Despois dunha semana de duros enfrontamentos entre palestinos e israelís, a situación no Oriente Medio é das máis duras vividas ata o momento, despois de que no 1991 principiase o chamado "Proceso de Paz".
Israel está a pechar todas as portas. Non soamente queda saída o goberno palestino, senón que está a provocar unha situación prebélica-bélica con todos os países veciños, principalmente Líbano e Siria.
A mediación internacional é feble. Como sempre, as intencións parecen boas, e Barak parece estar disposto a voltar á mesa das negociacións. Sen embargo, dúas cuestións o apreman; a primeira é a reclamación por parte da oposición israelí da convocatoria dunhas eleccións anticipadas de inmediato (que levarían sen dúbida ó goberno aos conservadores); e a segunda son as súas propias ameazas e o ultimato lanzado esta fin de semana. É este mesmo ultimato o que levou a apostar todas as súas forzas nas fronteiras, orixinando unha tensión difícil de disolver nun ambiente tan convulso. A fuxida cara adiante de Barak pode conlevar a súa morte política definitiva.
Nin Líbano nin Siria desexan unha nova guerra con Israel pero tampouco poden quedar de brazos cruzados cando a aviación israelí voa ameazadoramente por enriba de Beirut, intimidando directamente á poboación civil.
Unha vez que os palestinos sexan de novo sometidos, cos pasos fronteirizos pechados, coas súas vidas ameazadas e con toda oportunidade de axuda humanitaria negada por Israel (despois do peche do aeroporto de Gaza), será difícil que ningún líder, por moi carismático que sexa, os convenza de que teñen que baixar a cabeza e deixar que os pisoteen. A pesar de que os palestinos dispoñen de máis argumentos cada día na mesa das negociacións, a súa situación segue a ser demasiado precaria fronte ós israelís como para convencer á poboación de que o cese da violencia os conducirá polo bo camiño.
Pero será deste enfrontamento do que se xurda unha nova coalición árabe unida. Despois da fractura que se produciu no Oriente Medio a consecuencia da Guerra do Golfo, hai unha década, hoxe, e encabezados por Exipto, están todos a tender as súas mans tanto a palestinos como a sirios e libaneses.
Os máis moderados tentan mediar entre Barak e Arafat, mentres que os máis radicais expoñen as súas intencións de entrar directamente na guerra, se esta chega a se producir. Pero todos están do mesmo lado.
A este paso, Clinton quedará sen paz en Oriente Medio e sen Nobel e en Estocolmo.