Bill Clinton pasou o testigo do Tribunal Penal Internacional (TPI) ao seu sucesor, George W. Bush. Cento vintedous países aprobaron en Roma, en xullo de 1998, a constitución e os estatutos dese novo tribunal que terá por misión evitar a impunidade dos grandes crimes de xenocidio, guerra ou lesa humanidade, cometidos ao abeiro do aparello estatal e cunha instrumentación dotada de aparente legalidade. As dúbidas da Administración americana foron moitas. O último Presidente demócrata agardou ao derradeiro día do prazo, o 31 de decembro, para asinar este importante Tratado. Para a súa entrada en vigor precisase a ratificación dun mínimo de sesenta Estados. Ata agora asinaron 139 países, pero unicamente o ratificaron vintesete.
Pese as apariencias do contrario, a adhesión impulsada por Clinton non resolve a cuestión de fondo, é dicir, se Estados Unidos aceptará a xurisdicción deste tribunal. Hai uns meses, os senadores e congresistas republicanos promovían unha iniciativa lexislativa para adoptar sancións contra aqueles países que se atreveran a ratificar o TPI, entre eles, España e a maior parte de integrantes da Unión Europea. Washington boicoteou o proceso dende os seus comezos, por iso non é de estrañar que moitos observen na actitude de Clinton non tanto un empurrón para o TPI como unha manobra para tentar rebentalo dende dentro baleirando o seu contido.
Jesse Helms, senador moi influínte e coñecido pola súa proximidade ao lobby cubano, argumenta un hipotético deber moral de Estados Unidos para aniquilar a ese monstro e reivindica a adopción dunha actitude firmemente agresiva contra o TPI. O peixe morre pola boca, di o refrán, pero quizais con menos explicitación e sen tanto boato, a opinión de Helms sexa bastante compartida nos ambientes políticos norteamericanos que son coñecedores e conscientes de que detrás dos xenocidios chileno, guatemalteco, indonesio ou arxentino están algúns Presidentes do seu país e as súas doctrinas de seguridade nacional. Mentres eu siga respirando, afirma Helms, os Estados Unidos nunca permitirán que as súas decisións sobre seguridade nacional sexan xulgadas por un Tribunal Penal Internacional, aínda a sabendas de que o TPI non ten carácter retroactivo.
Nesa mesma liña pode interpretarse o acordo entre Washington e a ONU para regularizar a cuestión dos pagamentos pendentes. A morosidade de Estados Unidos é escandalosa: máis de mil millóns de dólares, unha cantidade ridicula para un país que representa máis do 25 por cento da economía mundial. A reducción porcentual da súa aportación, que pasa do 25 ao 22 por cento nos gastos correntes e do 31 ao 27 por cento nas operacións de mantemento da paz, indican ás claras a ambigüedade dun compromiso, moi debedor sempre desa concepción instrumental das organizacións internacionais entendidas como avaliadoras da súa política. Mentres dure, ese unilateralismo estragará sempre a relación de Estados Unidos co resto do mundo.