Turquía: ¿paradoxo no voto?

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

"Comeza unha nova páxina en branco despois deste 3 de novembro". Tralas eleccións, esta impresión de Tayyip Erdogan, líder do gañador Partido da Xustiza e o Desenvolvemento -AKP- , inhabilitado polos militares-xuíces para exerce-la dirección política do país, non pode ser máis certa en canto á descomposición do sistema de partidos acontecida. Non o é, nembargantes, en canto á conxuntura na que se atopa Turquía: ás portas da Unión Europea, sen arranxar o conflicto chipriota, e nunha complicada situación fronte a un máis que probable ataque a Iraq.

Certamente, a victoria dun partido de corte islámico é un volco na progresión contemporánea turca, país que, malia declararse musulmana o 99% da poboación, debe o seu Estado laico á vixiancia e veto exercido polos militares, instalados no corazón do réxime a través do Consello de Seguridade Nacional, -MGK-.

A política de goberno, paternalista e clientelar, tense amparado na decisión última dos militares para agochar os seus propios erros, que son vistos cada vez máis, en Turquía e fóra dela, como a transformación do moderno legado de Kemal Ataturk en conservadorismo, apoiado nunhas elites políticas inamovibles e, polo tanto, inclinadas á corrupción.

Paradoxalmente, nunha sociedade desexosa de cambios e liberdade, e aparentemente desorientada en canto á súa identidade, o electorado semella que ten decidido que a modernidade está no islam político do AKP, que viría propugnar un xeito de "socialdemocracia islamista", en verbas de Esra Kuyas, especialista do movemento islamista na Universidade de Galatasaray: "unha mestura de conservadorismo sobre os temas de orde social, e democracia no que toca á organización política e económica da sociedade", describe.

Nun país golpeado dende hai dous anos por unha crise económica de gran magnitude, un 20% de desempregados, case o 50% baixo a liña da pobreza, e grandes desigualdades rexionais, a énfase do AKP na satisfacción das necesidades dos cidadáns semella remitir ás políticas redistributivas, unha razón de voto netamente occidental, socio-liberal. Hai tamén un espello occidental no que se miran moitos turcos, que non entenden moi ben porque os seus emigrantes poden leva-lo pano (no traballo, na escola) en Europa, pero non en Turquía. Dende esta perspectiva, a cúpula militar tería negado non só os dereitos culturais das minorías (kurda, maiormente), senón os de moitos turcos. Estas preguntas que, se cadra, se ten feito o electorado, semellan desembocar noutra: ¿Que é máis anacrónico: unha democracia dirixida por militares, ou unha democracia islámica?

Para Occidente, e a Unión Europea en particular, a pregunta é outra: ¿Falará o novo goberno turco máis do Islam ou de Europa?. E, trala declaración do AKP en canto a que a súa prioridade absoluta será o ingreso de Turquía na UE -que rompería cunha posible política islamizante para seguir coas reformas-, a pregunta é : ¿crible?

O AKP fundouse hai un ano das cinzas dos prohibidos Partido do Benestar e Partido da Virtude, dos que toma os elementos menos radicais do seu islam, fracción esta da que se ten publicamente desvencellado ó longo do ano. De feito, o partido autodefínese como non relixioso, democrático e conservador. Cun 34,2% dos votos, o AKP acadou 363 dos 550 escanos do Parlamento, polo que será quen de formar goberno por si mesmo, cousa que non ocorreu nos últimos quince anos. Foi precisamente a descomposición da ampla coalición de goberno (esquerda, socialdemocracia, centro e extrema-dereita), xunto á enfermidade do primeiro ministro Ecevit, o que provocou o adianto das eleccións, inicialmente previstas para 2004.

Erdogan, condenado por "incita-lo odio relixioso" tras recitar un versos islámicos ós seus seguidores, non poderá sentar no Parlamento nin, polo tanto, se-lo xefe de goberno, tarefa que, en boa lóxica, recaería no seu número dous, Abdulá Gul, por máis que o presidente da República, Ahmet Necdet Sezer, teña xa lembrado que é el quen nomea o primeiro ministro. Cumio dunha situación política moi complicada é o feito de que o seu partido tamén está ameazado de ilegalización, pero non é probable que o Tribunal Constitucional se pronuncie antes dun ano se é que, finalmente, segue o caso adiante. O AKP non oculta que o seu propósito é reforma-la Constitución (e está a catro escanos da posibilidade de face-lo) para que, entre outras cousas, non volva a darse este caso.

A descomposición do sistema de partidos tradicionais é total. De oito partidos que formaban o vello Parlamento, pasamos agora a tan só dous. Algo semellante ocorre co voto de castigo ó sistema reflectido no 1,2% de apoio que recibe o Partido da Esquerda Democrática -DSP- de Ecevit. A cómoda maioría que tiña a coalición no poder dende hai só tres anos non se correspondía xa, nin remotamente, coa opinión verquida nas urnas o 3 de novembro. Era, o saínte, o goberno que ten implantado o principio das reformas requiridas pola Unión Europea para achegarse á candidatura definitiva do status europeo. A UE terá, a partir de aquí, que facer unha proba á vista de todos acerca da súa experiencia, coñecemento e vontade para tratar cun goberno "relixioso" en Ankara, o goberno dun país que, con 65 millóns de habitantes, sería o máis poboado da Unión.

Fóra, polo tanto, tódolos demais, o outro partido que obtén representación parlamentaria é o Partido Republicano do Pobo -CHP- de Deniz Baykal, centro esquerda socialdemócrata que acada o 19,3% dos votos e 178 escanos. Respecto á formación do novo Parlamento, reducido a dous partidos, cómpre precisar, que a representación do 65% das bancadas para o AKP correspondese realmente cun 25% do voto turco. Algo semellante ocorre co CHP: 35% dos escanos, pero só 15% do total de votos. O CHP, vello partido de Kemal, a partir de agora oposición única parlamentaria, representa, segundo a inmensa maioría dos analistas, o voto laico e pro-occidental. Nestas bancadas salienta sobre maneira a presencia de Kemal Dervis, ex ministro de Economía e ex vicepresidente do Banco Mundial, artífice do plan de recuperación económica do país e da aprobación dunha axuda de 16.000 millóns de dólares por parte do FMI. Dervis e o CHP, moi próximos nos últimos tempos, serían os interlocutores preferidos polos mercados e as institucións internacionais, por máis que a relación entre o novo goberno turco do AKP e o FMI non semella estar en perigo. A formación do novo Parlamento quedaría completada cos nove escanos restantes que serían para independentes.

Definitivamente, a relación determinante, tanto conxuntural como estructuralmente, segue a ser a que une este país con EE.UU, nominalmente a través da OTAN. O AKP ven de sinalar que, respecto á cuestión iraquí, o seu goberno non se pronunciará ata coñece-la opinión da ONU; niso non hai ningunha novidade. O executivo saínte de Ecevit xa o dicía. Hoxe coma onte, Turquía segue a perder cunha confrontación con Iraq. Abdulá Gul lembra estes días que o seu país sufre aínda as consecuencias da guerra do Golfo, e estima as perdas en ingresos comercias en 40.000 millóns de dólares. O creto do FMI ten algo de reparación, pero a economía rexional, o equilibrio rexional (Turquía teme ademais a posible creación dun Estado kurdo que podería traer unha nova guerra), volve a estar en perigo en toda a zona sen saír aínda da crise anterior. De inmediato, tralas eleccións en ambos países, e dependendo do consenso sobre a guerra e dos mesmos plans estratéxicos, a "necesidade" estadounidense será a que dea cualificación a Turquía.