20061121 libano asasinato pierre gemayel

Tráxico Líbano

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Asasinato de Pierre Gemayel, clic para aumentar
O asasinato de Gemayel pode reflectir o escaso nivel de confianza cara o goberno de Siniora e unha poxa polo poder en Beirut que involucre a diversos actores internos como Hizbulah e os partidos pro-sirios e anti-sirios, como externos, tales son os casos de Israel, Siria, EEUU e Irán. (Na foto obsérvase cómo quedou o coche no que viaxaba Pierre Gemayel no momento de ser tiroteado).
 

Unha ollada ao Líbano, o país dos cedros, supón mergullarse no complicado mosaico de Oriente Medio, con todos os seus conflitos e diversidades. Pero tamén manifesta unha introdución ao pernicioso xogo político rexional.

O asasinato en Beirut do ministro de Industria, Pierre Gemayel, confirma unha perigosa espiral de violencia sectaria, con móbiles políticos, capaz de desencadear un conflito interno con graves repercusións exteriores. Desde o asasinato do primeiro ministro Rafik Hariri en febreiro de 2005, o actual crime contra este ministro constitúe o sexto dirixente libanés asasinado nos derradeiros dous anos.

Os Gemayel forman unha auténtica dinastía política no Líbano. O seu fundador foi Pierre Gemayel, avó do asasinado ministro, foi quen creou en 1936 a Falanxe, un grupo paramilitar dereitista dentro da comunidade cristiá maronita, que tivo unha importante actuación durante a guerra civil (1975-1990) como aliado israelí. O seu legado foi continuado polo seu fillo Amín e o seu neto Pierre, membro dun goberno de tendencia anti-siria que manifesta unha poxa polo poder cara Hizbulah e os aliados sirios no Líbano.

Este asasinato contra un personaxe crítico coa influencia siria nos asuntos libaneses ocorre nun momento en que a ONU e o goberno de Fuad Siniora aprobaron un tribunal especial no Líbano para xulgar os asasinatos contra altos cargos gobernamentais.

Siria e o Hizbulah

As acusacións preliminares, principalmente dende o goberno libanés, volveron a apuntar a Damasco e aos servizos secretos de seguridade do presidente Bashar al Asad, como principais responsables do asasinato de Gemayel. Anteriormente, Siria tamén fora acusada por Israel, EEUU, Europa occidental, a ONU e o goberno libanés de Fuad Siniora, como a responsable do asasinato de Hariri.

Pero a aínda incerta implicación siria non deixa de ser un significativo a cruel síntoma da actual conxuntura libanesa. A semana pasada, seis ministros pertencentes ao partido islamita xiíta do Hizbulah, renunciaron aos seus cargos do goberno de unidade nacional composto polos partidos anti-sirios, asestando un golpe contundente ao goberno de coalición de Siniora.

Esta renuncia do Hizbulah e os seus aliados o partido Amal e o Movemento Patriótico Libre (partido cristiá dirixido polo ex presidente Michel Aoun), ven motivada polas diferenzas confesionais previstas na Constitución de 1943, a necesidade de reforma da mesma e nos mecanismos de toma de decisións políticas. O propio Siniora, así como EEUU e Israel, acusan ao Hizbulah de fomentar a inestabilidade para derrocar ao goberno libanés.

Hizbulah ven fortalecido pola súa vitoria moral e efectiva contra o Exército israelí na guerra de agosto no sur do Líbano. A súa capacidade militar levantou simpatías no mundo árabe e musulmán e permitiu unha apertura rexional para Siria, un dos seus aliados externos xunto a Irán e o movemento palestino Hamas. Polo tanto, o Hizbulah tentou realizar unha demostración de forza política para exercer influencia sobre o débil goberno de coalición de Siniora.

Paralelamente, Siria reforzaba os seus lazos externos coa re-apertura de relacións con Iraq, tras 25 anos de ruptura diplomática. Ao mesmo tempo, tanto o primeiro ministro británico Tony Blair, como o ex secretario de Estado norteamericano James Baker (co-presidente do Iraq Study Group) e o plan de paz para Oriente Medio ofrecido por Zapatero e Chirac, estipulaban a reinserción siria e a inclusión de Irán como interlocutores claves para reordenar a grave situación en Oriente Medio.

Tanto Baker como a diplomacia europea viñan realizando contactos directos con Siria que poderían levar a Washington a un audaz cambio de enfoque cara Damasco, tendente a aliviar o illamento internacional dun país incluído no "eixe do mal" de Bush que facilitara unha estabilización en Iraq e o Líbano. Incluso especulouse cun cumio en Bagdad entre o goberno iraquí e representantes sirios e iranianos, para acometer un proceso de estabilización.

Israel e EEUU

Este escenario constituiría un serio revés para Israel, a pesares de que nos derradeiros meses, Damasco amosara a súa intención de iniciar negociacións con Israel para atopar unha solución ao conflito en Oriente Medio. A visita do primeiro ministro israelí, Ehud Olmert a Washington, estaba pautada para afinar estratexias de acoso a Irán e Siria, con posibilidades de ataque militar. Neste sentido, Olmert recibiu o apoio dun Bush debilitado politicamente.

O xiro radical do cuestionado Olmert completouse coa inclusión do ultradereitista e antiárabe Avigdor Lieberman na súa coalición gobernamental e o informe do Tsahal (Exército israelí) que especula cunha guerra a curto prazo contra Siria, Irán e o Hizbulah.

Polo tanto, resulta un enigma se realmente Damasco está detrás do asasinato de Gemayel, suceso acontecido nun barrio de Beirut onde o pro-sirio Partido Nacional Social conforma unha forte presenza sociopolítica. A conxuntura actual é máis favorable para Siria á hora de reinsertarse no panorama rexional, polo que resultaría un cálculo político errado para o goberno de Bashar al Asad implicarse no labirinto libanés cun atentado político de estas características.

En todo caso, este crime pode reflectir o escaso nivel de confianza cara o goberno de Siniora e unha poxa polo poder en Beirut que involucra a diversos actores internos como Hizbulah e aos partidos pro-sirios e anti-sirios, como externos, coma son os casos de Israel, Siria, EEUU e Irán. Como no pasado, o Líbano móvese nun delicado péndulo conflitivo, manexado por intereses internos e externos.