A vida sigue en Cuba. Xa pouco parece importar -e afectar- á vida cotiá das súas xentes que un día un portavoz da administración Bush anuncie un pequeno alivio ou unha pequena fenda nese embargo que dura tantas décadas; ou que escasas semanas despois o anuncio sexa do tenor contrario, para dar satisfacción ás presións das comunidades cubanas asentadas en Miami e das que tanto necesita Bush para garantir a súa reelección o ano próximo. Ou que un presidente español denegue o visado de entrada no Estado a todo un vice ministro de Educación situando as relacións bilaterais nun perfil máis baixo e enrevesado que o existente na España de Franco. Hai en Cuba unha coiraza invisible que semella amparar contra as ilusións dun cambio próximo nunhas duras condicións de vida, edulcoradas baixo o eufemismo do chamado "período especial" que dura e pode durar aínda máis e que serve tamén para disfrazar a desidia e unha desgana que van adquirindo o aquel de sistémicas.
Poida que Cuba, socialista ou non, en período normal ou en período extraordinario, non poida ser doutra maneira. Pero non parece. Fóra do aeroporto José Martí ou dalgunhas librarías de La Habana, a onde chegan as maiores riadas de turistas, a penas se poden atopar libros ou edicións recentes, convertendo os expositores en auténticos anticuarios. Probablemente, as dificultades económicas obriguen a definir prioridades e a primeira pasa por manter o sistema educativo básico, pero as impresións humanas que recibe o visitante militan sempre na contradicción e no contrapunto: a longa lexión de ociosos que chama a atención en numerosos establecementos laborais e o enxeño á hora de resolver tantos problemas da vida normal, dende o funcionamento dos vehículos con décadas enriba á confección de adornos mediante a utilización das latas de cervexa, Bucanero ou Cristal, que nisto da bebida máis popular, coma no ron, si que hai onde elixir.
Pero nada diso xustifica que os xelados de Copelia a penas inclúan froita, coma nos mellores tempos, cando os suministros do leste europeo tapaban tantos buratos, nun país no que a froita é tan abundante; ou que o sistema de telefonía interna dun hotel poida estar semanas sen funcionar debendo recorrer aos "matutinos" para que vaian espertando, porta por porta, aos hóspedes agraciados coas avarías de mil e un sistemas. Diríase que as estrelas dos establecementos hoteleiros nun país que tanto aposta polo turismo, son meramente orientativas. Ten o seu encanto, claro, pero fronte ao discurso permanente da exaltación da heroicidade e do sacrificio, difícil de evitar nas condicións do país e decisivo para manter o nivel de mobilización popular de todos coñecido, o esgotamento e a desidia, tamén asoman. Hai un chivo expiatorio fácil para tapar a boca a quen reclame: se recoñece o problema e se culpa ao bloqueo.
A politización da sociedade, asentada na exaltación permanente do nacionalismo, está presente en todos os recunchos. Se un vai camiño da popularizada Virxe do Cobre, nas proximidades da fermosa Santiago de Cuba, no camiño da redención atopará a porta da morada en que habita o Secretario Ideolóxico, o guía espiritual laico que aquí como en calquera barriada do municipio do máis pequeno de Cuba, serve de referente para gañar toda discusión para a causa. Tamén no Santuario pode darse un de narices co espacio máis visible da discrepancia, modesto pero exaltado, cunha simple banda de tela, medio oculta, reclamando liberdade para os presos políticos que o réxime nega, pese ás múltiples evidencias do contrario.
"Las ideas no se matan a palos", contan que o Che lle dixo a Roberto Acosta, o dirixente troskista liberado a comezos dos anos sesenta por intermediación do propio Ernesto. ¿É posible un certo pluralismo democrático na revolución? ¿Ata que punto pode considerarse normal a expresión pública de desacordos no proceso de construcción do socialismo? A inexistencia desas posibilidades conduce toda expresión de diferencia a unha contradicción irresoluble. Os argumentos do bloqueo, das dificultades económicas, do quintacolumnismo, etc., non poden sela chave que peche con mil candados a discusión sometida á dictadura da satisfacción das necesidades básicas.
Todos somos cederistas
A conmemoración do 43 aniversario da fundación dos Comités de Defensa da Revolución (CDR) anegou o país de mil festas e proclamas. Barrio a barrio, en todas as esquinas, a festa, a música, a comida, a convivencia expresase cunha humanidade e unha naturalidade verdadeiramente asombrosa, ata o punto que custa crer que toda esa mobilización poida ser instigada artificialmente dende o poder. O "misterio" desta Revolución está nas masas, se afirma dende o Granma, palabras de Fidel, empeñado loxicamente en queimar os últimos cartuchos para que a súa mensaxe de conservación da Revolución non caia en saco roto e sexa interiorizada por quen están en mais directo contacto con esa poboación que percibe as carencias coma ninguén. A primeira vista, non é tanto o que poden perder os milleiros de cubanos que sosteñen co mínimo, pero cando se ten pouco, perder algo pode adquirir dimensións próximas á traxedia.
Case vinte anos despois da miña primeira visita a Cuba, o tempo parece suspendido na illa. No ambiente se respira un compás de espera, sen saber moi ben se cabe esperar algo, se algo pode pasar, e non necesariamente porque teña que pasar. É a complexidade cubana. Diriamos, por resumir, que se percibe a necesidade de descartar que pase algo. E se ten que pasar, pois que pase. E por iso é inevitable certa expectación. Como tamén se da fóra. Na illa non están tan illados.
A capacidade de supervivencia do réxime cubano está mais que demostrada. Sen certo apoio popular sería impensable e ese respaldo provén da proximidade das manifestacións da propia Revolución que razoa coas familias e as súas necesidades, cos habitantes dos barrios que ademais das dificultades perciben os logros positivos e os esforzos que, con ritmo cubano naturalmente, se levan adiante para superalas. Para a vixilancia e para manter a combatividade revolucionaria, ese corpo de cadros e funcionarios que estructuran tantos recovecos da vida social, económica, cultural e política é decisivo. Esa burocracia semella máis próxima á cidadanía que a existente nos países do socialismo real, aparenta unha maior identificación cun proxecto civilizatorio como é o socialismo cubano, que vai mais alá do estrictamente económico ou político. Hai neles aínda signos de que non soamente loitan contra a miseria e polo progreso, senón tamén contra o alleamento que noutros lares e con matrices ideolóxicas semellantes, nos leva a competir co mercado para ser máis eficientes e eficaces. Os cubanos non son chineses, aínda que cada día é máis usual a presencia de funcionarios de alto nivel no Imperio do Centro. Raúl mira moito cara a China.
Que as desigualdades, aínda existindo obviamente, sexan mínimas, pode levarnos a pensar, quizais con mais esperanza ca realismo, que pervive unha ética social que aspira a construír un modelo de sociedade afastada do individualismo mesquiño e consumista e que acouta o papel da tecnocracia e da burocracia nun nivel de escasos privilexios.
¿Lagoas? Mais que os privilexios dos dirixentes e capas medias, chama poderosamente a atención a tolerancia, mesmo paternalista, da prostitución. Esa, segundo algúns, válvula de escape, vergoñenta, resulta dificilmente conciliable coa idea dunha ética social presente no proxecto emancipador cubano. Nos documentos oficiais debatidos no recente Congreso dos CDR a penas se inclúen mencións a este grave problema, unicamente para salientar a necesidade de "convencer de su error a muchachas con tendencia a prostituírse y en la neutralización del proxeneta". Entre a cidadanía común, son moitos os que non queren ver o problema e séntense especialmente incómodos cando alguén suscita o tema. Pero é inevitable. Se o Partido e o goberno de Cuba quixeran por fin a este comercio carnal poderían facelo dun día para outro. Pero as contradiccións existen e quen apela á ética cunha reiteración asombrosa tamén pode ser acusado de tolerar mellor o proxeneta que o intermediario agrícola, eliminado nos comezos da experiencia dos mercados campesiños que tanto podían animar, licitamente, a producción agrícola, o subministro urbano e proporcionar un maior benestar á poboación. Esa ausencia lle custa ao goberno cubano, entre outras cousas, que un dos maiores problemas da delincuencia sexa hoxe a destrucción de gando maior, que desaparece das granxas para nutrir as necesidades do mercado negro.
Outro tanto acontece coa liada do dólar e o euro. O dólar é o rei, non soamente para os turistas, tamén para moitos cubanos con familiares fóra que envían puntualmente as súas remesas á illa. O euro non é aceptado en moitos lugares de Cuba. O serio é o dólar norteamericano para un goberno que comparte o carro das argumentacións monetaristas para denunciar as razóns do ataque USA a Iraq. A dolarización é un feito, se ben é esaxerado pensar, como alguén chegou a dicir, que en Cuba, por esa razón, se estea a restaurar o capitalismo. O carácter anticapitalista do sistema é medular. Ninguén escoitará defensas alucinadas do mercado, de privatizacións ou de bolsas de valores. Pero o mercado é o rei no sector turístico e con el as desigualdades son o pan de cada día. Dixerible aínda, pero de mala dixestión para todos aqueles que non teñen doada xustificación para achegarse a ese mundo agradable e por veces ostentoso en medio da privación.
Pese a todo, é difícil atopar miseria en Cuba. En 2003, Cuba é, segundo o PNUD, o país que presenta a mellor clasificación en termos de desenvolvemento humano e en relación ao seu PIB. É dicir, tendo en conta o limitado dos seus recursos, é o pais quen obtén mellores resultados sociais. Incluso nos momentos mais duros da crise, no comezo dos anos noventa, as carencias nutricionais, declaradas daquela por instancias internacionais como a FAO ou a OMS, eran tres veces mais baixas en Cuba que en Chile ou dúas veces máis baixas que en Costa Rica. Esa preocupación merece un inmenso respecto, como afirmaba o Presidente Lula, de visita oficial na illa a finais de setembro último.
Camiños para Cuba
Todo ese andel de persoas e estructuras que sustenta o réxime, ¿poderá garantir que este sobreviva ao propio Fidel? Xunto co Exército que comanda Raúl constitúen a espiña dorsal do sistema e en aparencia simboliza unha ampla e numerosa masa difícil de desconcertar. A sensación de que nada teñen que facer quen aspire a derrubar o sistema é perfectamente perceptible a pouco que un se adentre en comentarios con taxistas, en paladares, cun limpabotas ou unha vendedora de flores; especialmente se a operación conta coa instigación e o beneplácito de Washington. Naturalmente, ninguén di que non a máis liberdade combinada coas vantaxes do sistema, a pesar das súas limitacións. É unha ecuación complicada, unha síntese difícil que pode favorecer o illamento de amplos sectores da poboación na indiferencia en caso de estoupido dunha crise post-Fidel. Pero Cuba, non o esquezamos nin o minusvaloremos, ten demostrado a súa capacidade histórica para absorber mil mestizaxes e de mil signos diferentes. A mulata, como lembran a cotío na cidade santiaguera. No país do son e do ritmo caribeño, ata a corneta chinesa pode ser incorporada como instrumento musical no Tropicana. E sen estridencias.
¿Soster a Cuba? Que poida sobrevivir nas condicións actuais, con todas as carencias e contradiccións que se queira, cun proxecto autónomo, anticapitalista e que reivindica o socialismo, semella case un milagre. Os últimos respaldos, de Lula ou Kirchner, sumados ao sempre entusiasmado de Chávez, abren un respiradoiro importante para resistir e avanzar nas difíciles circunstancias internacionais do momento. Pero nin Lula nin Kirchner, nin seguramente o propio Chávez pese ás acusacións da oposición nese sentido, imaxina a implantación do modelo cubano no seu respectivo país. A diferencia de hai soamente vinte anos, na mesma América Latina, ninguén pode imaxinar un camiño que non sexa o propio para seguir progresando, quizais mais lentamente pero sen fórmulas expeditivas que poñan en perigo o pluralismo ou as liberdades públicas, valores imprescindibles sen os que hoxe non parece posible outro mundo posible. Esa autonomía na busca interminable do mellor sistema para as maiorías sociais tamén a merecen os cubanos e só a eles lles corresponde decidir.