Todo o poder para o Kremlin

O dirixente da Unión de Forzas da Dereita Boris Nemtsov, exministro de Enerxía e un dos moitos "golfiños" devorados por Ieltsin, empregou este arremedo de consigna bolxevique para referirse ao espírito das leis que a Duma ven de aprobar, por maioría absoluta, para ledicia do Presidente Putin.

A reforma do Consello da Federación, impulsada dende o Kremlin e aprobada pola Duma (dos grandes grupos só os comunistas se opuxeron), supón a práctica desaparición da autonomía dos "suxeitos" que conforman a Federación rusa, unha reforma constitucional encuberta e a posta en cuestión do carácter federal da organización estatal nacida en 1992. O proceso semella que non vai ter volta atrás. O veto exercido polo Consello da Federación quedará invalidado ante a maioría de dous tercios que obtivo a lei na Cámara Baixa. Aos 178 membros do Consello (dous por cada un do 89 suxeitos: 21 repúblicas, 49 rexións, 6 territorios, 1 rexión autónoma e 10 distritos autónomos) só lles resta recoller o acta de defunción. Negáronse ao suicidio, mais están igualmente mortos. A nova lei, entrará en vigor e febreiro do 2001, impídelle aos presidentes dos executivos e lexislativos rexionais formar parte da Cámara Alta do parlamento de Moscova e, en consecuencia supón para eles a perda da inmunidade parlamentar que algúns empregaban como escudo protector. Aparentemente mantén certas consideracións cos poderes rexionais ao permitirlle, aos executivos e lexislativos dos "suxeitos", nomear de xeito directo cada un seu senador, que cesará no momento no que a institución que o designe remate o seu mandato.

A administración presidencial perseverou no seu esforzo por limitar os poderes rexionais. O seguinte paso foi presentar na Duma dous proxectos de lei que permitirán ao presidente da Federación destituír aos xefes dos executivos, aínda que fosen elixidos nas urnas, disolver os lexislativos locais no caso que, segundo a interpretación do Kremlin, aproben leis contrarias á Constitución, e mesmo cesar aos alcaldes. Os dous foron aprobados por maioría absoluta e superior aos dous tercios.

Con anterioridade un "ukase" presidencial tiña posto en marcha unha nova división territorial, practicamente coincidente coa militar, que sen corrixir o mapa administrativo existente, superponse ao mesmo. Dende o Báltico ao Mar do Xapón, o xigante ruso quedou dividido e sete enormes distritos que serán dirixidos, con amplos poderes, por representantes persoais do Presidente.

As mudanzas lexislativas e administrativas conforman a cerna da contrarreforma centralista promovida por Putin dende a súa chegada ao poder. Nesta estratexia toma sentido a carnicería de Chechenia, non só como xeito de empoleirarse no Kremlin ou obrigar aos distintos sectores políticos a situarse no maniqueísmo de "estar con Rusia ou contra Rusia", senón, e fundamentalmente, como exemplo de ata onde está disposto a chegar no seu proxecto de re-rusificación, recuperación da "grandeza" perdida, exaltación do "chauvinismo gran ruso" e paneslavismo.

Os mandatos de Ieltsin caracterizáronse pola inestabilidade e permanente necesidade de apoios que o obrigou a negociar, ceder ou entramparse con occidente, cos lideres rexionais ou cos oligarcas. Pola contra, o actual presidente pretende imprimirlle a súa década a marca da orde, da disciplina e da recuperación da grandeza imperial, sen mudar o deseño económico herdado do seu antecesor. O ata hai ben pouco controlador do Kremlin, o plutócrata Berezovski, hoxe firme opositor ás pretensións centralizadoras, ten definido o proxecto presidencial como "modelo latinoamericano", esto é, conxunción de liberalismo económico absoluto e autoritarismo político. O exemplo a seguir sería o Chile de Pinochet e as súas altas taxas de crecemento económico e represión.

O Presidente Putin sabe manexar os elementos necesarios: quentarlle as orellas aos cidadáns con grandezas perdidas mais recuperables e topar culpables doados de esmagar. Para moitos cidadáns rusos, a causa da decadencia actual non está no boicot dos dirixentes soviéticos ás reformas de Gorbachov, nin nas manobras occidentais para facelas fracasar, nin no asalto dos oligarcas aos bens do estado, nin na carencia de tradición democrática, nin nas incapacidades de Ieltsin, etc., senón na permanente conspiración antirusa dos nacionalismos separatistas, dos islamismos anticristiáns e mesmo, ultimamente, no complot internacional xudeu encabezado por Gusinski. Entre os actuais dirixentes gobernamentais están estendidas concepcións como que as competencias dos "suxeitos" son excesivas e impiden a recuperación, que as independencias proclamadas despois de agosto de 1991 foron algo que non se puído evitar e non un exercicio de democracia, ou que o acordo do bosque de Belovesh foi un sacrificio histórico que algún día haberá que corrixir. Nesta dirección vai o proxecto de Confederación con Bielorrusia, a concretar nos próximos cinco anos, que para moitos deberíase estender á Ucraína se non fose pola resistencia do nacionalistas.

Para o círculo petersburgués de Putin a Rusia do século XXI debe recuperar a súa esencia histórica e reafirmar o seu carácter nacional. Acadar estes obxectivos pasa, en primeiro lugar por limitar os excesos federalistas, concentrar o poder e combater con todos os medios calquera tentativa semellante á chechena, como quedou explícito na doutrina sobre seguridade aprobada, o pasado 23 de febreiro, Día do Defensor da Patria, polo Consello de Seguridade na que se contempla a posibilidade de empregar armas de tipo nuclear no caso de agresión armada ou cando os outros medios para resolver as crises internas que ameacen a integridade territorial rusa se teñan esgotado ou resulten ineficaces. En segundo lugar por achegarse aos dous estados de maioría eslava (Bielorrusia e Ucraína) e despois xa recuperar a influencia nas repúblicas asiáticas e surcaucásicas.

Ao longo desta década os proxectos para impedir a desintegración total da antiga URSS fracasaron. O primeiro, a Unión de Estados Soberanos (UES) de Gorbachov non pasou dos papeis. O segundo, a Comunidade de Estados Independentes (CEI) impulsada por Ieltsin durante os seus caóticos mandatos non foi quen de impedir o afastamento total das repúblicas bálticas, nin a perda do control político e económico sobre as do sur do Cáucaso, nin de deter o deterioro do mesmo sobre as asiáticas.

O proxecto de Putin cumpre intuílo. O seu estilo non é a transparencia. Non informa, actúa e corrixe sobre a marcha. Os indicios son claros: recuperar o control na área tradicionalmente rusa a partir da superioridade económica e militar. Non se pretende establecer cooperacións económicas, nin moito menos crear estructuras de integración política. Rusia é demasiado grande para perder o tempo en debates con cativos territorios, aínda que teñan a consideración de estados. Claro que cando acorden moitos deles poden xa ter atopado acougo baixo o paraugas da OTAN e dunha UE que prepara a súa expansión para o presente lustro iniciando o debate sobre o xeito de organización dunha Unión de 28 membros.

Mentres os camións dos "kamikazes" chechenos lémbranlle a Moscova que a guerra non rematou, as bandeiras das esencias imperiais ínflanse dende os adarves do Kremlin.