En medio da actual crise política en Ucraína a emisión de declaracións contradictorias pasou a ser un rasgo característico da propaganda do réxime de Kuchma. O pasado xoves, a Fiscalía Xeral expresou de novo as súas dúbidas sobre a veracidade da identificación, que anteriormente non cuestionara, do corpo decapitado que podía pertencer ao xornalista desaparecido, Gongadze. Un suplente do Fiscal Xeral afirmou que un testemuño asegurou ter visto a Gongadze vivo en Chequia en xaneiro pasado. Unha nova peritaxe resultou imposible, segundo este representante oficial, por mor da emigración da muller do periodista a EEUU donde se lle concedeu refuxio político. Á súa vez protestou contra unha eventual participación de expertos norteamericanos nese exame porque a concesión do status de refuxiado político ao maior Melnychenko, famoso ex-gardaespaldas de Kuchma, fai dubidar da obxectividade dos especialistas americanos.
Cando en marzo apareceron rumores sobre a demisión do Ministro do Interior, Krávchenko, o Presidente desmentiunos enerxicamente, aínda que días despois foi destituído -para que ninguén o interpretase como unha concesión á oposición- e substituído polo xefe policial de Kiev, principal artífice das accións policiais durante os enfrontamentos coa oposición do 9 de marzo.
Neste contexto, o Ministro de Exteriores, A. Zlenko, tivo un difícil papel na súa última viaxe á ONU e a Estados Unidos, unico país que realmente lles preocupa. Primeiro tiña que facer crer aos seus interlocutores na novidade do actual curso da política exterior de Kíev: en vez do anterior curso multivectoral non se podía avanzar en varias direccións ao mesmo tempo, dixo agora existen prioridades claras, as relacións cos socios estratéxicos da Ucraína: a Unión Europea, EEUU e Rusia.
En unísono con Kuchma falou dunha oposición presuntamente contraria á orientación europeísta de Ucraína. Sen embargo, o Presidente declaraba nunha entrevista aos diarios rusos "Trud" e "Rosssiyskaya gazeta" o 18 de abril que "está claro que a alguen non lle gusta o noso acercamento a Rusia". Asegurou tamén que "as accións antipresidenciais son unha campaña ben preparada para organizar unha demisión anticipada do Xefe de Estado. Nítida e claramente se advirten raíces non soamente ucraínas. Porque se esta campaña fose exclusivamente ucraína, xa estaría morta hai tempo".
A estas alturas, a crise tivo como víctima a quen fixo todo o posible para non deixarse involucrar nas contendas: o primeiro ministro, Víktor Yuschenko. Debeu presentar ante o pleno do Parlamento un informe sobre as actividades do seu Goberno, por certo, o primeiro en recoller algúns éxitos no ámbito económico dende a Independencia. A tribuna do orador era case imperceptible, instalada detrás das caixas de cartón que contiñan 3..000 votos a favor do xefe do goberno recollidos polo RUKH e outros colectivos do movimento opositor nas provincias de Ucraína. Entre os 290 diputados que recoñeceron o labor do Goberno como insatisfactorio estivo o líder do Partido Socialista, O. Moroz, promotor da actual crise, ao publicar as escandalosas gravacións do ex-gardaespaldas do Presidente.
Lamentablemente, o primeiro ministro non estivo á altura das pasións que bulen ao seu redor. Segundo o respectable diario Den/Day: "A xente está cansa del, ou aposta pola sabiduría do compromiso, ou que teña o a valentía de presentar a súa demisión". Significativamente, a votación definitiva sobre o destino do goberno de Yuschenko colocouse na axenda do Parlamento para un día de luto en todo o país, o 26 de abril, aniversario da catástrofe de Chornóbyl.
Diante da sede do Parlamento congregaronse 25 mil persoas de todas as rexións de Ucraína para apoiar a Yúschenko. Aínda que fosen 14 mil, como afirman as fontes policiais, tal concentración non ten precedentes na historia de Ucraína. Sen embargo, a opinión dos parlamentarios foi clara: 263 deputados (na súa maioría comunistas e "social-demócratas unificados") emitiron os seus votos de desconfianza ao goberno.
Agora ábrese unha nova etapa, a dun goberno de coalición. Pero as perspectivas dunha coalición entre comunistas e oligarcas, artífices do derrocamento do goberno de Yuschenko, non están definidas de todo, mesmo algúns observadores sinalan presións para forzar a demisión do Presidente Kuchma, un estorbo ou un sobrante, din, para os plans de uns e doutros.
Mentres, unha enquisa realizada polo Instituto de Socioloxía da Academia de Ciencias amosou que un 52,3 % de cidadáns ten a plena convicción de que altos responsables do país están implicados na desaparición do periodista Gongadze e un 45,7 % considera que o Presidente debe dimitir.