Turquía: entre o laicismo e o islamismo

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Unha lei de educación que favorece as escolas coránicas turcas, mellor coñecidas como imam hatip, no seu acceso ás universidades, está a provocar unha fonda disputa entre o actual goberno islamista de Recep Tayyip Erdogan, e as elites políticas e militares, maiormente laicas.

O proxecto de lei aprobado polo poder lexislativo acaba de ser vetado polo poder executivo, na figura do presidente Ahmet Necdet Sezer, baixo fortes presións do sector militar, que teme a infiltración de elementos islamistas na cúpula do Estado turco.

O pulso que actualmente manteñen o primer ministro Erdogan e o presidente Sezer revela a clave da encrucillada histórica na que transita Turquía. A sociedade turca debátese entre manter o laicismo occidental herdado do fundador da república, Mustafá Kemal Atatürk, e resgardado polas elites politicas e militares, ou recuperar as tradicións islámicas, a través das cofradías e as escolas coránicas, que expandiron un Islam netamente popular.

A loita por aprobar ou non a lei de educación islamista en Turquía garda semellanza coa polémica decisión do goberno francés de prohibir o velo islámico nas escolas en lugares públicos, anque visto desde outra óptica. O islamismo, non como ideoloxía política senon como sentemento popular, está profundamente enraizado nas clases medias e populares do país. Do mesmo xeito, o carácter laico do Estado turco está garantido por oito decenios de goberno republicano, dúas xeracións de turcos que tampouco olvidan esquecen cales son as súas raíces históricas e culturais.

Afondar aínda máis na disputa laicismo vs islamismo afasta a Turquía do que é o seu principal obxectivo para este ano, e para o futuro mais próximo: o comezo das negociacións de ingreso na Unión Europea. O goberno espera que o Parlamento aprobe a reforma da lei nunha nova votación, o que obligaría ao presidente Sezer a promulga-la; mais tamén o presidente podería facer uso do Tribunal Constitucional para rexeita-la. Ante este escenario, os islamistas turcos, con maioría parlamentaria, poderían moderar a súa proposta lexislativa, coa finalidade de evitar enfrontamentos cos sectores laicos en vésperas do comezo das negociacións coa Unión Europea.

O caso turco, calificado por Samuel Huntington como "país desgarrado" entre o carácter laico e a súa natureza islámica, non debe pasar por debaixo da mesa para os países occidentais. Turquía podería ser un modelo de efectiva integración entre o secularismo occidental e un Islam "laico", con amplas repercusións no mundo musulmán, especialmente no Medio Oriente. Pero as tensións internas, e os imperativos xeopolíticos dun país "ponte" entre Oriente e Occidente, poderían acabar co, ata agora, incipiente modelo turco.