20080414 chiang pin kung

Taiwán vira en redondo

 Chiang Pin-kung; clic para aumentar
O propio Ma completará ese triángulo de encontros con visitas anunciadas a Tokio e Washington, antes tamén de tomar posesión, mentres engraxa a maquinaria da Fundación para os Intercambios a través do Estreito (SEF, polas súas siglas en inglés), entidade paraoficial encargada de manter os contactos co réxime continental, poñendo á fronte dela a un peso pesado, Chiang Pin-kung (na foto), un persoeiro clave no reinicio do diálogo entre os vellos inimigos da guerra civil, o PCCh e o KMT, retomado en 2005.
 

En escasas semanas, o Kuomintang (KMT) está pulverizando oito anos de política soberanista do Partido Democrático Progresista (PDP). Valéndose do abrumador e exitoso resultado das eleccións lexislativas e presidenciais celebradas en Taiwán en xaneiro e marzo últimos, o “presidente” Ma Ying-jeou, que tomará posesión o próximo 20 de Maio, está alentando xestos de gran importancia que orientan a illa Formosa nunha dirección que contraría totalmente a política de distanciamento do continente promovida polo PDP, quen ultima o seu pase á oposición.

A participación do “vicepresidente”, Vincent Siew, no Foro Boao de Asia-Pacífico celebrado o pasado sábado 12 de abril na illa chinesa de Hainan, e o encontro paralelo mantido co presidente Hu Jintao, testemuñan a existencia dunha clara vontade en ambas partes de virar en redondo na política a través do Estreito, apostando polo reforzamento dos vínculos económicos e comerciais e a recuperación do diálogo institucional que podería conducirse directamente, a través das mais altas instancias. O propio Ma completará ese triángulo de encontros con visitas anunciadas a Tokio e Washington, antes tamén de tomar posesión, mentres engraxa a maquinaria da Fundación para os Intercambios a través do Estreito (SEF, polas súas siglas en inglés), entidade paraoficial encargada de manter os contactos co réxime continental, poñendo á fronte dela a un peso pesado, Chiang Pin-kung, un persoeiro clave no reinicio do diálogo entre os vellos inimigos da guerra civil, o PCCh e o KMT, retomado en 2005.

A mensaxe que se pode deducir do encontro entre Hu e Siew é clara: só hai un culpable dos oito anos “perdidos”, e ese é o actual presidente Chen Shui-bian, a quen lle agardan varios procesos xudiciais ao abandonar a presidencia. Chen, que condenou o encontro lamentando que Siew aceptara unha equiparación de facto a Hong Kong e Macao, deixa malferido ao seu partido que deberá redefinir nos próximos meses os seus sinais de identidade. Mesmo figuras relevantes como a alcaldesa da segunda cidade da illa, Kaohsiung, non queren quedarse á marxe dos beneficios do acercamento ao continente. Chen Chu anunciou días atrás a súa intención de acoplarse á nova atmósfera para que a súa cidade non resulte “prexudicada”.

Estimase que nun par de meses darase impulso á conversión de moeda, actualmente sometida a importantes restricións, e á activación dunha primeira liberalización nas comunicacións directas, co propósito de facilitar os intercambios e o turismo, actualmente necesitados de facer escala en Macau o en Hong Kong. No máis delicado haberá que ir con calma: os asuntos relativos á seguridade e o tratado de paz, un acordo para garantir algo de osíxeno internacional á República de China, etc.

Pequín faría mal en pensar que a vitoria do KMT e esta nova disposición liquida o sentimento identitario dos taiwaneses. O KMT non poderá facer cesións en cuestións esenciais, pois o prezo a pagar sería o desprestixio social e unha probable volta á oposición en pouco tempo. Ma mesmo rexeitou calquera hipótese de negociación da unificación. Esas cautelas deberían corresponderse, a unha e outra banda, cunha evolución das políticas imaxinadas para resolver o contencioso, a sabendas de que calquera solución, mal que lles pese, deberá contar co parecer de Washington.