O Partido de Xustiza e Desenvolvemento (AKP), islámico moderado, venceu con toda evidencia nas eleccións celebradas o pasado domingo en Turquía ao derrotar ao seu máis directo rival, o Partido Popular Republicano (CHP), socialdemócrata, de Deniz Baykal por unha ampla marxe. O AKP obtivo un 34 por cento de apoio e pode formar goberno en solitario, fenómeno insólito neste país nas últimas dñecadas. O AKP terá maioría absoluta na Gran Asemblea Nacional, mentres que o CHP obtivo menos do vinte por cento. Ningún outro partido acadou máis do 10 por cento dos votos, un requisito imprescindible para obter representación parlamentaria. Todos varridos do mapa, víctimas dunha normativa electoral calculada para derrotar aos islamistas e impedir a traducción parlamentaria do problema curdo.
A estratexia orientada a evitar o ascenso islamista fracasou estrepitosamente. O pasado 20 de setembro, a seis semanas das eleccións, o Alto Comité Electoral, invalidaba a candidatura do líder do AKP, Recep Tayyip Erdogan, pero a ola xa estaba en marcha e ninguén a podía parar. ¿Ninguén? En pura aritmética electoral, non, pero a elección turca complica un pouco máis o empeño da administración Bush que conta naturalmente con Ankara como punto de apoio indispensable para organizar unha intervención militar contra Iraq.
¿E os militares turcos? En 1997, a súa presión foi decisiva para forzar a demisión dun primeiro ministro islamista, Necmettin Erbakan. Cinco anos despois semella que de ben pouco valeu aquel golpe brando, se ben certamente conseguiu abrandar boa parte do movemento islamista e facelo máis aceptable aos ollos do Consello Nacional de Seguridade, auténtico lastre da soberanía popular e democrática en Turquía e a quen se lle encomenda a mellor interpretación da defensa dos intereses vitais do país.
¿Principio da fin da laicidade turca? Está por ver. Son moitos e poderosos os que están pendentes do mínimo pretexto para eliminar aos islamistas da paisaxe política, pero un compromiso semella inevitable. Erdogan, víctima desa persecución a pesar de demostrar a súa valía e honestidade como alcalde de Istanbul, personifica esa espada de Damocles que obriga a formular un islamismo light e aceptable, ou quedar á marxe, como lle aconteceu aos duros e agrupados hoxe no Saadet de Erbakan. Oficialmente, o AKP non é un partido islamista, senón conservador, de centro dereita e proeuropeo. A súa proposta é de rexeneración do sistema político e non de introducción da axenda islámica. Aínda así, a pesar das reiterativas defensas do libre mercado, da democracia, e da propia Constitución turca, poucos confían. Os primeiros, os propios militares, que contaban cunha victoria máis moderada que os obrigara cando menos a cogobernar, e que estarán á espreita para retomar, de ser necesario, o control dunha evolución que se lles foi das mans. O ataque contra Iraq podería brindar a excusa perfecta.
Mentres tanto, Erdogan, o gran trunfador da xornada, terá que conformarse con manexar os fíos do poder dende a segunda liña ata que se lle perdonen as soflamas poéticas verquidas hai xa cinco anos nun mitin en Siirt: "As mezquitas son os nosos cuarteis, os minaretes as nosas baionetas, as cúpulas os nosos casos e os crentes os nosos soldados". Demasiado belicoso, dixeron entón, os militares turcos.
