A boa imaxe internacional do réxime de Ben Alí e os seus éxitos económicos contrastan co carácter marcadamente policial dun estado que ven de cumprir medio século de independencia.
Fai máis de medio século, un 20 de marzo de 1956, Túnez accedía á súa tan anhelada independencia, á súa emancipación fronte ó xugo colonial do protectorado francés. Fronte ós seus veciños rexionais, o país magrebí sempre se presentou diante do mundo coma un modelo de estabilidade e de éxito económico. É un feito e non se pode obviar que ó longo destes últimos anos téñense rexistrado unhas elevadas taxas de crecemento, o cal ten permitido unha certa mellora do nivel de vida da poboación, situándose actualmente a renda anual nuns 2.800 euros e a taxa de pobreza no 3,9%.
Unha data clave na historia recente de Túnez é o 7 de novembro de 1987, cando un equipo médico incapacitou para o exercicio das súas funcións ó ata entón presidente Habib Bourguiba, principal artífice da modernización do país. O seu primeiro ministro, o xeral Cine el Abidine Ben Alí, sucedeulle na xefatura do estado, rematando deste xeito co que Abdelkader Zghal, sociólogo tunecino, denominou “a última república civil do mundo árabe”. O novo presidente puxo en marcha un “programa de rexeneración nacional”, unha especie de proceso liberalizador no económico e de “apertura política outorgada”, acompañado dunha durísima represión.
O endurecemento do sistema “benalista” foi xustificado como a única alternativa posible para manter un clima de estabilidade suficiente, garante da prosperidade. O medo a caer nunha espiral de violencia e de enfrontamentos civís similar á vivida en Alxeria e os atentados do 11 de setembro de 2001 nos Estados Unidos, non fixeron outra cousa que lexitimar o incremento da represión, non soamente cara os sectores islamitas. O réxime de Ben Alí conta incluso co apoio de Washington e, tal e como destacou o propio George W. Bush hai algunhas xornadas, “é un orgullo apoiar a Túnez nos seus esforzos por promover a democracia e a liberdade” (sic). Estes, ó igual que a propaganda oficial, recoñecen as virtudes da “democracia lenta”, expresión empregada para referirse a un suposto proceso transicional en curso no país magrebí.
A realidade é ben diferente e baixo unha fachada pluralista –existen actualmente nove partidos políticos legais e celébranse procesos electorais de forma periódica– a oposición legal atópase amordazada, robustecéndose o carácter hexemónico do Reagrupamento Constitucional e Democrático (RCD), formación que na práctica funciona como un “partido único”. O carácter policial do réxime ten sido denunciado insistentemente por opositores e disidentes, tanto desde dentro do país como desde o exilio. Organizacións internacionais de defensa dos dereitos humanos como Amnistía Internacional ou Human Rights Watch non deixan de facer o propio desde fai lustros ante os arrestos arbitrarios, a censura dos medios de comunicación e a tortura.
Amais da oposición legal, existen amplas capas de organizacións e asociacións non recoñecidas polo réxime, tanto no interior como no exilio, particularmente en Francia. Este pasado venres, con motivo precisamente do cincuentenario da independencia tunecina, varios grupos non legais tentaron manifestarse polas rúas de Túnez capital ó grito de “pola nosa alma, polo noso sangue, sacrificarémonos por ti, liberdade”. A policía interveu rapidamente de forma violenta, o cal non fixo senón probar unha vez máis a rixidez do actual sistema político. Este non é un feito illado e episodios similares cóntanse por ducias.
Boa parte desta oposición, onde se inclúen tamén algúns islamitas, artéllase desde finais de 2005 arredor do “Colectivo 18 de outubro polo dereito e as liberdades”, que se atopa no punto de mira do réxime. As súas reivindicacións son a implementación dunha efectiva liberdade de expresión, de organización e de reunión, así como a promulgación dunha lei de amnistía xeral para todos aqueles que se atopan en prisión ou que son perseguidos en virtude da comisión de “delictos políticos”. O acoso e a persecución cara os seus membros é constante.
A finais do pasado mes de febreiro, o réxime anunciou a liberación de 1.657 detidos. Entre estes, uns oitenta prisioneiros políticos, pertencentes na súa meirande parte ó movemento islamita “El Ennahdah”. Como denuncia Yahyahoui Mokhtar, presidente do Centro Tunecino pola Independencia da Xustiza (CTIX), “esta sorte de clemencia é un engano e atópase destinada a cortar toda especulación arredor das intencións da ditadura fronte á crise que actualmente atravesa o país”. Mohktar denuncia o “agravio comparativo”, sinalando como “a gracia foi total para os criminais e chantaxistas, namentres que para os militantes dos dereitos humanos ten sido reservada unicamente a liberdade condicional, o cal deixa aberta a ameaza dunha reconducción á prisión ante a máis mínima infracción”.
“Namentres Ben Alí recibe as felicitacións dos líderes mundiais, non podemos esquecer que aínda permanecen no cárcere varias ducias de prisioneiros de opinión e que as violacións dos dereitos humanos son unha constante”, sinalan desde o Comité polo Respecto das Liberdades e dos Dereitos Humanos en Túnez (CRLDHT), con sé en París. O símbolo da loita é, hoxe máis que nunca, Mohamed Abbou, avogado e defensor dos dereitos do home, encarcerado dende o 1 de marzo de 2005 por ter publicado en Internet varios artigos críticos co réxime. Abbou mantén desde o pasado día 11 de marzo unha folga de fame para protestar contra o deterioro das súas condicións de detención. Para moitos, a prisión é Túnez.