‘Tea Party’: a extrema dereita fronte a Obama

A extrema dereita dun pais históricamente conservador… O novo Partido do Té (New Tea Party) dos Estados Unidos evoca a histórica revolta fiscal do 1773 que acelerara a independencia dos Estados Unidos. Estamos básicamente ante un movemento populista de extrema dereita contrario a lexislación referente ao cambio climático, o rescate financeiro, o aumento dos impostos e a reforma do sistema da saúde, con posicións antiinmigrantes e cun perfil racista tipo wasp (branco, anglosaxón e protestante). Asimesmo, entenden os seus partidarios que os políticos, os intelectuais e os poderes económicos estan aliados para perseguir os seus intereses e acalar a voz do pobo. Todo un florilexio anti-Obama.

Segundo Rasmussen Reports, este movemento –non constituído formalmente en partido –ocuparía actualmente o segundo lugar da escena política americana: un 36% para o Partido Demócrata, un 23% para os dos tea parties e un 18% para o Partido Republicano, con un 22% de indecisos. O numerario do Partido do Té estaría composto esencialmente por xente afiliada e/ou votante da á máis á dereita do Partido Republicano así como por algúns sectores demócratas descontentos co presidente Obama que se atopa “atrapado” polo establishment, con dúas guerras das que non é quen de saír, por un lexislativo cabildeiro que non controla e que non lle permite sacar adiante unha reforma sanitaria crible e, por se fora a pouco, por unha Corte Suprema de Xustiza, coa súa maioría ultraconsevadora (5-4), que lle deixou como presente Bush.

O Partido do Té está financiado por unha rede de grupos conservadores, cuxa punta de lanza está constuída polas ultraconsevadoras Freedom Works e Americans for Prosperity, que congregaron masivas manifestacións en Washington e noutras cidades, espoloneadas por Fox News, canal superbélico e de extrema dereita, nas que se expresaron contra todo o que sone a administración demócrata, distinguíndose polos seus insultos a Obama tildándoo como un “marxista musulmán”.

A crise como pano de fondo… Que dúbida cabe de que estamos ante un dos síntomas dunha profunda insatisfacción multiplicada pola grave crise do desemprego do país (dun 10 a un 17%, segundo diversas fontes), coas súas vítimas nos extractos sociais medios e inferiores. Agora ben, procede suliñar a evidencia de que a expresión deste descontento resulta facilitada por certos poderes económicos con quen, máis cedo ou máis tarde, xurdirán contradiccións: polo de pronto, Freedom Works non asistiu á recente convención nacional do dez de febreiro, en Nashville. Como guinda do pastel, en abril deste ano, o gobernador de Texas, Rick Perry, nun dos tea parties en protesta contra os impostos, suxeriu que se o goberno federal continuaba “menospreciando os americanos” estrangulándoos a base de impostos, gastos e débeda, poderían chegar a fartarse tanto que en algún momento poderían desexar independizarse.

Reaxirá a tempo Obama…? Sen dúbida, se o presidente Obama pretende gañar un segundo mandato, debe reaxir urxentemente ante todo esto, aumentando desde xa tanto o seu crédito a nivel nacional como internacional. Practicamente quédanlle só pouco máis de dous anos para facer visíbel un proxecto político que precisaría doutros catro anos para a súa materialización. Este Obama que parece querer renacer queimando etapas, vai precisar da compaña de máis dun bo trasno… Algúns dos seus pasos a nivel internacional poden entenderse dentro pero continúan sen entenderse suficentemente fóra do seu país…