Ata o próximo 22 de xullo, data en que se celebrarán as eleccións lexislativas anticipadas, agardan tempos convulsos en Turquía. E o máis probable é que os comicios confirmen a vitoria do Partido da Xustiza e o Desenvolvemento, o AKP, reforzando mesmamente a súa actual maioría. A crise actual, orixinada polos receos que suscita a candidatura presidencial do islamita Abdullah Gül, actual ministro de exteriores, entre os militares, recibirá así un novo impulso. A inxerencia castrense no devir político, de claro signo prooccidental pero autoritario, contrasta coa aposta do AKP pola elección directa e democrática do Presidente do país, restando poder e lexitimidade ao factor militar.
Nin é descartable un golpe nin tampouco a existencia dunha "axenda oculta" dos islamitas para radicalizar a súa política unha vez que controlen tamén a presidencia. Demasiados riscos para un país de tanta importancia xeopolítica e estratéxica. Por iso, alén dos procesos electorais, cabe imaxinar que dentro e fóra se multipliquen as xestións para evitar unha deriva incontrolable. O pragmatismo de Erdogan é o principal aliado da UE, sempre indecisa e dividida respecto ao futuro da adhesión, proceso dificilmente salvable de truncarse a normalidade democrática. A lección de Alxeria impón outro rumbo.