Na pasada fin de semana dous mozos morreron durante o desaloxo dunha ponte colgante, ocupada por funcionarios públicos que demandaban o pagamento dos salarios adebedados dos últimos meses.
É a primeira grande crise que ten que afrontar o recen estreado goberno progresista dirixido por Fernando de la Rúa.
A intervención policial desembocou en dúas mortes que prenderon a mecha dun médrante conflicto social. Son moitos os sectores que acusan a Xendarmería Nacional de ter asasinado a tiros, moi perto da conflictiva ponte, a dous mozos que participaban nas protestas. Pola contra o goberno mantén que posúe probas suficientes que apuntan cara a varios francotiradores, estreitamente ligados a grupúsculos radicalizados, como responsables das mortes.
50.000 funcionarios públicos, moitos deles mestres, levan tempo demandando o pagamento das tres mensualidades e media, que se lles adebeda.
Unha difícil proba para o novo goberno que onte tivo que enfrontarse a unha folga convocada pola CTA en repulsa polas lamentables mortes. O líder desta central sindical Víctor de Genaro cargou contra o anterior goberno as culpas do acontecido en Corrientes, e afirmou que o paro convocado pola súa central sindical é a favor da vida e non contra ninguén concreto.
A conflictiva e deprimida provincia de Corrientes ven sendo obxecto nos últimos sete meses de constantes protestas, contra unha administración que posúe un presuposto cronicamente desiquilibrado e unha débeda acumulada de 1.500 millóns de pesos. Por esta razón o goberno de Bos aires, xa lle retén parte dos fondos que lle debería transferir mensualmente.
A pesares da creba económica das arcas provinciais o novo interventor Federal en Corrientes Ramón Mestre, afirmou que: "…o conflicto social resólvese con cartos. Pero o máis perigoso de Corrientes está no interior da súa clase política".
Neste ano houbo unha cadea de atentados contra os dirixentes provinciais. O último, o sábado cunha carta bomba que lle estopou nas mans a un deputado peronista.