Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 27 de Xuño ao 3 de Xullo de 2016

Taiwan Hebdo 26-2016

1. Informe

A primeira viaxe ao estranxeiro da presidenta Tsai Ing-wen saldouse cun balance desigual. Dunha parte, rexistrou datos positivos como o feito de que un voo chárter presidencial puidese cruzar o espazo aéreo cubano (cando os ex presidentes Lee Teng-hui ou Ma Ying-jeou visitaron Panamá, os seus voos transitaron a través de Hawai e Los Angeles, respectivamente). Doutra parte, a presidenta Tsai puido manter contactos de diverso nivel con algunhas das autoridades desprazadas a Panamá (non só de aliados senón tamén de países como Chile, Arxentina, Ecuador ou España, por exemplo) e tamén cun importante número de expatriados chegados de países como Costa Rica, Colombia, Brasil ou República Dominicana. Tsai, que aproveitou a xira para reafirmar os lazos coa rexión, reivindicou igualmente unha diplomacia que permita a Taiwan contar a nivel global.

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Palabras chave Taiwán PDP KMT Tsai Ing-wen
Idiomas Galego

1. Informe

A primeira viaxe ao estranxeiro da presidenta Tsai Ing-wen saldouse cun balance desigual. Dunha parte, rexistrou datos positivos como o feito de que un voo chárter presidencial puidese cruzar o espazo aéreo cubano (cando os ex presidentes Lee Teng-hui ou Ma Ying-jeou visitaron Panamá, os seus voos transitaron a través de Hawai e Los Angeles, respectivamente). Doutra parte, a presidenta Tsai puido manter contactos de diverso nivel con algunhas das autoridades desprazadas a Panamá (non só de aliados senón tamén de países como Chile, Arxentina, Ecuador ou España, por exemplo) e tamén cun importante número de expatriados chegados de países como Costa Rica, Colombia, Brasil ou República Dominicana. Tsai, que aproveitou a xira para reafirmar os lazos coa rexión, reivindicou igualmente unha diplomacia que permita a Taiwan contar a nivel global.

A polémica chegou da man do KMT ao transcender que a presidenta deixou unha mensaxe nun libro de visitas auto describíndose como “presidenta de Taiwan (ROC)”, cando debese dicir “presidenta da ROC (Taiwan)”. O deputado do PNP Hsu Yung-ming preguntouse si para o KMT é tan humillante e difícil pronunciar a palabra Taiwan... Anteriormente, o KMT criticara ao ministro de Saúde Lin Yzou-yien por non mencionar “Taiwan” no seu discurso ante a Asemblea Mundial da Saúde... Pola súa banda, o presidente de Panamá Juan Carlos Varela utilizou no seu Facebook o termo China e a palabra Taiwan entre paréntese para referirse á República de China, xerando igualmente controversia entre o goberno e a oposición. 

Ao parecer, Beijing non interveu demasiado na ruta por Cuba, aínda que non consta que fose consultado pola Habana. Recórdese que en 2007, Chen Shui-bian debeu dar un rodeo de máis de catro horas nun voo de regreso de Nicaragua porque México negouse a autorizar o paso por presións de China continental. Fronte a esta inhibición ou quizá síntoma de flexibilidade en virtude da mellora dos vínculos cubano-estadounidenses, o anuncio da suspensión da comunicación a través do Estreito resultou “estraño” como tamén o foi a posta en escena: nada de solemnidade senón un mero deslizamento informativo abordando un asunto diferente, a deportación de cidadáns taiwaneses desde Camboxa a China continental pola fraude de telecomunicacións. 

Cabe interpretar o anuncio continental como o cumprimento dunha ameaza tras negarse o PDP e a presidenta Tsai a aceptar o Consenso de 1992. No seu día, Beijing cualificou de “incompleta” a declaración efectuada na toma de posesión do 20 de maio. Tócalle mover peza agora a Taipei. O “portazo” continental parece inferir que o PCCh aposta por un rápido retorno ao poder do KMT, pero podería resultar unha espera demasiado longa. Polo momento, Tsai non se mostrou especialmente inclinada a nomear ao novo responsable da Fundación para os Intercambios do Estreito. Si Wang Jin-pyng garda silencio, James Soong aclarou que a recuperación da normalidade é unha “esperanza compartida”.

Si os investimentos continentais en Taiwan van en aumento e as asociacións empresariais viven un renovado auxe nas súas relacións, as relacións oficiais atravesan unha severa crise que o PDP intenta diluír. Fronte á presión continental, Tsai invoca a boa vontade, a flexibilidade e a harmonía. Outras fontes salientan que son moitas as formas posibles de interacción, poñendo como exemplo a cooperación xudicial.

2. Observacións de contexto.

* O disparo accidental dun mísil desde un patrulleiro taiwanés provocou a morte dunha persoa nun barco pesqueiro que faenaba nas augas próximas a Penghu e feridas a tres máis. Ao parecer debeuse a un erro humano. O mísil non chegou a cruzar a liña media do Estreito de Taiwan, aínda que as autoridades continentais reclamaron unha “explicación responsable”. 

* Taiwan importará máis carne de vacún de Paraguai e aumentará o número de becas. A visita a Panamá cristalizou na vontade de dar un novo impulso ás relacións comerciais. 

* Algúns grandes grupos empresariais cominaron ao goberno a reducir o número de días festivos designados oficialmente de 19 a 12 como parte dos plans oficiais para introducir a semana laboral de 40 horas. A aprobación da Lei de Estándares Laborais inclúe a eliminación de sete días nacionais e o establecemento de dous días de descanso semanal. A fixación dun día de festa fixo e outro de descanso flexible xera non pouca controversia social. O primeiro ministro Lin Chuan recoñeceu que “segue habendo máis marxe de mellora por diante”. 

* Tralo éxito da folga dos asistentes de voo de China Airlines, o persoal de terra da mesma compañía tamén desexa defender os seus dereitos. Pola súa banda, en Mandarín Airlines os sindicatos reclaman negociacións. O primeiro ministro Lin Chuan apelou á mellora da contorna laboral.

* O proxecto de modificación da normativa sobre as escolas privadas desatou a mobilización da Federación Nacional dos Sindicatos do ensino, acusando ao PDP de ceder aos operadores do sector como resultado de importantes doazóns políticas que este gremio tería efectuado. 

* Diversos pronunciamentos do Ministerio de Economía en torno ao Brexit suxiren unha intensificación dos investimentos taiwaneses en Reino Unido (2,92 millóns de dólares a finais de 2015 fronte aos 7,63 millóns recibidos de Londres). Por outra banda, Taipei interpreta que non afectará aos acordos asinados. Aínda que a maioría de divisas foron obxecto de depreciación, o dólar taiwanés mantense estable. 

* Un barco pesqueiro taiwanés foi confiscado polas autoridades das Illas Salomón por presunta captura de aletas de quenllas. A Comisión Europea declarou a Taiwan como un país que non coopera na loita contra a pesca ilegal.

* Taipei e Praga reforzaron cun novo acordo a cooperación científica que posibilitará os intercambios regulares de persoal e diversos programas de investigación. 

3. Datos relevantes

* A taxa de interese en Taiwan quedou fixada polo Banco Central en 1,375 por cento, cunha rebaixa por cuarta vez consecutiva. En total, reducíronse 500 puntos básicos. 

* A economía taiwanesa recupérase lentamente. En maio, o índice de observación da economía aumentou tres puntos situándose en 20.

* A enerxía nuclear representa o 16 por cento da factura enerxética taiwanesa. 

* A taxa de rendemento dos investimentos bursátiles en Taiwan alcanzou o 4,6 por cento en 2015, superando á rexistrada nos principais mercados asiáticos e en EUA. 

4. Nomes relevantes

* O ministro de defensa, Feng Shih-kuan, viaxou a Kaohsiung para expresar as condolencias e desculpas á familia do capitán falecido a consecuencia dun mísil disparado por erro.