13, o número da mala sorte. Bromas do destino. A Europa dos 25 vive momentos de incerteza. Chipre, Malta, Polonia, República Checa, Eslovaquia, Estonia, Polonia, Letonia, Lituania, Eslovenia, e Rumanía teñen aínda deberes por facer. A dia de hoxe, Rumanía, Bulgaria e Turquía terán que agardar a despois do 2004. Facer predicción nas Ciencias Sociais non é ler na bola de cristal, son precisos instrumentos de análise. Os marcos interpretativos son as pezas esenciais neste xogo. E eu pregúntome, como pode haber sorpresa ante as dificultades coas que se atopan as mulleres dos países postcomunistas, á hora de converxer coas súas colegas europeas?
O proceso de transición da economía estatalista á economía de mercado foi un proceso rápido, sen regular. A variábel xénero é unha das dimensións que rixen a actual política europea, de aí a importancia que cobra como condición para os candidatos á UE . Mais non nos esquezamos que dez dos países candidatos pertencían á órbita soviética, onde as mulleres experimentaron avances considerábeis. No 1984, o 31 % dos parlamentarios soviéticos eran mulleres. Dez anos despois da caída do muro de Berlín, no 1999 nos estados ex-soviéticos non alcanzaban o 10 %.
É un paradoxo, certamente. Os países bálticos, antes Repúblicas da ex- URSS, queren formar parte agora da UE. Na década dos oitenta, era impensábel. A independencia e o proceso de transición nas tres repúblicas ex-soviéticas, produciuse nunha década dos noventa onde se comezaba a materializar unha nova orde internacional.
Por que Estonia? Estonia é o oitavo da clasificación dos países candidatos. O Informe Anual para a Igualdade de Oportunidades do Consello das Comunidades salienta o retraso de Estonia neste aspecto. Que acontece nun dos países preferidos por suecos e suecas como destino de fin de semana?. Sen dúbida, os cambios na súa estructura económica afectaron ás mulleres estonas. Os índices de desemprego son relevadores: un 12,4% de 1.4000.000 habitantes. As mulleres representan o 57,3% da tasa de emprego fronte a 65,5% dos homes. Estonia está baixo un goberno conservador: un réxime semi- presidencialista, de talante tatcheriano, máis preocupado pola liberalización do mercado (reconversións, cotas á producción agrícola, etc.) que pola elaboración de políticas activas de emprego.
Fagamos memoria.Na última etapa da década dos noventa aparecían publicados os primeiros estudios acerca das consecuencias para as mulleres do novo proceso de democratización e de apertura económica nos países do leste. Todos coincidían nunha característica común: a saída do mercado laboral das mulleres, as máis perxudicadas do proceso. Porén, para alcanzar as esixencias económicas de Bruxelas sacrificáronse as conquistas sociais das mulleres: desapareceron prestacións públicas como garderías, e comedores o que provocou unha redefinición dos roles, desempeño de tarefas tradicionais coma o coidado, etc. A permanencia das mulleres en política quedou relegada á esfera local, pauta común nalgúns estados membros europeos.
O clube dos 25 será un mercado que anda á procura dunha pauta única. O proceso constitucional no que estamos inmersas, reabre o debate acerca do rol das mulleres na sociedade europea do s.XXI. Eis a contradicción: sen regulacións no mercado que controlen a competitividade salvaxe e a privatización dos sectores públicos, o accceso á vida pública e a presencia das mulleres no mercado laboral en condicións de igualdade nos salarios e no desempeño de postos de responsabilidade distarán moito de seren unha realidade.
Agora ben, coa incorporación dos novos membros como recolle o Parlamento Europeo, a porcentaxe do 31 % de mulleres está en perigo. Sen embargo, as experiencias das mulleres feministas do "outro lado" poden enriquecer o debate. A política feminista de A. Kollontai o C. Zetkin foi posíbel coas súas dificultades. O seu discurso estivo presente na Conferencia en Pekín. As mulleres do Terceiro Mundo e das periferias europeas aportan alternativas ao incorporaren á construcción da identidade de xénero, a dimensión de clase e de identidade nacional, de experiencias culturais diferenciadas, recoñecidas por todas nós. As mulleres estonas, atópanse nunha encrucillada. Nembargantes, a presencia dunha Ministra de Asuntos Exteriores, Kristiina Ojuland, sen nengunha dúbida, impulsará a presencia de mulleres estonas nas vindeiras elección europeas.