Tan roxos non son os Red Tories Británicos: Cara unha radical reducción do Estado no Reino Unido

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

A dereita española acolleu con satisfacción a (xustiña) victoria de David Cameron nas eleccións británicas porque, decíase, representaba, por unha banda, a definitiva defunción do conservadurismo de Margaret Thatcher e, por outra, o trunfo dos que un asesor de Cameron chamou red tories, os conservadores roxos.  Un comentarista, o diputado José Maria Lasalle (El País, 20 de maio) consideraba que o Partido Conservador británico, liderado por Cameron, retomaba o consello de Disraeli de que “debía ser sempre o partido do cambio”. Non chegou a asegurar, como asegura a Sra de Cospedal falando do Partido Popular, que é o partido dos traballadores, mais por ahí anda rondando a idea.
           
É ben sabido que nas campañas electorais, especialmente en tempos de crise como agora, os partidos procuran non ofrecer un programa que fale de recortes drásticos nos orzamentos dos ministerios máis “delicados” desde a perspectiva social.  Cameron e os seus portavoces falaban sempre de que a solución do problema da dívida británica estaba en loitar contra a excesiva burocracia e o despilfarro de recursos que, ao seu entender, eran duas lacras do goberno laborista.  Eficiencia na gobernanza era o que Cameron prometía aos electores durante a campaña; eficiencia que acadaría sacar ao país da crise e crear emprego. Nada se falou – ou con medias palabras – das decisións que sería necesario adoptar para aplicar cortes orzamentarios, aumentar a fiscalidade ou xogar con flexibilidade para reducir o déficit. Todo un pouco inconcreto.

Establecida a coalición cos liberal demócratas de Clegg, as primeiras manifestacións de Cameron foron suaves.  Habería que recortar 6.200 millóns de libras esterlinas (uns 7.400 millóns de euros) do gasto público; pouca cousa, decía, porque representaba só a centésima parte dos gastos do Estado. Alguen dixo que para ise recorte bastaban tesouras de manicura, mais que logo chegaría o momento da guillotina.  Non hai razón para se preocupar – escrebía irónicamente Polly Toynbee en The Guardian –, os cortes non van doer, agás que os afectados sexan xóvenes ou pobres.
           
Primeiro de todo, había que acusar ao derrotado goberno laborista de non ter recoñecido a realidade da situación financeira británica.  Os conservadores atopáronse – dicían – cun déficit nunca decrarado de proporcións astronómicas: 700.000 millóns de libras, que representaría un servicio da dívida de 70.000 millóns no período 2014-2015.  Mais,según moitos especialistas, esa cifra xa era coñecida, de xeito que non foi unha sorpresa para o novo goberno. Segundo, encetar unha campaña para meter medo na xente: a situación é catastrófica por culpa dos laboristas e vai ser necesario aceptar grandes sacrificios para poder sair desa situación. George Osborne, Ministro da Facenda, dixo no Parlamento que, reducir o déficit era o maior desafío desta xeneración, despois de moitos anos de despilfarro, dívida e irresponsabilidade. En resumo: cortar un 33% o custo de administrar o Estado.

O anterior Ministro da Facenda, o laborista Alistair Darling está xa acusando á coalición de non decir a verdade da situación económica do país.  Nunha entrevista pubricada sábado pasado, día 12, en The Guardian, asegura que os tories están enganando ao país, que a situación económica non é tan catastrófica e que si, como estima, os datos que a Oficina de Responsabilidade Orzamentaria ía pubricar a comezos da presente semana son menos graves, espera que Cameron se disculpe diante da xente. Considera Darling que a estratexia de amedrentar ten por obxeto poder aplicar un plan de aumento da fiscalidade e de recorte do Estado que estaba xa diseñado antes das eleccións.
           
Para levar adiante a política de austeridade, Osborne aspira a crear un consenso no país mediante unha amplísima consulta en todolos níveis, mais co aviso de que a tal consulta non servirá nin para retrasar nin para reducir os recortes. As previsións independentes indican que o 33% de reducción anunciado comportará unha perda de .000 postos de traballo (o total de desempregados vai se aproximar a 3 millóns).  E ao mesmo tempo vanse reducir os servicios públicos e de benestar.  Non está ainda craro qué proporción vai existir entre recortes de gasto e aumento de impostos.  De momento, a Confederación de Industrias Británicas e as Cámaras de Comercio xa están pedindo que os cortes se apliquen no gasto público, que non se graven as rentas máis altas, que se suavice o incremento do imposto sobre os beneficios do capital e que se restablezcan os beneficios fiscais das pensións máis elevadas.
           
Nun xesto probablemente simbólico, o Primeiro Ministro invitou á Sra. Thatcher (a “dama de ferro”, un pouco oxidada decía un articulista do semanario New Statesman) a tomar chá no 10 de Downing Street. Mais non facía falta o simbolismo: Cando no próximo outono, rematada xa a consulta nacional, apareza realmente a guillotina dos cortes, vai ficar demostrado que os red tories non son tan roxos como pretendían os seus propagandistas.