Tempo de calamidades

A situación de emerxencia declarada en Mozambique como consecuencia dos efectos das inundacións provocadas polo desbordamento do río Save nas provincias de Inhambane e Gaza, precipitanos nunha nova catástrofe humanitaria. Antes foi o furacán Mitch en Centroamérica, logo o terremoto en Colombia, despois Venezuela, tamén con inundacións, ¿e mañá?… Aos devastadores efectos das calamidades naturais súmanse outras circunstancias que agravan sensiblemente ese inmenso drama que enxuga a desesperación de milleiros de seres humanos.

Dunha banda, a desprotección en que se atopa a inmensa maioría da poboación nos países en vías de desenvolvemento fronte a desgracias desta naturaleza. Non se trata soamente de que o perdan todo dun día para outro, senón que o propio Estado evidencia as súas múltiples lagoas, carencias e incapacidades para prestar amparo ós afectados. Fráxiles en exceso, as institucións públicas semellan literalmente varridas pola onda expansiva das devastacións sen mais residuo operativo que os propios exércitos. Despois dunha guerra civil que durou dazaoito anos, en Mozambique, este desastre bota por terra as moitas expectativas de recuperación económica e social.

A resposta da comunidade internacional tampouco está a altura das esixencias. Mesmo podería calificarse de lamentable. Nacións Unidas fartouse de facer chamamentos ós países ricos para que achegasen aportacións extraordinarias para os damnificados de Mozambique. Cando máis se precisaban helicópteros para rescatar a esas víctimas encaramadas nas árbores para non ser diluvadas polas riadas, o goberno de Estados Unidos, por poñer un exemplo representativo da cicatería internacional, acordou enviar á zona ¡dous helicópteros e botes con expertos en rescate!…

O recurso á colaboración e á solidariedade da opinión pública, con ser estimulante e necesario, é insuficiente. A comunidade internacional debe ser capaz de establecer mecanismos de resposta a estas calamidades que permitan a mobilización urxente dos medios adecuados. En tempos de globalización da economía e deshumanización da sociedade, a crecente contraposición entre as dinámicas de beneficios e as carencias de valores esixe a adopción de profundas medidas correctoras.

As calamidades naturais acentúan o abismo diferencial entre países ricos e empobrecidos. Como recollen os Informes de Desenvolvemento Humano que publica Nacións Unidas, non se trata dun destino, senón dunha tendencia que é posible mudar. Nesa perspectiva, cómpre ter en conta que o aumento da pobreza é a sobremesa de toda devastación. Por iso, medidas como a condonación da débeda externa constitúen mostras de solidariedade que van máis alá da urxencia do momento e aseguran unha mínima vacina contra o posterior esquecemento da traxedia.