A Sharia (Lei Islámica) considera as imaxes ou retratos como unha afronta a Alá. En virtude deste precepto divino, os Talibáns veñen de esnaquizar, en Bamiián, dúas xigantescas estatuas que representan a dous Budas construídos entre os séculos III e V. O brutal atentado contra do Patrimonio artístico mundial serviu para escoitar un único clamor de voces que saían de oriente e de occidente ao que se sumaban no mundo islámico. A decisión dos puristas do Islam, prodúcese só un mes despois de que a ONU aplicase sancións contra do réxime de Kabul. Durante anos, miles de millóns de dólares apoiaron aos múltiples movementos de resistencia ao goberno pro-soviético, sen reparar se, algúns, incubaban a barbarie.
Os Talibáns nacidos da autodestrucción das faccións que trataban de ocupar o bacío deixado para retirada das tropas soviéticas no 89, foron concibindo o xermolo do monstro que albergaban nas entrañas e que agora horroriza a todos, mesmo aos que o alimentaron.
Fundamentalismo, violacións sistemáticas dos dereitos individuais e colectivos, desestabilización rexional, trasfego de drogas, terrorismo internacional indiscriminado teñen a Afganistán coma protagonista.
O fracaso das misións especiais da ONU e o progresivo corte na axuda norteamericana e paquistaní comeza a facer evidentes as carencias internas, ao tempo que radicaliza aos talibáns.
Nacidos durante o exilio nas Madrasas (escolas de estudiantes do islamismo) baixo a protección do Goberno Paquistaní, que lles proporcionaba educación gratuíta e alimentos, nunca tiveron o suficiente peso político e militar como para ser considerados como unha alternativa real de goberno. Pero, logo dunha doada travesía cara a capital, en setembro de 1996 os mozos Talibáns eran recibidos en Kabul como ansiados gardiáns da orde capaces de restablecer a lei nun país ingobernábel. Non é unha adhesión popular ideolóxica, trátase dun desexo colectivo de paz e de fartura por vivir mergullados durante 20 anos en guerras. Un degoro de subsistir nun fráxil país de unidades étnicas, relixiosas e políticas permanentemente enfrontadas. A tarxeta de presentación da nova orde moral e relixiosa foi contemplar ao Presidente afgán Mohamed Najibulá pendurado dunha corda no pescozo na Praza Pública.
Facilitado polo exilio masivo dos sectores máis informados, máis subceptibeis de seren atacados polos mozos puristas do islam; como as mulleres, os profesionais, os liberais, a clase media de tradición musulmana e conviccións mesturadas de tradicionalismo e progresismo… pronto impoñen a nova orde moral e relixiosa , depurada no crisol do fundamentalismo para acadar unha pureza elevada ao grado do absurdo: mulleres recluídas nas casas, submisión na parella, azoutes por saír á rúa sen a compaña dun familiar masculino, matrimonios de conveniencia, prohibición da maquillaxe feminina, cubrimento da cabeza coa burca, amputación de dedos ou dedas por pintar a unllas, obrigación das viúvas de casar co irmán do difunto…
Imposibilidade de practicar deportes ( xadrez e xogos de salón incluídos), prohibición de tomar fotografías a edificios públicos ou a persoas, obriga de rezar 5 veces ao día, veto aos cines, imposibilidade de existencia para cadeas de televisión, emisoras de radio, xornais que non sexan oficialistas…
Para os homes tamén rexen estrictas normas como cubrir a cabeza con turbantes ou deixar barba de 4 dedos de lonxitude.
Precariedade na dignidade como seres humanos que se engade a precariedade para sobrevivir baixo a ameaza da fame. Situacións ambas que requiren máis decisión política e imaxinación que a provocación absurda da ex-Comisaría Europea Emma Bonino paseando desafiante coa cabeza descuberta, parte da pel espida e quitando fotos polas rúas da capital afgana.
Dende novos ángulos máis xeoestratéxicos obsérvase ao réxime dos talibáns con preocupación como elemento desestabilizador da Asia Central. O seu territorio é hoxe un santuario para os movementos de oposición islamista dos países da rexión. Mesmo os EE UU que observaron con interesada distancia os desmáns dos mozos estudiantes do Islam como aliados tácticos na estratexia anti iraniana, teñen mudado radicalmente a súa actitude, especialmente a raíz da evidente implicación do multimillonario Osama Ben Landen, na voadura de edificios norteamericanos. A detención do apóstolo do panislamismo radical, agora baixo a protección do presidente afgán Mohamed Omar, é considerada como un obxectivo prioritario da política exterior norteamericana.
Ben Landen durante a década dos 80 fora un dos principais activistas contra do goberno prosoviético de Kabul. Contando coa aberta alianza de Paquistán e Arabia Saudí e a cobertura financeira, estratéxica, militar e dos servicios de intelixencia norteamericanos (estimada en 2.300 millóns de dólares) logrou recrutar 35.000 combatentes para a causa dos muiadíns.
Tras da retirada das tropas rusas no 89 e as fraticidas loitas polo control do goberno entre as catro faccións armadas apoiadas respectivamente por Uzbequistán e Rusia, Arabia Saudí, membros da Hib subvencionados por árabes e paquistaníes e por Irán; esnaquizan o país e desmoralizan a poboación desesperada. Desde esta perspectiva de destrucción permanente, é máis doado entender como os Talibáns que aparecen en acción no 94 poden ilusionar ao país e, en dous anos, facerse co control da maior parte do territorio, ata chegar ao 90 % actual.
Mais aínda existe un derradeiro motivo para o desasosego ollando cara a Afganistán. Segundo do PNUCIDO (Programa das Nacións Unidas para o Control Internacional do Opio),este país centroasiático produciu no 1999, 4.600 tm. de Opio, o duplo do ano 1998. Ase mesmo estímase que o 97% dos cultivos están nas zonas controladas polos talibáns e supoñén a principal fonte de financiamento dun país que só está recoñecido internacionalmente por Paquistán, Arabia Saudita e os Emiratos Árabes. A segunda fonte de financiamento non é menos escura, trátase do contrabando de bens e combustibles, que adquire un volume o suficientemente importante como para alterar a producción de certos sectores industriais.
A bárbara destrucción dos xigantescos Budas de Bamiian de 53 e 58 metros de altura pode ser un bo motivo para subirse enriba da destrucción do patrimonio e observar outros escenarios de destrucción, onde se xoga a cotío coas vidas.
Enlaces relacionados: