EEUU xa traballa na certeza de que a retirada das tropas non se fará antes de 2009. Articula un novo discurso, tras cumprirse tres anos da intervención militar en Iraq, e constatar os tres grandes fracasos da polémica operación que nin encontrou armas de destrución masiva, nin fortaleceu un estado democrático, nin atopou conexións coa organización terrorista Al-qaeda, que paradoxalmente tras da invasión conseguiría establecerse e operar activamente en Iraq. En tres anos os escenarios e os actores mundiais teñan mudado. A maldición das Azores, foi cebándose paulatinamente nos seus principais protagonistas: Durao Barroso, J. M. Aznar, S. Berlusconi e, mesmo no propio W. Bush. É tempo de reformulacións doutrinarias.
A fin do unilateralimo dos EEUU?
A pesares do debilitamento do liderado norteamericano internacional, a pesares dos baixos índices de popularidade que as enquisas outorgan á xestión do presidente Bush, a búsola que marca as grandes liñas da política internacional segue apuntado firmemente cara aos EEUU. Compre prestar atención á revisión, que ven de facerse da Estratexia de Seguridade Nacional que en 2002 argumentou e alimentou as teses do unilateralismo e as intervencións bélicas preventivas.
A catarse do11-S posibilitou o uso da forza militar en Afganistán, sen que se alzasen voces que cuestionasen o novo modelo unilateral-preventivo. Converteuse no oráculo supremo da Guerra contra do terrorismo, que lle outorgou un cheque en branco no exterior e no interior. A defensa da seguridade do país encumiou a un presidente omnipotente que prevaleceu sobre o lexislativo ou sobre a xudicatura ou, mesmo, sobre a lei de Servizos Armados pola que se prohibe o "Trato cruel, inhumano ou degradante dos prisioneiros".
Na versión actualizada da Estratexia de Seguridade Nacional 2006, non hai moitas novidades no que atinxe á doutrina do ataque preventivo. Aínda que agora se subliñe que deberá estar inscrita na procura da democracia, e que non se cite como primeira opción a guerra contra do intanxible terrorismo extraterritorial. Na versión revisada, EEUU proclama a súa vontade de continuar a ser a primeira superpotencia militar, para ter a capacidade operativa de combater os ataques con armas de destrución masiva, nucleares, biolóxicas ou químicas.
No punto no que se observan os maiores cambios doutrinais, e no que se refire ao Unilateralismo. Quizais, porque a maldición das Azores o deixou sen cómplices entusiastas e xenuflexos, agora se lle outorga unha maior importancia ao feito de intervir con aliados; a actuar baixo o paraugas dunhas institucións internacionais reforzadas, especialmente das Nacións Unidas. Mais o cambio de rumbo non significa unha viraxe de 180 graos, xa que fai referencia a unha "diplomacia mutante", acomodaticia ás circunstancias, que podería actuar en coalicións voluntarias, no caso de non seren resolutivas as estruturas establecidas na ONU o na OTAN.
Un segundo foco de luz, que nos oriente sobre as tendencias do novo escenario mundial situarémolo no pentágono. O pasado 4 de febreiro fixo pública a súa Revisión Cuadrienal de Defensa, tendo no horizonte os próximos 20 anos. Os catro grandes temas explícitos que se van priorizar son: a loita contra das redes do terrorismo; a contención da proliferación das armas nucleares, biolóxicas e químicas; a disuasión das principais potencias concorrentes como: China, India e Rusia e unha especial atención á defensa nacional.
Para corrixir, a eiva da imposibilidade de atender a diversas frontes xeográficas coetáneas, prevese reforzar as Forzas Operativas Especiais, que no futuro terán a capacidade de actuación en ducias de países, nun mesmo período temporal.
Outras grandes prioridades non explícitas, ou quizais implícitas no tetrálogo do pentágono son aquelas accións que garantan o control sobre o subministro dos recursos enerxéticos mundiais ou a batalla comercial coas grandes potencias asiáticas emerxentes.
Europa: O infecundo actor exterior
O vello continente, consciente das súas limitacións, hai tempo que non deixa de ollar caras ás imperfeccións do seu embigo, incapaz de fecundar o renacer dunha nova orde mundial.
Neste semestre, cando Austria asumiu a presidencia, o líder do conservador Partido Popular de Austria, Schüssel, marcou unha axenda de prioridades. Todas elas se inscribían intramuros: Aparecía explicitamente o tema enerxético, que centra o interese dos titulares das carteiras de economía, tras da escalada de prezos do petróleo. A aprobación polo parlamento europeo das perspectivas financeiras 2007-13. As liñas de acción dunha estratexia europea común cara aos países balcánicos, e a hipotética reapertura do debate sobre o Tratado Constitucional. Por último a perda da concorrencia como bloque comercial, e a aparición de grandes illas de descohesión social nos arrabaldes das grandes urbes, obrigou a meter en axenda o fomento do emprego e a investigación.
As contas aprobadas en decembro polo Consello de Europa, nas que se deseñaban as grandes liñas presupostarias para os próximos sete anos, nun orzamento de 862.263 millóns de Euros, foron rexeitadas por unha maioría moi cualificada do parlamento, en xaneiro. Pretenden agora renegocialas para conseguir un incremento das cifras en 4000 millóns, aínda que finalmente poderían quedar nos 1. Un dos temas que máis pode atrancar o solución final e a pretensión de modificar os criterios na asignación de recursos, de xeito que se potencien aqueles recursos dedicados a fomentar a concorrencia ou o crecemento do emprego.
A atención que na UE lle prestan aos temas internacionais, se limitan a aquelas áreas xeopolíticas máis próximas ou a actuacións que impliquen a Europa directamente. Velaí, a explicación de que a Eurocámara crease unha comisión para o estudio dos cárceres secretos e os voos da CIA en Europa.
En Montenegro como no resto dos conflitos dos Balcáns, os bandazos incoherentes da diplomacia europea entre posicións miopes, herméticas ás votades democráticas de independencias das diversas nacións e as estratexias debilitadoras de Serbia que abrían procesos de autodeterminación que están na fase final, como no caso da solución apoiada en Montenegro. No que atinxe á negociación definitiva dun estatuto para Kosovo de maioría musulmán, semella que finalmente haberá unha soberanía limitada que culmine cunha independencia, na que deberían quedar preservados os dereitos individuais e colectivos da minoría serbia.
Sen dúbida, o affair máis complexo que a UE, ten entre mans é a polémica sobre Tratado Constitucional, asinado polos 25 membros, o 24 de outubro de 2004, que foi ratificado por 15 estados e rexeitado por dous (Francia e Holanda)e pendente de dirimir por Dinamarca, Reino Unido, Irlanda, Suecia, Finlandia, Portugal, Polonia e a República Checa.
Existen dous posicionamentos ben definidos. Por unha banda están o que propoñen retomar agora este asunto. Pola outra están aqueles que piden prudencia e coidan que o tema debe arrefriar na neveira do tempo, alomenos ata que pasen as eleccións presidenciais francesas de 2007, xa que ás veces os resultados das votacións aparecen contaminados pola perda de confianza do electorado nos gobernantes locais.
No entanto, o Parlamento Europeo deu mostras do seu optimismo ao pronunciarse pola pertinencia de reabrir o debate co obxectivo de que a Constitución Europea entre en vigor en 2009. Con certeza, o tema non vai ser doado. O texto actual non pode ser reformulado, xa que foi ratificado na maioría dos países. Pola contra, non semella probable que Francia e Holanda se pronuncien a favor nunha hipotética segunda consulta, cando permanecen vixentes os mesmos argumentos esgrimidos polos defensores do non, cando non foron retirados do texto preceptos como o do "principio do país de orixe" permitía traballar no país acollida coa lexislación laboral do país orixe".
Europa, non vai poder ollar con intensidade cara outro escenarios, mentres atope no camiño posicións tan explícitas como as do Ministro holandés de Asuntos Exteriores, Ben Bot, ou as dó Primeiro Ministro polaco, Kazimierz Marcinkiewicz, quen non dubidan en afirmar que a Constitución europea está morta. Ou mentres outros países que historicamente non se teñen significado polo seu europeismo, como Reino Unido, Dinamarca e Irlanda, sexan convidados de pedra.
Europa Exterior
Europa, a pesares de que consume o 15% da enerxía do planeta, non ten practicamente influencia algunha na formación dos prezos, nin capacidade real para incidir ou resolver as crises de abastecemento que se poidan producir en rexións produtoras, especialmente Oriente Medio.
A incapacidade diplomática europea no campo internacional quedou patente na crise nuclear de Irán, cando a Troika comunitaria, denominada E3-UE (Alemaña, Francia e Reino Unido, leva traballando máis de tres anos sen atopar unha solución, envolvida e múltiples contradicións e preguntas de difícil resposta ¿Por que Irán e non a India que non só non asinou o tratado TNP, senón que tampouco aceptou a inspección do Organismo Internacional da Enerxía Atómica sobre os oito reactores militares, e só permitiu o acceso aos 14 reactores civís? ¿Quizais porque forma parte da política preventiva contra da China que propugna a Secretaria de Estado Condoleezza Rice? ¿Será porque a Revisión do plano cuadrienal de defensa, considera que a China ten a maior potencialidade de competir militarmente, comercialmente, no aprovisionamento de materias primas e recursos enerxéticos con EEUU?
O mesmo aconteceu na crise Palestina, onde o contundente triunfo de Hamas nas eleccións do 25 de xaneiro deixou atrapada a diplomacia europea, entre a tesitura de aceptar e financiar o executivo de Hamas, inscrito na lista das organización terroristas, ou cortar relacións e financiamento empurrándoos cara a miseria e cara a unha maior radicalización.
A quen prexudica máis os enfrontamento entre Europa e o Mundo Islámico? A EEUU ou a Europa, que é raiana, e mesmo ten que convivir con 15 millóns de musulmáns dentro das fronteiras.
Europa adoece dunha unidade de acción exterior, non dispón de capacidade militar autónoma, que acompañe as accións diplomáticas. Hoxe en día, non está en condicións nin de marcar a súa propia política, de marcar a axenda internacional ou de defender os seus intereses. Incapacitada para ser valedora eficaz da coexistencia harmónica de culturas, das relacións internacionais con regras de respecto mutuo, da defensa dos valores dos dereitos do home, a igualdade, a solidariedade. Inhabilitada para ser modelo referente de goberno que compaxine a paz, o progreso e a cohesión social.