Artigo orixinalmente publicado no Faro de Vigo, 7 de xaneiro do 2025
Rolda de prensa tralo bombardeamento de Venezuela e captura de Nicolás Maduro o 3 de xaneiro do 2025. Fonte: White House

Trump, Venezuela e o novo mundo en directo

Durante todo o ano 2025, desde a súa toma de pose o 20 de xaneiro, Donald Trump dominou as axendas políticas mundiais, multiplicando temas e accións concretas. Das primeiras ameazas directas a México, Panamá ou Dinamarca, pasou á guerra arancelaria global e ás humillacións públicas á Unión Europea e a Ucraína. Todo este furacán estivo ademais acompañado dunha retórica filorracista á hora de referirse aos países africanos, ás migracións ou ao futuro destino turístico de Gaza.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Estados Unidos Latinoamérica
Palabras chave Venezuela Maduro Trump

Toda a súa xestión concreta e performance comunicativa bebeu do legado da primeira presidencia Trump, así como da densa rede de intelectuais do movemento MAGA (Make America Great Again) —como o Proxecto 2025— que prepararon minuciosamente a volta ao poder do magnate. Non foi, así, a potencial toma de Venezuela, un meteorito inesperado. O trumpismo leva décadas paríndose e espallándose a toda velocidade polo planeta, configurando o mundo novo no que estamos. Detrás del e do movemento popular que o sustenta, móvense grandes conglomerados económicos estadounidenses, entre eles as novas tecnolóxicas e os gurús dos algoritmos.

Se a volta aos Imperios e ás súas esferas de influencia foi, desde o primeiro instante coa aproximación a Rusia, a tese principal de política exterior do Trump 2.0 —como primeiro reflexo para conter a competición estratéxica a medio e longo prazo con China—, a potencial toma de Venezuela confirma esa hipótese. Máis alá do factor crítico das operacións especiais, a acción do 3 de xaneiro de 2026 para capturar a Nicolás Maduro e a Cilia Flores, descabezando a orde institucional venezolana, incide nese escenario dos EEUU imperiais, no medio da negociación sobre Ucraína e o esfolamento da Unión Europea e do sistema de normas internacionais.

Se durante todo o ano 2025 a administración Trump foi colocando as pezas, a nova Estratexia de Seguridade Nacional, presentada en novembro, acoutaba todo ese pensamento. A preparación do asalto a Venezuela nos últimos meses —desde o despregue da frota no Mar Caribe ata o peche por terra, mar e aire— é un caso práctico, un modelo ideal para este documento e para o novo mundo no que estamos. Trump move fichas en Venezuela refacendo o mapamundi global e levando adiante o seu corolario á Doutrina Monroe.

Ao inicio do 2026, queda claro que o trumpismo trouxo un substancioso pensamento estratéxico para competir coa emerxencia chinesa, que xa cambiou a historia do planeta e a gobernanza global. Nese sentido, tan elocuente como o secuestro do presidente de Venezuela foi a rolda de prensa posterior, na que, aínda habendo máis incertezas que seguridades, anúnciase unha Venezuela gobernada de facto desde Washington. Falou dun proceso que durará anos, que poderá ter máis episodios de violencia —ninguén se rendeu publicamente en Caracas— e polo que os EEUU actualizarán a súa industria petroleira.

Máis alá das consideracións sobre a lexistimidade ou non da Presidencia de Maduro, o novo mundo en directo que vivimos, ofrece un forte cheiro ao pasado colonial e racista do século XIX. Haberá que seguir os acontecementos en Venezuela e nos distintos escenarios conectados, como por exemplo Ucraína, Taiwán, Groelandia ou Irán, só por citar algúns, porque serán máis.