Artigo orixinalmente publicado en Nós Diario o 28 de febreiro do 2026
banner, usa, trump, first, america, flag, world power, leadership, leading position, alliance, united, donald trump, stars, politics, patriotism, strip, future, statement, trump, trump, trump, trump, trump, donald trump, donald trump, donald trump

Trump Vs Adam Smith… E Nós?

Non todos os 9 de marzo se cumpren 250 anos da publicación dunha das principais obras de economía en toda a historia da humanidade, pero iso si acontecerá o próximo día 9. Nese mesmo día de 1.776, Adam Smith publicaba o libro titulado “Unha investigación sobre a naturaleza e causas da riqueza das naciones(An Inquiry into the Nature and Causes of The Wealth of Nations, na lingua de Shakaespeare).

Este economista e filósofo de orixe escocesa foi o primeiro en tratar a economía como un sistema integral e como unha disciplina académica e moderna. Nun contexto marcado polo feudalismo e o hermetismo dos sistemas gremiais, a aportación de Adam Smith centrouse en tratar de explicar a distribución da riqueza e do poder en base a factores naturais, políticos, sociais, económicos e tecnolóxicos e as interacións entre eles, negando así o papel preminente que a doutrina académica vixente naquela altura atribuía á vontade de Deus.

En “A riqueza das nacións“, Adam Smith aborda temas tan relevantes como a división do traballo, a teoría do valor, a importancia da competencia ou o libre mercado. Así, foi precisamente á raíz da publicación desta obra, que se comezou a popularizar o famoso termo da “man invisible”, aínda hoxe defendido desde os enfoques máis ortodoxos -liberais e neoliberais- da economía. Smith explicaba no seu texto como a través das accións individuais orientadas polo propio interese pode acadarse o beneficio colectivo. Baseándose nesta idea controvertida e moderna para o seu tempo, diversas ondas liberalizadoras foron deixando a súa pegada na economía mundial desde aquela. A última delas, impulsada na década dos oitenta por Margaret Tatcher -A Dama de Ferro- e Ronald Reagan.

Coa fonda pegada deixada por autores como Adam Smith no mundo anglosaxón, é comprensible que poida sorprender a emerxencia de figuras como a Donald Trump quen, precisamente apoiándose no aparello político do -en teoría- espectro ideolóxico liberal, acaba por promover precisamente todo o contrario, nunha viraxe cara o proteccionismo e o mercantilismo máis salvaxe que se lembra nas últimas décadas. O instrumento favorito empregado polo estadounidense para esta etapa proteccionista é coñecido por todos: os aranceis. Pero tamén as cotas a mercadorías, a emigrantes e outras barreiras administrativas a produtos estranxeiros, que emprega como elemento de presión nas negociacións internacionais fronte a outras economías. Xusto o contrario do que promovía Adam Smith para acadar a eficiencia na súa obra máis senlleira hai dous séculos e medio.

E Nós? Como se ve esta realidade desde Galicia? Quen pense que se trata dunha realidade distante e que o devir ideolóxico no contexto da economía mundial non lle afecta, sen dúbida comete un importante erro, xa que as orientacións da política económica poderán afectar a diversas áreas da súa vida, como as finanzas, a creación de emprego, ou o nivel de protección social que nos ampara. 

Con aguda visión e lendo correctamente a oportunidade que supón o aniversario da obra de Adam Smith, unida ao corenta aniversario da entrada de España e Portugal na UE, e amparándose no labor do proxecto de innovación docente que levamos a cabo desde hai varios anos na Facultade de CCEE e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) arredor da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para dar a coñecer os valores europeos, xurdiron as Xornadas Adam e Smith e Nós.

As xornadas, impulsadas pola Fundación Juana de Vega, celebraranse os primeiros días de marzo na USC. O evento contará cunha primeira parte destinada á historia do pensamento económico, a celebrar os días 5 e 6 de marzo  na Facultade de Historia. A segunda parte, centrada na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a celebrar o día 9 de marzo (Facultade de CCEE e Empresariais da USC), coincidindo coa publicación de “A riqueza das Nacións”. Para esta segunda parte, as  xornadas contarán con relatores convidados de máximo nivel de ambos os lados da fronteira, incluíndo á excomisaria europea de Políticas de Cohesión (Elisa Ferreira), ao que posiblemente é o maior experto académico norteño na Eurorrexión (Antonio Figueiredo), ou co profesor experto Francisco Carballo (UMinho). Do lado galego, ademais do director do IDEGA e dun servidor, o profesor Bastos complementará  a visión do interesante debate poliédrico e multidisciplinar procurado. A entrada é libre e as mesas terán lugar en horario de mañá e tarde. Não percam!, como dirían os nosos veciños ao sur.