Teorías a proba

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

Non son poucos os que aproveitan os eventos destos últimos meses para insistir que todo o acaecido proba a falsedade da tese de Fukuyama acerca da Fin da Historia. Menos son en cambio os que salientan que outras dúas coñecidas hipóteses están a ser postas a proba nesta crise.

Empecemos coa teoría de Paul Kennedy sobre a "sobreextensión imperial" de Estados Unidos. A década que seguiu á caída do Muro parecía unha refutación da idea de que o imperio americano extendérase mais alá do que marcaba a lóxica estratéxica. Foran anos de aparente imparable criación de novas bases, novas relacións privilexiadas, e de continuas chamadas a Washington dende distintos rincóns da terra có obxecto de desenrolar mais firmes vencellos.

Nestes anos, sen inimigos nin rivais da súa altura, os americanos deixaron de lado toda prudencia no seu expansionisno, fiándose na súa superioridade tecnolóxica, militar, financeira e cultural. Adordaron compromisos de defensa en territorios de incerta relevancia estratéxica para eles (Polonia, Israel, Taiwan). Danaron xentes e pobos, sen que lles fora niso o interese nacional (Iraq, Iugoslavia). É así que hoxe semellan ter máis inimigos, e os seus aliados semellan menos fieis. A realidade dun novo século americano, que hai un ano os máis daban por descontado, será posta en cuestión nesta crise. O resultado dela pode ser un pulo da influencia americana na Asia Central (o landbridge do que falaban os xeoestrategas, hoxe cheo de petróleo), ou a primeira das retiradas estratéxicas dende guarnicións avanzadas dun imperio sobreextendido.

A outra teoría da que sí se está a falar nestes días é a tese de Hungtinton sobre "o choque das civilizacións". Molestos coa palabra "choque" (clash), non se soe observar que a idea básica do profesor de Harvard é a de que as liñas divisorias da política do noso tempo non serán as ideoloxías, nin as nacións, senón as civilizacións. A posición política das xentes dependerá da súa identidade cultural. O discurso oficial da nosa clase política rexeita explicítamente esta tese. "Ista é a loita entre xentes amantes da paz contra o terror", e critica agriamente ós que a defenden como "inimigos da paz mundial".

Nembargantes, a realidade non parece ratificar as súas verbas, e fronte a esta crise, resulta difícil negar que os posicionamientos dos distintos países, incluso persoas, xurden da oposición occidental/musulmán. Vemos así que as dúas nacións que máis deben temer a Al Qaida, Exipto e Arabia Saudita, profundamente interdependentes ademáis cos Estados Unidos (anque Exipto é simplemente dependente), amosáronse moi incómodas ante o ataque a Afganistán. Na mesma Europa, asociacións cívicas musulmanas perfectamente integradas e respectuosas coas leis, protestaran igualmente. A pesares de tratarse de xentes que contan con incentivos dabondo para loitar contra o integrismo. Non soamente rexeitan o terror, tamén o temen.

Os que se opoñen a esta teoría usan de dúas estratexias argumentativas. Unha, as ideas constructivistas e posmodernas que afirman que o concepto de civilización, como todo concepto, é un artificio ideolóxico sen base real. A segunda, máis extendida, afirma que nos nosos tempos resulta imprescindible "o diálogo das civilizacións", argumento có que recoñecen a verosimilitude da tese de Huntington.

Coido necesario salientar a postura dos países islámicos nesta polémica. Emerxen indignados sempre que aparece unha sombra de loita civilizacional en Europa, pero proclaman cada vez con máis empeño a solidariedade do mundo musulmán, e declaran oficialmente en todo foro, en toda reunión, o deber de axuda e cooperación entre eles. Incluso consideran proprios os conflictos nos que están implicados os países irmáns, e por tanto unha obriga moral e relixiosa poboar os Afganistáns, Bosnias e Cosovas do momento de armas e soldados. É dicir, agrúpanse sen pudor arredor da súa relixión, pero teñen por afrenta as organizacións internacionais con apariencia de "clubs cristiáns".

Non está escrito que esta relación acabe en "choque". Pero se o futuro é o das divisións dacordo coas civilizacións, o feito de que a esta oposición se superpoñan as tensións nacidas polo conflicto entre modenidade e tradicionalismo e, sobre todo, entre riqueza e pobreza debería preocuparnos a todos.