No último día do mes de marzo o presidente francés Jacques Chirac anunciaba, nun discurso televisado, seguido con enorme expectación por todo o país, que finalmente tiña decidido promulgar o CPE (contrato de primeiro emprego), pero que este non se debería aplicar ata que fosen modificados parcialmente os dous puntos máis conflitivos. Daba a súa aprobación, pero o CPE quedaba en stand by. Na práctica decidía desaprobar ao seu sucesor predilecto, o primeiro ministro Dominique de Villepin, pero anunciaba o seu plácet ao contrato de primeiro emprego. Trabalinguas francés propio da particular esquizofrenia dun goberno acurralado nas enquisas que avalían a impopularidade dunha medida laboral rexeitada por un 70% dos franceses e que pesa como unha lousa nas expectativas electorais, cara ao 2007. Poucos franceses entenderon o espectáculo de equilibrio circense dun presidente en permanente decadencia.
Solicitaba Chirac modificacións para os dous apartados máis contestados da modalidade de contrato reservado para os menores de 26 anos, que permitían o despido arbitrario ou sen xustificación, durante os dous primeiros anos de contrato. No entanto, procedía a promulgalo antes de ser corrixido o texto.
Cando o primeiro ministro Dominique de Villepin deu a coñecer o 16 de xaneiro de 2006, unha das súas medidas estrelas que pretendía reducir ás altísimas taxas do desemprego que se concentran nos "banlieues" urbanos, onde o paro na mocidade supera o 40%, moi superior ás, xa de por si, avultadas cifras de desemprego xuvenil do 23%… non imaxinaba que dous meses máis tarde o 60% dos franceses desaprobaría a súa xestión. Non acreditaría que a finais de Marzo, o seu compañeiro-rival tentaría capitalizar o descontento en beneficio propio, liderando propostas de diálogo con sectores convocantes das mobilizacións, ao tempo que cuestionaría publicamente o manexo da crise.
Daquela, o CPE xurdía como iniciativa política para reconducir a Rebelión dos arrabaldes de novembro de 2005, protagonizada precisamente por mozos de ascendencia migratoria. O cuarto mundo,que sobrevive agachado na opulencia do primeiro mundo, quixo facer un auto de fe sobre a súa existencia, que cada día negaba un goberno conservador, que cancelaba os plans sociais nos arrabaldes.
Naquela hora os dous candidatos, mellor colocados na grella electoral, ambos conservadores: O ministro do Interior, Nicolás Sarkozy, e o primeiro Ministro Dominique de Villepin coincidían na estratexia de utilizar "man dura"para atallar as protestas. Pero o chamuscado nas enquisas fora o resucitado Sarkozy.
Agora o xogo das presidenciais de Abril 2007 deu unha reviravolta inesperada na que os 52 artigos da denominada "Lei de igualdade de oportunidades", provocaron un estoupido social, que se activou fora dos parámetros da política tradicional, fora dos partidos políticos.
Nin Chirac cando perdeu o referendo da constitución europea, nin Sarkosy cando se viu desbordado pola crise dos arrabaldes, nin Villepin cando se atrincheirou na defensa numantina do seu proxecto de precarización laboral, entenderon a mensaxe das rúas. Non descodificaron axeitadamente que o que está en crise na Francia non é nin a constitución europea, nin a sanidade pública, nin os programas sociais, nin a política laboral do goberno… o que, na verdade, está en crise é o réxime, é o modelo.
Dende hai anos está en proceso de xestación un complexo substrato de desamor e incomunicación entre administración e administrados. Unha permanente sensación de frustración vital que non encontra acomodo no actual marco representativo, nin nos axentes políticos.
Non entenden, adornadas palabras de furado contido como as que pronunciaba o presidente Chirac no seu trabalinguas televisado: "Na república cando se trata do interese nacional, non hai vencedores nin vencidos". Non están para propostas "abracadabrantesques". Queren sentirse protagonistas de Francia, nesta hora, e probablemente noutras a moi curto prazo.