Artigo publicado orixinalmente no Faro de Vigo, 13 de novembro do 2024
Toma de posesión da primeira Presidencia nos EEUU de Donald Trump no 2017. Fonte: US Government, Wikimedia

Trump, Gorbachov e os paralelismos fatais

En 2025, cando o convicto Donald Trump asuma a presidencia estadounidense, cumpriranse 40 anos do ascenso de Mijail Gorbachov no liderado soviético. Existen algúns paralelismos de interese entre as situacións a encarar por ambos os dous mandatarios.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Estados Unidos
Palabras chave EEUU Trump

Aínda que non son menores as diferenzas entre o que era a URSS nos anos oitenta e o estado dos EUA na actualidade, hai algunhas semellanzas destacables. Se a perestroika xurdiu para sacar a URSS do estancamento brezhneviano, as políticas de Trump teñen igualmente por norte “facer grande a América de novo”, admitindo unha certa parálise, claramente apreciable na perda de impulso do seu vigor industrial e poder económico, que tentaría reverter.  

Noutro eido, Gorbachov, consciente do insoportable da guerra de Afganistán, apostou por unha retirada das tropas soviéticas. Mentres, Trump, quen di tamén agora promover a paz en Ucraína (onde Washington achega un moi importante nivel do financiamento militar), e no mundo, alerta igualmente da incapacidade para soster perennemente un esforzo militar global do calibre ao que nos tén acostumados a primeira potencia, urxindo a contribución en maior medida dos seus aliados, dentro e fóra da OTAN.

Non obstante, un, Gorbachov, quería acabar coa guerra fría e outro, Trump, quere resucitala agora (a través do desacoplamento, a fragmentación tecnolóxica e a énfase na seguridade) se ben cun obxectivo compartido: o freo á decadencia.

A tensión cos aliados é unha nota común. As políticas gorbachovianas acabaron por dinamitar o CAME, o mercado común dos países socialistas, ou o Tratado de Varsovia, a súa alianza militar. Trump xa anunciou a intención de abandonar o IPEF (Marco Económico para o Indo-Pacífico) e a incerteza planea sobre outros acrónimos no eido da seguridade, como o QUAD ou o AUKUS. Da OTAN, xa se verá. A Taiwán pide unha prima de risco e que lle “devolva” a industria dos chips. Ese afán afasta aos socios e pode reabrir fendas importantes cunha UE que podería repensar de novo a súa autonomía estratéxica. Ou fenecer no intento.

Gorbachov quixo renovar os fundamentos do sistema político soviético. Trump asegura que tamén quere actualizar o modelo liberal estadounidense. Gorbachov abogaba por unha democracia do proletariado cun intelectual que lle falaba ao oído, Alexander Yakovlev. Trump avoga pola vía contraria, un reforzo do autoritarismo, co auxilio inspirador dun multimillonario, Elon Musk.

O líder soviético pretendía institucionalizar unha lexitimidade que solventara as incertezas das crises sucesorias e limitase o poder da xerontocracia. Trump, aos seus 78 anos, considera un incomodo os límites sistémicos, admira a fortaleza de quen pode transcendelos  e aspira a unha oportunidade para transgredilos. Por unha boa causa, of course.

Ante os ollos do mundo, as posibilidades de que Trump propicie un golpe de gracia ao sistema liberal estadounidense, cunha sociedade crecentemente dividida e polarizada, unha visión prioritariamente crematística da democracia ou dos dereitos humanos, bandeiras do poder brando dos EUA no mundo, un descrédito dos valores que aseguran a comunidade de ideais que fundamentan as alianzas co hexemón, dende a propia democracia ao estado de dereito, pode producir o efecto contrario ao desexado.

A avidez de Trump polas cuestións comerciais e as ganancias como eixes determinantes da política exterior dos EUA e a conseguinte rebaixa do enfoque tradicional das cuestións ideolóxicas e xeopolíticas pode derivar en extrañas maridaxes. Todo será cuestión de dar coa compensación que o satisfaga.

Fronte a fronte, o humanismo de Gorbachov está nas antípodas do antihumanismo de Trump, que, paradoxalmente, pode dar ao cabo un mesmo resultado: acelerar o declive que pretende conter convertendo aquel ton impredicible que une aos dous no acelerador da volatilidade sistémica.