Tráxicas diferencias: o caso checheno e kosovar

¿Que teñen de diferentes os mortos causados polas bombas serbias no mercado de Saraievo e os corpos desfeitos polas rusas no de Grozni? ¿Onde está a distinción entre a limpeza étnica no Kosovo e o exterminio de civís en Chechenia? ¿Por que os EEUU e os seus aliados na OTAN dedicaron múltiples esforzos e medios para deter a sanguenta represión serbia no Kosovo e manteñen o máis absoluto silencio sobre a brutal matanza de indefensos chechenos? ¿Cal é a sutil medida pola que podemos distinguir entre as masacres que obrigan a unha "intervención humanitaria" e aquelas que podemos ignoran sen sentirnos moralmente perversos? ¿Hai algunha relación entre a debilidade rusa ante o ataque da OTAN a Serbia e o silencio cómplice das potencias occidentais na segunda guerra de Chechenia que algúns, como o primeiro ministro Putin, mesmo interpretan como apoio?¿Son menos lexítimos os votos que elixiron a Milosevic que os que lle deron a presidencia a Boris Ieltsin? ¿Os "morenos" caucásicos non merecen nin a beneficencia internacional en forma de axuda humanitaria?

As incógnitas son moitas e a eufemisticamente denominada "comunidade internacional" debería xa comezar a dar algunha resposta e a aclarar se o denominado "dereito á inxerencia" é algo máis que a lexitimación da intervención dos grandes contra os pequenos, por moi malvados que estes sexan.

Chechenia e Kosovo forman, ou formaban, parte de Estados legalmente constituídos. O país norcáucasico é, ou era, un dos 89 suxeitos que constitúen a Federación Rusa, entre os que tiña o nivel máximo de recoñecemento ao ser considerada como república. O Kosovo unha provincia autónoma da República Federal Iugoslava, se ben desposuída da autonomía por Milosevic. Nin Chechenia nin o Kosovo se atopaban a gusto dentro dos estados nas que están, ou estaban, integradas. Mais Rusia non é Serbia, ten dereito de veto no Consello de Seguridade de Nacións Unidas, é membro do G-8, unha potencia, aínda que en horas baixas. Boris Ieltsin é o primeiro presidente de Rusia elixido por sufraxio, ao igual que Milosevic. Os dous iniciaron accións militares para rematar co que denominan "actos terroristas" de grupos armados de inspiración arredista e confesionalidade musulmán. Salvadas as distancias a semellanza entre a UÇK e os wahabíes de de Shámil Basáiev son evidentes. ¿Por qué os bombardeos rusos son comprendidos polo secretario de Estado adxunto, Strobe Talbott, xa que se enfrontan " a unha ameaza moi perigosa, o extremismo e o terrorismo", mentres a represión serbia no Kosovo foi merecente de múltiples iniciativas diplomáticas, conferencias pacificadoras e, finalmente, dun ataque desproporcionado e discutible tanto política como xuridicamente? ¿Onde están os pronunciamentos dos gobernos da Unión Europea, do Secretario Xeral da ONU ou dos intelectuais que gustan de xestos moralistas? Mais mentres Milosevic é considerado,con todo merecemento, un perigo para a estabilidade nos Balcáns, Ieltsin é o garante do desmantelamento do estado soviético e da brutal acumulación inicial do capitalismo ruso. Occidente sabe ben que o único que podería molestar aos actuais dirixentes moscovitas sería que se puxeran en cuestión as veleidades imperiais que seguen a manter sobre o espacio ex soviético, agás os países Bálticos.

A preparación do post-ieltsinismo

¿Que pretende Rusia? ¿Por que Boris Ieltsin se negou reiteradamente a recibir ao presidente checheno? ¿O goberno de Moscova solicitou algo ao presidente Aslán Maskhádov como, por exemplo, a colaboración coa detención dos terroristas que colocaron as bombas en Moscova e outras cidades rusas? ¿Quen cometeu realmente os atentados? ¿Por que ese interese en identificar aos milicianos de Basáiev co goberno de Grozni e todo o pobo checheno? ¿Nada sabía Moscova do irreconciliábel enfrontamento entre Basáiev e Maskhádov? ¿A que razóns obedeceu e quen inspirou a acción de Basáiev, durante o mes de agosto, en Daguestán, que está no inicio desta segunda guerra? ¿Cómo é posible que os wahabíes de Basáiev tivesen o máis moderno armamento ruso, fabricado en Tula, que aínda non está a disposición do exercito? Tamén neste aspecto as incógnitas son moitas.

Chechenia é moito máis pequena que Iugoslavia e conta con 10 veces menos habitantes, non chega ao millón, como para ser considerada unha seria ameaza para o "xigantesco oso ruso". A guerra de 1994-1996 provocou 80.000 mortos. Esta vai camiño de converterse nunha carnicería aínda maior. As ringleiras de refuxiados son semellantes as que vimos no Kosovo, só que aqueles dirixíanse cara Macedonia ou Montenegro onde podían ser recibidos con certas garantías e os chechenos camiñan cara Ingushetia, xa que as demais fronteiras están pechadas agás a practicamente inaccesible de Xeorxia, e son demasiados para ser acollidos nas pobres casas dos ingushes.

As claves para comprender a intervención rusa en Chechenia pasan polas estratexias de poder ante as eleccións á Duma de decembro e as presidenciais do próximo xullo. Son os intereses de Putin e Ieltsin os que desencadearon a actual guerra. Dende que esta comezou pasaron a segundo plano as denuncias sobre corrupción que tiñan chegado a afectar directamente ao presidente ruso e a oposición quedou neutralizada.

O temor e odio aos caucásicos, sensacións con certas coincidencias coas que levaron aos suízos a apoiar a Blocher ante a presunta ameaza albano-kosovar ou aos austríacos a Haider para deter aos emigrantes do leste, xunto co "chauvinismo gran-ruso", que diría Lenin, encirrados polo inicio da guerra, converteron a un secundario primeiro ministro en firme candidato á Presidencia da Federación. Putin semella ser o gran beneficiado, a súa popularidade pasou de ser practicamente nula ata converterse nun dos políticos mellor valorados segundo se desprende de diversas enquisas de opinión. Neste ambiente ningunha das forzas políticas rusas se atreveu a criticar o bombardeos nin a invasión terrestre, só Eugueni Primakov, sen oporse abertamente, deixou caer unha evidencia, que a cuestión chechena é un problema ruso, porque "tanto as armas dos soldados como dos terroristas son rusas". Os xenerais tamén están ledos por poder lavar o honor ofendido en 1996 e nestes momentos son o mellor apoio co que conta o primeiro ministro.

Unha Rusia con Putin na presidencia é a única garantía seria que ten Ieltsin para non verse sentado no banco dos acusados. Putin é quen pode garantirlle a inmunidade cando teña que abandonar o Kremlin e o único dos posíbeis candidatos disposto a protexer á corte de rasputíns que o rodea, popularmente coñecida como "A Familia". Só no marco desta loita política polo poder moscovita teñen explicación as constantes negativas do Kremlin a dialogar co presidente Mashkádov, baixo o pretexto de que non había nada que falar xa que, en palabras do elocuente xeneral ruso Ivachov, está é a "solución final". Non debeu caer na conta de que empregou a mesma expresión coa que os nazis se referían ao exterminio xudeu.

Agora ben, na permanente cerimonia de confusión que é a política rusa todo é posible e as saídas de Ieltsin imprevisíbeis, dende presentar a Putin como responsábel se as cousas se torcen ata empregar a guerra como desculpa para aprazar as eleccións.

O petróleo en disputa

¿E o silencio occidental, como se entende?. Amais de por non incomodar a Ieltsin, por que gorentan ambiciosos os múltiples beneficios que o petróleo e o gas do Cáucaso pode reportar. Unha Unión Europea deficitaria nestas materias primas, que prepara a súa ampliación cara o Leste, necesita das mesmas para manter o seu nivel de desenvolvemento. A oferta é abondosa nas beiras do Caspio, a demanda tamén na banda occidental de Europa, só fai falla acercar o producto aos consumidores. Só as reservas petrolíferas de Azerbaián calcúlanse en 1.500 millóns de toneladas. Dende 1995 as batallas entre as petroleiras son encarnizadas e os contratos asinados multimillonarios en dólares. As compañías norteamericanas leváronse a parte máis substancial e provocaron o enfado ruso que ameazou con apoiar a Armenia no conflicto de Nagorno Karabakh, o que lle permitiu conseguir unha parte do pastel en reparto coa italiana Agip e a norteamericana Pennzoil. A británica BP, os noruegueses da Statoil, os turcos de TPAO tamén teñen asinado espectaculares contratos de explotación e transporte dos combustibles. Bakú tampouco quere pechar as portas aos poderosos veciños iranianos. As compañías rusas (Gazprom, Lukoil e Rosneff ) teñen que pelexar os contratos ante os gobernos de Azerbaián e Kazakhstán.

O problema está no transporte, un dos oleoductos pasa polo sur de Chechenia e chega ao porto ruso de Novorsiik, o outro atravesa Xeorxia ata Batumi. Ambas cidades portuarias situadas no Mar Negro. A tentativa turca de acercar o petróleo do Cáucaso ao Mediterráneo, a través do seu territorio, conta co apoio norteamericano, coa oposición rusa e con diversas dificultades: pasar polo Kurdistán, as outras víctimas esquecidas, ou ben por Armenia, en conflicto con Azerbaián. Tanto para as compañías rusas coma para as occidentais controlar a zona de paso dos oleoductos é imprescindible. En clave petrolífera poderíase entender tamén o estraño asasinato do primeiro ministro armenio, o caos xeorxiano e a recente denuncia dos intentos de Moscova de involucrar a Xeorxia no conflicto checheno feita polo presidente Eduard Xevarnatze , e en xeral os conflictos dunha e outra beira do Cáucaso. A posible acordo, que tomaría corpo na próximo reunión da OSCE en Ankara, entre os gobernos azerí e turco sobre a construcción do oleoducto por Turquía non faría máis que votar leña na fogueira do Cáucaso.

Dende a victoria negociada de 1996 o presidente Maskhádov non foi capaz de impor a súa autoridade e tivo que enfrontarse ao seu rival Basáiev, quen derrotado nas eleccións seguiu recrutando milicianos co apoio de Arabia Saudita e outros países árabes. A aventura de Basáiev en Daguestán pretendía abrir unha saída a unha Chechenia independente rodeada de territorios controlados por Moscova e tamén demostrar a incapacidade Maskhádov para consolidar a independencia chechena. O ataque ruso pode unificar aos chechenos e Maskhádov, ex xeneral soviético ao igual que o fundador da Chechenia actual Iókar Dudáiev, sabe que nas beiras do Terek quedaron atascadas as tropas de moitos tsares, o Exercito Vermello e a Vehrmacht alemana. O mesmo pode pasarlle ao desesperado Boris e ao belicoso Putin.