Turbulencias entre Madrid e Rabat

As relacións bilaterais entre os Reinos de España e de Marrocos atravesan un momento particularmente difícil e non semella que as cousas poidan retomar a senda da normalidade sen unha reavaliación a fondo dos seus contidos. A retirada sine die do embaixador marroquí en Madrid, M. Abdeslem Baraka é unha medida grave por dúas razóns. En primeiro lugar, porque é a máis dura que precede á ruptura de relacións diplomáticas. En segundo, porque é unha decisión da monarquía. Asuntos exteriores, ao igual que interior, xustiza e asuntos relixiosos, son ministerios do soberano e os seus titulares non dependen do primeiro ministro, senón directamente de Mohamed VI. Fahd Yata, en La Tribune, fala de ruptura e glaciación. En Les Nouvelles du Nord, se acusa a Madrid de apostar pola desestabilización de Marrocos.

O contencioso con Rabat abanea boa parte da política mediterránea, magrebí e árabe de España, segundo socio económico en importancia de Marrocos. España non pode prescindir do Reino alauíta. Hai un imperativo de veciñanza xeopolítica e múltiples lazos e problemas que unen aos dous países e que impoñen a obriga de retomar o contacto e o entendimento. Con sensatez. De nada val negar a evidencia nin conducirse coma se non pasara nada, mesmo anunciando o mantemento dun cumio bilateral previsto para decembro cando a realidade parecía desmentilo. Dificilmente se poden afrontar con serenidade os problemas en quente. Piqué non é Kissinger nin estes son os anos setenta.

A axenda bilateral é coñecida: pesca, tránsito de productos agricolas, inmigración e, sobre todo, Sahara Occidental. Rabat está testando a Madrid unindo tres contenciosos territoriais: Sahara, Sebta e Mélilla e Xibraltar. M. Benaïssa, ministro de asuntos exteriores, non atopa lóxico que Madrid negocie con Londres o futuro estatuto de Xibraltar sen mover peza a propósito do Sáhara e recibindo ao mesmo tempo aos alcaldes de Sebta e Mélilla ou tolerando plebiscitos simbólicos a favor da independencia do Sahara coma o celebrado en Andalucía. Marrocos acusa a España de impedir a adopción dunha posición común das delegacións da Unión Europea sobre o proxecto de acordo marco defendido por James Baker e Kofi Annan que preconizan a volta á estratexia anterior ó proceso do referendo. Rabat nunca tolerará a creación dun Estado independente no seu flanco sur.

A posición de firmeza no ámbito diplomático é seguida no interior cun renovado impulso democrático. Mohamed VI convocou eleccións lexislativas para setembro de 2002 e asegura que transformará o país nunha sociedade democrática, ante todo porque non desexa que ese pretexto sexa utilizado internacionalmente para rebaixar as súas pretensións. A iniciativa vén do Sur e os problemas persistirán en tanto Madrid non se decante. Os saharauíes levan todas as de perder.