O pasado 24 de setembro, Taro Aso foi elixido primeiro ministro de Xapón pola Dieta ou Parlamento, tras gañar as eleccións internas no seo do Partido Liberal Democrático (PLD), dous días antes. Pero, nas circunstancias actuais, cando o Partido Democrático de Xapón (PDX) ostenta a maioría na Cámara Alta de Senadores, será difícil aprobar calquera iniciativa lexislativa, razón pola que se vaticina unha próxima disolución do Parlamento e a convocatoria de eleccións anticipadas.
A partir da segunda semana de outubro discutirase na Dieta unha modificación orzamentaria que Aso confía en ver aprobada. Se os dous partidos non chegan a un acordo, pode disolverse o Parlamento, convocando eleccións para o próximo 26 de outubro, o 2 de novembro ou o 9 de novembro. É por iso que o primeiro ministro Aso está persuadido a formar un gabinete con parlamentarios famosos, que serán unha especie de “caras populares” para abrir camiño a unha vitoria nas próximas eleccións xerais.
Con todo, non había tanta sorpresa para a formación dun gabinete de Aso. Logo de presentar a súa política durante unha rolda de presa, Aso anunciou os membros do seu próximo gabinete, un xesto pouco frecuente en Xapón, debido a que, normalmente, o secretariado do gabinete en xefe publica os nomes dos próximos ministros. Non obstante, Aso quería mostrar este cambio de enfoque.
Así, e repasando os membros deste gabinete, a única sorpresa é a inclusión de Yuko Obuchi, de só 34 anos e filla do ex primeiro ministro Keizo Obuchi, como ministra encargada da Baixa Natalidade, constituíndo a ministra máis moza en formar parte dun gabinete de goberno trala II Guerra Mundial. Pero a maioría dos ministros non son novos: hai 18 ministros, pero 5 ministros foron reelixidos. Moitos ministros son persoas de confianza que estaban arredor de Aso. Ademais, 11 ministros son fillos de parlamentarios, razón pola que existen críticas dentro e fóra do PLD. Os medios de comunicación o cualificaron como un “gabinete dos amigos”.
O mesmo día de formación do goberno, dimitiu en pleno o presidido polo anterior primeiro ministro Yasuo Fukuda, dun ano de duración. Un gabinete efémero, constituíndo o sétimo gabinete máis curto na historia contemporánea xaponesa. O seu antecesor, Shinzo Abe, tamén estivo 366 días, o cal evidencia a escasa duración dos gobernos xaponeses e o clima de certa inestabilidade política.
Canto durará o gabinete de Aso? O seu rival político máis importante é Ichiro Ozawa do PDX. Na Cámara Baixa, Aso gañou 337 votos, mentres Ozawa obtivo 117 votos. Con todo, no Senado, Aso alcanzou 108 votos e Ozawa uns 125 votos. Conforme ao artigo 67 da Constitución, valídase a votación maioritaria na Cámara Baixa, razón pola que Aso foi elixido como primeiro ministro.
Non obstante, o panorama político segue a ser complexo para o novo goberno en Tokío. Aínda que o PLD non tivo éxito na última elección, Aso ten boa acollida pública, unha popularidade que o PLD espera sirva para obter sólidas ganancias electorais nos próximos comicios, amosando ao PDX a fortaleza electoral e popular do PLD.
Sobre os asuntos exteriores, Aso segue mantendo como prioridade a alianza entre Xapón e EEUU. Paralelamente, no seu discurso fai fincapé na necesidade de resolver o problema con Corea do Norte e o terrorismo. Acerca da economía e o mundo financeiro, Aso dixo que Xapón centra a atención internacional despois da “caída de Lehman Brothers”, a cuarta sociedade de valores máis importante de EEUU, e da consecuente crise financeira e económica que actualmente está sacudindo os mercados globais.
Neste sentido, Nomura Holdings, a sociedade de valores máis grande de Xapón, decidiu comprar as seccións europea e asiática de Lehman Brothers coa intención de ampliar os seus negocios empresariais. Paralelamente, o Grupo Financeiro de Mitsubishi UFJ chegou a un acordo con Morgan Stanley, a segunda sociedade de valores máis grande de EEUU, para comprar o 20% das súas accións e así situarse á cabeza dos accionistas. Dun xeito paradoxal, coa actual crise financeira, as empresas xaponesas empezaron a retornar á a escena internacional da economía.
O pasado 25 de setembro, Aso viaxou a Nova York para asistir á Asemblea Xeral da ONU, onde ofrecerá a visión diplomática do seu goberno. Dous días despois regresará a Xapón, para implementar a súa política “nunha época de axitación e disturbios”, segundo as súas propias palabras.