Turquía: o retorno do PKK

A recente vaga de enfrontamentos entre a guerrilla curda do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) e o Exército turco recoloca na escena o interminable problema curdo en Oriente Próximo, así como certifica un cambio de orientación por parte do primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan nun momento en que as relacións de Ankara con aliados estratéxicos como Israel e a UE pasan polo seu peor momento.

Desde abril pasado contabilízanse case 70 mortos polos enfrontamentos entre as milicias do PKK e o Exército turco, toda vez que o líder histórico do PKK, Abdullah Oçalan (quen cumpre cadea perpetua desde 1999 nun cárcere turco de alta seguridade), ordenara desde prisión o final dun alto ao fogo vixente desde hai máis dun ano.

Dende comezos de xullo, Erdogan ven sopesando a posibilidade de lanzar unha operación militar aérea e terrestre contra as bases do PKK no norte de Iraq, en gran medida persuadido pola presión da poderosa casta militar turca. Esta perspectiva está tamén provocando unha posible crise bilateral entre Turquía e Iraq.

Con Oçalan en prisión e trala chegada ao poder de Erdogan no 2002, aplicando as primeiras medidas favorables para preservar a lingua e cultura curdas, especulouse coa posibilidade de asentar as bases dun posible diálogo político coas diversas faccións políticas curdas.

Non obstante, os duros roces políticos entre Erdogan e a casta militar turca, visibles desde 2007 e que ameazaron con desestabilizar o goberno do partido islamita AKP, moi probablemente levaron a Erdogan a adoptar unha posición máis dura con respecto ao problema curdo. Nos últimos meses, o goberno turco ven arrestando a membros do pro-curdo Partido Paz e Democracia (BDP), con representación parlamentaria, tras acusalos de presuntas conexións co PKK.

Esta “radicalización” de Erdogan se aprecia tamén na súa visión exterior. Durante un cumio da Asociación de Países do Sueste de Europa, Erdogan acusou a países europeos – sen mencionar cales- de ofrecer presuntos refuxios a terroristas curdos e dar cabida a posibles ONGs como “tapadeiras” do PKK. Igualmente, Erdogan insinuou que Israel podería estar detrás da reactivación da ofensiva guerrilleira do PKK, unha presunción que atiza aínda máis o delicado momento nas relacións entre Ankara e Tel Aviv trala crise suscitada polo ataque militar israelí contra unha flotilla humanitaria turca cara Gaza.

A recente ofensiva do PKK tamén alerta da necesidade de observar os acontecementos internos dentro da guerrilla curda. Murat Karayilan, considerado o sucesor de facto de Oçalan na alta comandancia da guerrilla curda, anunciou recentemente que abandonarían a loita armada a cambio de maiores dereitos políticos e culturais para o pobo curdo en Turquía, amparado por unha eventual supervisión da ONU. Poida que dentro do PKK se estén xerando posibles divisións entre Oçalan e Karayilan e outros liderados sobre os pasos a seguir.

En todo caso, o retorno do PKK recoloca no tapete o interminable problema da soberanía e dos dereitos políticos e culturais do pobo curdo. Progresivamente afastado da atención internacional desde a guerra de Iraq en 2003, os recentes combates no Curdistán turco tamén voltan a atención sobre un conflito esquecido ante o silencio dunha comunidade internacional que, ironicamente,  semella agora mais proclive a recoñecer a independencia doutros colectivos, como é o caso de Cosova.