Turquía e a UE: os atentados de Estambul

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Os catro atentados suicidas na metrópole turca de Estambul a semana pasada, que causaron 55 mortos e máis de 750 feridos, provocaron unha nova polémica acerca do ingreso de Turquía na Unión Europea (UE). Políticos conservadores, en particular en Alemaña, argumentan agora que os atentados demostran o perigo de "importar" o terrorismo fundamentalista á UE ó integrar un país membro do mundo islámico. Sen embargo, esta polémica amosa máis ben que a dereita en Europa tenta impedi-lo ingreso de Turquía na UE por tódolos medios " mesmo a costa das víctimas da violencia islamista.

En realidade, os atentados de Estambul foron máis ataques simbólicos contra o mundo occidental, sobre todo contra Gran Bretaña, o "sheriff auxiliar" dos EEUU na "guerra contra o terrorismo", xa que os obxectivos foron tanto o consulado xeral británico como o segundo banco máis importante do mundo, o HSBC. Hoxe en día, non se pode "importa-lo terrorismo" á UE. Cidades como Londres ou Madrid son xa obxectivos moi probables de atentados no futuro e o ingreso turco non aumentará o perigo. Ó contrario, Turquía podería se-la "outra cara" do Islam: un país islámico e democrático ó mesmo tempo. Así, funcionaría como unha ponte útil entre Europa e o Oriente Medio.

Malia ser aínda esta visión unha utopía, a dereita europea non a quere en absoluto. Prefire unha Europa cristiá e pechada, na que os europeos poidan atrincheirarse contra o Mal dende fóra. Sen embargo, a UE decidiu que as negociacións sobre o ingreso turco comezarían en 2004. Estas negociacións non rematarán definitivamente antes da década seguinte, pero a dereita debe ter medo de que Turquía sexa, ó final, un país membro da UE. Polo tanto, a dereita utiliza tódolos argumentos contra o ingreso que atopa: a islamización de Europa a través de Turquía; as emigracións masivas de turcos a outros países de la UE (Turquía ten máis habitantes que calquera outro país da UE); os custos para subvenciona-la fráxil economía de Turquía; as fronteiras turcas con Siria e Iraq, ou agora tamén a importación do terrorismo fundamentalista. Sen embargo, estes argumentos abusan soamente do medo da xente a un país descoñecido, porque se basean ou en simples especulacións ou nunha esaxeración dos perigos, que existen en tódolos países candidatos. Con todo, o peor é que estes argumentos tapan os asuntos realmente importantes.

A pesar das recentes reformas fundamentais do goberno de Erdogan (que se describe como islámico-democrático seguindo o exemplo dos cristiáns-democráticos da Europa occidental), Turquía viola aínda tódolos valores que representan á Europa verdadeira: o exército kemalista controla a través do Consello de Seguridade Nacional a "democracia"; os Kurdos están oprimidos polo estado; e tanto os dereitos humanos como as liberdades fundamentais, sobre todo a liberdade de prensa, de reunión e de expresión, non están suficientemente protexidos. Como mínimo, a UE recoñece oficialmente que o máis importante é que Turquía cumpra antes do seu ingreso os criterios de Copenhague de 1999, que resumen os valores da Unión. Nas verbas do comisario da Ampliación, Günter Verheugen, "un país, que detén prisioneiros de conciencia, non é un país da UE." Mais o criticismo desta estratexia aumentou dende os atentados de Estambul.