidenta do Yuan lexislativo, Hung Hsiu-chu, foi electa presidenta do KMT nas primarias internas levadas a cabo o 26 de marzo. É a súa segunda vitoria interna tras gañar a nominación nas pasadas eleccións presidenciais do 16 de xaneiro, máis tarde frustrada polo aparello do KMT que promoveu a Eric Chu. O fracaso do candidato oficialista, Eric Chu, trala defenestración de Hung á vista das poucas posibilidades de impoñerse a Tsai Ing-wen, segundo as enquisas, descabezou o partido nacionalista.

Hung obtivo agora o 56,16 por cento do total de votos emitidos (78.829 votos de 140.358), vencendo á presidenta interina Huang Min-hui -favorita do aparello-, quen obtivo o 33,02 por cento (46.341), ao concelleiro de Taipei Le Hsin, quen obtivo o 5,42 por cento (7.604 votos) e ao lexislador Apolo Chen, co 4,83 por cento e 6.784 votos. Hung debe liderar o partido ata xullo de 2017, cando se levarán a cabo novas eleccións. Ao obter máis da metade dos votos, non é necesaria unha segunda volta. A participación foi do 41,61 por cento dun total de 337.351 electores rexistrados.

Hung recibiu o maior apoio no condado de Kinmen, entre os membros do KMT no exterior e no condado de Lienchiang. Así mesmo, recibiu un amplo apoio en Nova Cidade de Taipei e Kaohsiung.

Hung Hsiu-chu convértese así na primeira presidenta do KMT en 100 anos de historia. Nas súas primeiras declaracións apuntou que non tiña plans inmediatos para viaxar ao continente pero que o diálogo PCCh-KMT continuará. Xi Jinping envioulle unha mensaxe de felicitación.

Dadas as súas firmes conviccións a favor da reunificación, a elección de Hung Hsiu-chu pode desembocar en novas tensións internas cos sectores máis partidarios dunha taiwanización progresiva do KMT. Hung, defensora do principio de “Unha China, unha interpretación” é acusada de excesiva proximidade ás teses continentais e de non conectar coa corrente principal da opinión pública da illa, partidaria na súa maioría do mantemento do status quo.

2. Observacións de contexto

* Nunha entrevista concedida á CNN, Ma Ying-jeou sinalou que tanto el como o presidente chinés Xi Jinping coinciden en que “aos dous lados do Estreito de Taiwan fáltanlle condicións para a unificación”.

* O Partido do Novo Poder presentou varias propostas de emenda á lei de referendos, que afectan aos seus diversos limiares e á baixa: para propoñer (do 0,5 por cento ao 0,01 por cento do electorado) e para someter a proposta (do 5 por cento ao 1,5 por cento); tamén propón rebaixar a idade mínima para votar de 20 a 18 anos. 


* China advertiu a EUA sobre a ratificación do status de observador para Taiwan na Interpol, cominándolle a “non falar para que Taiwan participe en institucións internacionais”.


* As autoridades taiwanesas organizaron unha comitiva de xornalistas estranxeiros para visitar a illa Taiping (Itu Aba), no arquipélago das Spratley/Nansha para verificar, polos seus propios ollos, que se trata dunha illa e non dunha simple roca, como asegura Filipinas na súa comparecencia ante a Corte Permanente de Arbitraxe da Haia. Ma tamén invitou aos xuíces da citada corte e a funcionarios filipinos. 


* Dous pesqueiros taiwaneses foron obxecto de disparos por parte de barcos indonesios na zona do Estreito de Malaca. Yakarta acúsalles de fanar ilegalmente en augas da súa xurisdición, feito negado polos afectados. Taipei pediu explicacións claras a Indonesia. 


* Un erro humano provocou un apagón do reactor número 2 da planta nuclear número 1 da empresa Taipower. O incidente alertou novamente sobre o problema da seguridade nas plantas nucleares. 


3. Datos relevantes


* Polo menos seis mandatarios estranxeiros asistirán á investidura de Tsai Ing-wen o próximo 20 de maio. O Ministerio de Asuntos Exteriores xestiona a participación de representantes doutros países, sexan ou non aliados de Taiwan. 


* O Banco Central de Taiwan acordou diminuír as taxas de interese en 125 puntos básicos como consecuencia da ralentización da economía internacional e polo continuo crecemento negativo das exportacións taiwanesas. 


* A taxa de desemprego en Taiwan situouse no 3,95 por cento en febreiro, o nivel máis alto desde outubro de 2014. 


* A produción no sector manufactureiro baixou máis do 10 por cento en 2015 comparación co exercicio anterior.


* O Instituto de Investigación Yuanta-Polaris, reaxustou á baixa a previsión de crecemento económico para Taiwan para 2016 ao 1,42 por cento, desde a súa estimación previa do 1,93 por cento. 


* A taxa de suicidios en Taiwan baixou un 5,3 por cento nos últimos seis anos entre os cidadáns de 65 e máis anos. 


* Un banco da provincia de Fujian emitiu a primeira tarxeta de débito entre ambos lados do estreito de Taiwan. 


* Taiwan afiánzase como o sétimo mellor destino de viaxes para musulmáns fóra dos países da Organización para a Cooperación Islámica. 


* Taiwan e Alemaña aumentaron a cota de participantes no programa de vacacións e traballo, pasando dos actuais 300 a 500 mozos. 


* Tres novos países outorgaron privilexios de visado a Taiwan: Malawi e Camerún en África e Kirguistán en Asia Central. 


4. Nomes relevantes


* Vincent Siew, ex vicepresidente de Taiwan, participou no Foro Boao para Asia, reuníndose co primeiro ministro chinés Li Keqiang e co xefe da Oficina de Asuntos de Taiwan, Zhang Zhijun.


* A presidenta electa Tsai Ing-wen foi invitada á inauguración da ampliada Canle de Panamá (26 de xuño). Tamén foi invitado Xi Jinping. Panamá é aliado diplomático de Taiwan. 


* A vicepresidenta da cámara baixa belga Sonja Becq atopábase de visita en Taipei cando ocorreron os actos de violencia terrorista en Bruxelas, recibindo as condolencias do presidente Ma Ying-jeou. 


* O ex presidente do Yuan lexislativo e membro destacado do KMT, Wang Jin-pyng, desmentiu os rumores que lle asociaban cunha presunta oferta de Tsai Ing-wen para presidir a Fundación para os Intercambios a través do Estreito.