tiraspol edificio parlamento transnistria01

Tres estados grises

 Parlamento de Transnistria, clic para aumentar
A Transnistria resistiu durante medio ano o bloqueo de Moldova e Ucraína ata que chegou ao poder en Kiev o goberno de Víktor Yanukovich, máis condescendente con Tiraspol, sabedor de que os ucraínos que alí residen votan tradicionalmente polo seu Partido das Rexións. A presión contra os secesionistas tivo un efecto contrario: a independencia foi revalidada nas urnas, ao igual que o mandato do presidente Smirnov. (Foto: Edificio do Parlamento de Transnistria en Tiraspol).
 

Non aparecen nos mapas políticos, pero están aí e despois de máis de tres lustros de existencia son tanto ou máis estado ca outros recoñecidos e integrantes de Nacións Unidas, como Tuvalu, Kiribati ou Tonga. Aseméllanse a estes porque son como illas nun océano de terra, esa Europa alargada que non presta atención aos seus pequenos lunares, eses que un día, por descoido, poden derivar en melanoma.

Poucos terán oído falar de Igor Smirnov (adianto que non ten nada que ver cunha coñecida marca de vodka), Eduard Kokoity ou Serguei Bagapsh. Son, respectivamente, os presidentes lexítimos da República Moldava de Transnistria, de Osetia do Sur e de Abxasia, tres realidades políticas independentes que non gozan de recoñecemento estatal, pero que resisten todas as presións habidas e por haber, co inestimable apoio de Moscova, claro está. Os cambios políticos propiciados polas "revolucións laranxa" en Ucraína e Xeorxia poucas cousas mudaron nestes enclaves. As expectativas, non obstante, eran outras. A Transnistria resistiu durante medio ano o bloqueo de Moldova e Ucraína ata que chegou ao poder en Kiev o goberno de Víktor Yanukovich, máis condescendente con Tiraspol, sabedor de que os ucraínos que alí residen votan tradicionalmente polo seu Partido das Rexións. A presión contra os secesionistas tivo un efecto contrario: a independencia foi revalidada nas urnas, ao igual que o mandato do presidente Smirnov.

Outro tanto se agardaba nos "lunares" de Xeorxia. O ex ministro de Defensa de Tblisi, Irakli Okruashvili, aseguraba non hai moito que celebraría o pasado Ano Novo en Tsjinval (Osetia do Sur). Pero non foi así. El xa non é ministro, a independencia foi revalidada en referendo e Kokoity gañou as eleccións presidenciais. A presión económica, política e militar de Xeorxia sobre estas dúas repúblicas non recoñecidas deu como resultado sempre o contrario ao buscado, ademais dun maior envelenamento das relacións de Tblisi con Moscova. A maiores, brinda unha coartada perfecta para reforzar o autoritarismo destes réximes cuns líderes que argumentan o asedio exterior como escusa para demorar calquera proposta de reforma política democratizadora na medida en que pode afectar á seguridade do país. É dicir, primeiro debe garantirse a seguridade, o cal equivale a fortalecer a política militar, para despois pensar nunha evolución democrática. Fronte a ese discurso da forza a dúas bandas, alguén debería empeñar a palabra e alentar a forza do diálogo. Antes de que sexa tarde.