Os efectos do acontecido en Tiananmen en 1989 permanecen vivos na sociedade e na dirixencia chinesa. Quizáis non irrumpan nos próximos días coa contundencia desexada ou agardada por algúns, pero subsisten amplamente e en moitos lugares lembrarase tan tráxica data. O goberno cuidouse de adoptar as medidas “ocasionais” (poñer patas arriba a propia Praza) para non tentar a sorte, pero aínda asi, nun país que tanto interiorizou a virtude de honrar ós mortos, cemiterios e corazóns veranse poboados de lembranza en homenaxe ás víctimas.
Na China é moi grande a significación política da protesta estudiantil. Ä tradicional e elevada consideración social da educación (a relación mestre-alumno soamente é superada en importancia pola paterno filial), hai que sumar a transcendencia política das mobilizacións estudiantís. Sucesos fundamentais na historia contemporánea chinesa veñen marcados por algunha revolta universitaria. Asi aconteceu o 4 de maio de 1919, cando os estudiantes mobilizaronse contra a humillación infrinxida a China polas grandes potencias na Conferencia de París; ou en 1976, cando millón e medio de persoas lembraban en Tiananmen os tres meses do falecemento de Zhou Enlai para logo iniciar a definitiva derrota da Banda dos Catro; ou no inverno de 1986-87, precipitando a caída de Hu Yaobang, o primeiro elixido de Deng Xiaoping. En 1989, a maiores, rexistrouse unha crecente participación cidadá e obreira que eu orixe ó Sindicato Autónomo Unido, agravando así a preocupación dun réxime que fundamenta boa parte da súa lexitimidade no apoio e representatividade dese corpo social. Tampouco é froito da casualidade que foran os estudiantes o principal referente da mobilización contra o recente bombardeo da embaixada chinesa en Belgrado.
O Partido Comunista estableceu un peculiar culto dos estudiantes, a quen ensalzou como unha vangarda progresista da loita política. O chamado “espíritu do 4 de Maio” está na orixe da revolución da nova democracia e do propio Partido (1921). En consecuencia, unha mobilización crítica cos seus aduladores constitúe algo máis ca un toque de atención; é unha bofetada en toda regla. Para explicar o sucedido hai dez anos, un amigo chinés me recordaba a parábola do Mestre Ye e o dragón. O Mestre Ye era un funcionario da época da dinastía Han apasionado ata o delirio polo dragón, unha figura mítica milenariamente asociada á demostración de poder. Tal era a súa devoción, conta a lenda, que na súa casa todo imitaba este motivo, dende as pinturas ás tapicerías, sillas, porcelanas, etc. Pero un traveso mandarín xogoulle unha mala pasada. Un día simulou a aparición dun dragón con tal nivel de fiereza e verosimilitude que, nada máis velo, o Mestre Ye quedou horrorizado. O susto foi tan impresionante que nunca máis quiso saber nada de dragóns. Mutatis mutandis, en Tiananmen, hai dez anos, os estudiantes eran o dragón e o Partido, o mestre Ye …
¿Que reivindicaban os estudiantes? A mobilización naceu como unha expresión de tributo á memoria de Hu Yaobang, principal inspirador da reforma urbana iniciada en 1984 e condenado ó ostracismo polo Partido tres anos despois. Moitos admiraban a integridade de Hu, un home pequeno -medía 1,58 cm- “que incluso detentando o máis alto cargo do Partido non chegou a crecer un só centímetro”, dicíase; algo, certamente pouco frecuente entre os dirixentes. Mentres Hu viviu sempre nunha modesta casa, Li Peng, por exemplo, residía no “Pavillón das Luces Violetas”, en Zhongnanghai, o Kremlin chinés. A protesta estudiantil, cando menos inicialmente, ía dirixida contra o parasitismo burocrático, o deterioro da educación, o mal funcionamento xeral do sistema, pero sobre todo, contra a corrupción, os privilexios e a dobre moral. Non foi, non nos enganemos, unha exhibición de aberta oposición ó réxime e de reivindicación dunha democracia de corte occidental; máis bien se trataba dunha demanda pacífica, sentida e contundente de profundización e regeneración democrática.
Dende o exterior, dúas foron as principais interpretacións do sucedido. Segundo a máis extendida, Zhao Ziyang, líder do grupo liberal reformista e partidario do diálogo cos estudiantes, debeu ceder ante a presión de Li Peng e o bloque conservador-militar. A represión obedecería a unha estratexia calculada, a un plan premeditado, coa finalidade de acabar coa insurrección sen regatear o prezo. Segundo outra, Zhao Ziyang non sería tan santo e coa inestimable axuda do seu secretario particular, Bao Tong, habría intentado manipular en beneficio propio a protesta estudiantil co obxectivo de reavivar unha carrera política cada vez máis opacada por unha xestión económica farragosa. A matanza produciríase como consecuencia do desconcerto, o caos, e a estupefacción duns dirixentes que nunca lles pasou pola cabeza a resistencia estudiantil. En suma, que o “puñado de conspiradores” atopabase nas sedes gobernamentais e non entre os folguistas que ocupaban a Praza. Pero as principais víctimas da traxedia foron os estudiantes.
Está fuera de dúbidas, en calquer caso, que o Partido, ó igual que a sociedade, atopabase profundamente dividido ante a tesitura de como resolver a crise e Deng Xiaoping tivo que impoñer un severo cerramento de filas, seguido do inevitable reaxuste no cume do poder. Os cambios non comportaron, como se temía ó comezo, modificación algunha do rumo iniciado en 1978. Sorprendentemente, o impacto das mobilizacións resultou practicamente nulo nas zonas máis desenvolvidas do país, os chamados “oasis capitalistas”, nos que, en teoría, un maior nivel de riqueza e de liberdade económica deberían servir de estimulo e fundamento para esixir con empeño a que Wei Jinsheng chamou a quinta modernización (democracia política).
¿Nada se moveu dende entón entón? En apariencia, o goberno chinés mantense inflexible en canto á tipificación “contrarevolucionaria” daquel movemento. Hoxe, unha recente modificación constitucional xa suprimiu esa clase de delictos. Pero ademáis, nos últimos anos, paulatina e silenciosamente, intentouse pechar a ferida recurrindo a diferentes e puntuais medidas: exilios selectivos, pensións para as nais dos falecidos, diplomas de licenciatura para os estudiantes represaliados e para aqueles ós que non se lles permitiu examinarse… Caso a caso e casi todo, menos a autocrítica que a sociedade aínda agarda con tanta paciencia como resolución y que conta con partidarios en importantes sectores do réxime. Pero probablemente non se producirá en tanto Li Peng permaneza na xerarquía oficial do Partido ou do Estado.
Certo que en Zhongnanghai tiraron conclusións do sucedido, pero os problemas de fondo subsisten. En efecto, crearonse corpos especiais de policía para non ter que recurrir ós tanques á hora de reprimir protestas; millorouse o control macroeconómico da reforma; nivelouse a inflacción; acabouse coa gratuidade plena do ensino universitario para inducir nos estudiantes un maior compromiso co estudio; incentivouse a educación política patriótica, etc. Pero a corrupción é un magma moi dificil de erradicar nun país no que todo cómpre un padriño. Algunhas propostas impulsadas para atallala non produciron os resultados desexados.
En calquer caso, o máis grave e significativamente aínda pendente, é a ostensible incapacidade do sistema para resolver as diferencias e conflictos sociais por canles de diálogo, propiciando asi que toda discrepancia poida culminar nunha expresión antisistémica. Aínda sen abandonar os catro principios irrenunciables establecidos por Deng Xiaoping, nin adoptar o modelo político occidental, a China dispón de marxe suficiente para profundizar na democracia, para gañar en transparencia, para avanzar na independencia xudicial e no recoñecemento efectivo de máis liberdades. O control democrático da reforma debe xurdir da asunción do elemental principio de igualdade de todos os cidadáns ante a lei, da supresión desa humillante discriminación que diferencia entre membros e non membros do Partido. Algo tan simple e razonable pedían os estudiantes en Tiananmen e aínda hoxe constitúe a esencial pedra de toque para que se poida definir a reforma como autenticamente revolucionaria.
Sabido é que en Oriente a medida do tempo é diferente á nosa, pero, máis cedo que tarde producirase a relectura de tan dramáticos sucesos. Recordando tamén que os líderes estudiantís cometeron graves erros, os dirixentes chineses acabarán admitindo a súa incapacidade para dixerir unha protesta pacífica e xusta asi como a inmensa desproporción dos medios utilizados para contela primeiro e acalala despois. Aínda que o réxime poida efectivamente gañar tempo hoxe xogando a carta nacionalista, non poderá eludir a súa responsabilidade histórica. Un refrán chinés llelo recorda con tanta ponderación como sabiduría: “a árbore preferiría a calma, pero o vento non para”.