Todo o poder para o Kremlin

O pasado venres foi un bo día para o presidente Putin. A Duma aprobaba, por maioría absoluta, a reforma do Senado mediante unha lei que reforza substancialmente poder presidencial e exclúe aos lideres rexionais do Consello da Federación. Ao tempo, o Consello de Seguridade, poderoso e influinte órgano consultivo do presidente, aprobaba, no medio do rebumbio xerado polo caso "Gusinski", a nova doutrina de seguridade da información.

A lei de reforma da Cámara Alta foi aprobada con 308 votos a favor e 86 en contra. Dos grandes grupos da Duma, só os comunistas se opuxeron. O Consello da Federación, composto polos 89 xefes dos executivos rexionais que o terán que abandonar, non ten forza para opoñerse á reforma ao ser aprobada por máis dos dous tercios da Duma. A lei, que entrará en vigor en febreiro do 2001, impide formar parte da Cámara Alta do Parlamento aos xefes dos poderes executivos e lexislativos dos 89 suxeitos da Federación (21 repúblicas, 49 rexións, 6 territorios, 1 rexión autónoma e 10 distritos autónomos)e, en consecuencia, perden a inmunidade parlamentar. A nova lei permite, aos executivos e lexislativos dos "suxeitos", nomear de xeito directo cada un seu senador, que cesará no momento no que a institución que o designou remate o seu mandato.

Previsiblemente nesta semana a Duma aprobará outro proxecto de lei que permitirá ao Presidente da Federación destituír aos xefes dos executivos, aínda que fosen elixidos nas urnas, e disolver os lexislativos locais cando, en interpretación do Kremlin, aproben leis contrarias á Constitución.

Con anterioridade, un "ukase" presidencial tiña posto en marcha unha nova división territorial, que sen corrixir o mapa administrativo existente, superponse ao mesmo. A inmensa Rusia quedou divida en sete grandes distritos, ao fronte dos que, e con amplos poderes, estarán representantes persoais do Presidente.

Boris Nemtsov, exministro e líder da Unión de Forzas de Dereita, resumiu o espírito da nova lei nun explícito "Todo o poder para o Kremlin". A serie de leis e decretos, na práctica unha reforma constitucional encuberta, perseguen impoñer a "verticalidade" das leis, ou o que é o mesmo unha absoluta concentración do poder nas mans do presidente e da súa administración. A contrarreforma centralista é un chanzo máis na pretensión presidencial de recuperar a "grandeza" de Rusia, na exaltación do "chauvinismo gran ruso", na estratexia paneslavista, no intento de re-rusificación. Neste mesmo deseño compre incluír a confederación, a cinco anos vista, con Bielorrusia e, con máis sosego pola férrea oposición nacionalista, a busca de xeitos de achegarse a Ucraína. Na mesma dirección, anque noutra dimensión, apuntan as pretensións de recuperar influencias no sur do Cáucaso e nas repúblicas asiáticas exsoviéticas.

A estraña acción dos "wahabíes" de Basáiev en Daguestán e os, aínda sen explicar, atentados de hai un ano en varias cidades rusas, permitíronlle a Moscova iniciar a segunda guerra de Chechenia. ¡Moito deu de si esta carnicería!

A nova e grande Rusia constrúese baixo a ameaza do separatismo e do islamismo, ambos terroristas por definición e apoiase, cada vez máis, no antisemitismo, tan empregado en diversos momentos da historia rusa. Milleiros de rusos entenden o desastroso camiño cara o capitalismo como resultado da conspiración xudía. Gusinski sería hoxe a cabeza visible da mesma.

O discurso de Putin, ao presentar a nova doutrina de seguridade da información, foi unha gabanza da liberdade de expresión. Queda, pois, oficialmente descartado que as accións gobernativas contra o grupo Most teñan algo que ver coas críticas que os medios de comunicación do mesmo realizaron contra o, daquela, interino do Kremlin, durante as pasadas lexislativas e presidenciais ou coa imparcialidade no conflicto checheno.