Dezanove anos despois da traxedia, a lembranza do acontecido na praza de Tiananmen, no corazón da capital chinesa, mantense como un triple reclamo. Primeiro, de xustiza para as vítimas. Segundo, de reconsideración da lectura e interpretación oficial dunha mobilización cualificada de “sediciosa”. Terceiro, como revindicación dun sistema político que afonde na superación das eivas sociais e democráticas, que estaban no cerne da protesta estudantil e cidadá daqueles días.
Nos case catro lustros transcorridos dende entón, China experimentou un profundo cambio, especialmente no eido económico, experimentando un celebrado crecemento. Non obstante, os déficit sociais e políticos da reforma permanecen agravados, sen que as tímidas respostas arbitradas poidan despexar as incógnitas respecto ao futuro.
As preocupacións de hoxe dos estudantes semellan outras. Cun nacionalismo a flor de pel, o soño dunha emerxencia operada sobre bases propias e afastada do ideal democratizador occidental opaca outras tensións. As dificultades internas, políticas e económicas; as calamidades naturais; os xogos olímpicos, invitan a pechar fileiras e enxalzar os valores nacionais.
Pero todos saben que un día haberá que plantar cara a aqueles sucesos. Non será pronto, pois aínda que afastados da estrutura burocrática, permanece inalterable a influencia de protagonistas destacados daquela represión. Aínda así, a conciencia, a mala conciencia, abrirase paso para poñer as cousas no seu sitio e a cada quen no seu lugar. Inexorablemente.