20071120singapur asean wen jiabao e yasuo fukuda

Tensións ocultas entre Xapón e China

 Wen Jiabao e Yasuo Fukuda en Singapur, clic para aumentar
O pasado 14 de novembro, durante unha reunión gobernamental entre ambos países, China ameazou con enviar barcos de guerra ao Mar de China Oriental se Xapón continúa cos seus proxectos de prospección de gas. Este suceso debeu tratarse no encontro persoal entre Yasuo Fukuda (dereita) e Wen Jiabao en Singapur, ao igual que a posibilidade de que o primeiro ministro xaponés visitase China.
 

Existe actualmente unha conxuntura complicada nas relacións entre Tokio e Beijing. O pasado 20 de novembro realizouse en Singapur un encontro entre os primeiros ministros de Xapón, Yasuo Fukuda, e de China, Wen Jiabao, no marco dun cumio da ASEAN e dun certo repunte das tensións territoriais entre ambos países.

O pasado 14 de novembro, durante unha reunión gobernamental entre ambos países, China ameazou con enviar barcos de guerra ao Mar de China Oriental se Xapón continúa cos seus proxectos de prospección de gas. Este suceso debeu tratarse no encontro persoal entre Fukuda e Wen Jiabao en Singapur, ao igual que a posibilidade de que o primeiro ministro xaponés visitase China. Nos medios xaponeses espérase que Fukuda estableza unha boa relación con Beijing, pero a tensión territorial actual dificulta non só o achegamento senón a posibilidade de que Xapón comece esas prospeccións.

Reclamacións limítrofes e gasíferas

En realidade, cal é a base do problema? No Mar de China Oriental existe un conflito territorial entre Xapón e China. Para Tokio, a liña de demarcación está xusto no medio entre as Illas de Okinawa e China (Liña Media entre Xapón e China), que equivale á zona económica exclusiva de feito, e reclama a súa lexitimidade segundo a convención internacional vixente.

Con todo, China di que a liña de demarcación está no lugar coñecido como Okinawa Trough, onde existe unha extremidade da súa plataforma submarina e que está moi preto das Illas de Okinawa. Beijing reclama a súa lexitimidade segundo a interpretación habitual do Dereito Internacional antes dos anos 1970 aínda que, tomando como referencia a investigación do profesor Kimura da Universidade de Ryukyu, a plataforma submarina de China segue ata as Illas de Xapón, é dicir, China e Xapón atópanse na mesma plataforma continental.

Anteriormente non existía un conflito grave entre Tokio e Beijing, pero as tensións incrementáronse cando foi descuberto gas natural no Mar de China Oriental e o goberno de Xapón deuse conta de que China empezara o desenvolvemento do campo de gas natural en Chunxiao no 2004, (en xaponés denominase Shirakaba).

O problema é que Chunxiao está a só 1,5 km da Liña Media. Segundo a investigación de Xapón, a estrutura subterránea de Chunxiao atravesa a Liña Media e continúa ata Xapón, é dicir, se China empeza a explotar o gas, é posible que explote tamén un recurso natural de Xapón. Tokio esixiu o cesamento da obra de desenvolvemento e pediu a Beijing que ofrecese os datos da estrutura subterránea, pero China rexeitou esta petición. En xullo de 2005, o Ministerio de Economía, Comercio e Industria de Xapón outorgou un dereito de prospeccións a unha empresa, a Teikoku Oil Co Ltd. Existen cinco campos de gas natural ao redor da Liña Media, que teñen o seu propio nome tanto en xaponés como en chinés.

A modo de resolución do problema, no 2007, o goberno de Xapón facía unha proposta a China para desenvolver cooperativamente os campos ao redor da Liña Media, que foi finalmente rexeitada por Beijing. Pola súa banda, o goberno chinés tamén propuxo o desenvolvemento cooperativo, pero só no lado xaponés da Liña Media, razón pola cal Tokio rexeitou esta proposta. Na actualidade, a armada chinesa custodia os campos de gas con cinco buques armados da clase Sovremenny, que forman parte da súa renovada flota.

Pola súa banda, Xapón intentou adoptar unha actitude máis conciliadora. Propuxo a Beijing o desenvolvemento dunha parte ao lado xaponés da Liña Media se aceptaba implementar un desenvolvemento cooperativo dos campos de gas, incluídos os de Chunxiao. Se China aceptaba esta proposta, o problema territorial quedaba temporalmente en suspenso, feito que podería propiciar a firma dun acordo: que cada país se ocupara da metade dos gastos do desenvolvemento e a metade dos dereitos polo gas natural.

O escenario actual

Resulta claro que todo este escenario leva a diversas especulacións, aínda que especialmente sobresae unha: por que Xapón amosa agora a súa dispoñibilidade a facer concesións?

Como se comentou anteriormente, crese que Fukuda é unha persoa que pode establecer unha boa relación con China, por iso quere obter un éxito concreto na próxima visita a ese país. Ademais, o artigo 9 da Constitución de Xapón prohibe o envío ao exterior das forzas armadas así como utilizar a ameaza militar como medida para resolver conflitos internacionais. De aí que Xapón deba xestionar a crise a través do diálogo e as negociacións, aínda que exista unha posible ameaza militar por parte de China. O obxectivo desta concesión é que Xapón quere desatascar a concesión de China sobre o problema territorial, é dicir, quere que recoñeza e respecte a Liña Media.

Os analistas aseguran que hai pouca cantidade de gas en Chunxiao. Polo tanto, non existen moitos beneficios para China aínda que continúe desenvolvendo eses campos. Isto leva a outra interrogante: por que China quere desenvolvelos? A resposta estaría no tema territorial. Están as Illas de Senkaku, ao suroeste do Mar de China Oriental, entre a Okinawa Trough e a Liña Media. Segundo a investigación mariña das Nacións Unidas en 1970, suponse que hai aproximadamente 109.500 millóns barrís de petróleo ao redor das Illas de Senkaku, que equivalen ás reservas de petróleo en Iraq. Polo tanto, é posible que China queira iniciar os seus proxectos de desenvolvemento nesa zona, polo cal empezou a reclamar o dereito á súa posesión a partir de 1971.

O obxectivo de China non é só o gas senón tamén o petróleo no lado xaponés. Entón, co desenvolvemento de Chunxiao, que está preto da Liña Media, e cunha proposta de desenvolvemento cooperativo só no lado xaponés, China intenta obter o dereito de posesión ata a Okinawa Trough, incluídas as Illas de Senkaku.

A verdade é que, aínda que Beijing empezou o desenvolvemento no lado chinés da Liña Media, Xapón aínda non pode empezalo no lado xaponés porque China reclama o dereito de posesión. Do mesmo xeito, China ten agora unha oportunidade para aproveitar a situación con Fukuda como primeiro ministro e a súa política de conciliación con Beijing. Este escenario abre tamén novas interrogantes: que ocorrerá coa concesión de Xapón? China tamén fará concesións como Xapón desexa? Ou ben Beijing ampliará o seu territorio mentres Xapón propón o desenvolvemento cooperativo no lado xaponés?

O pasado 16 de novembro, o secretario xeral do Gabinete de Xapón, Nobutaka Machimura, mantivo unha reunión co embaixador chinés en Tokio, Cui Tiankai, coa finalidade de resolver este problema antes de que Fukuda visite China. O embaixador tamén mostrou a súa intención de propiciar unha solución rápida e esforzarse na cooperación. O primeiro paso foi o encontro de Singapur do pasado 20 de novembro, coa reunión entre ambos primeiros ministros. Quizais esteamos ás portas dunha nova etapa nas relacións entre Xapón e China.