Capa Tempos novos nº298

Ucraína, guerra en Europa

Europa de novo en guerra. Ucraína convertida no cordeiro do continente. Un fracaso colectivo. O presidente ruso Vladimir Putin, a contrafío dos seus reiterados anuncios de que non ía invadir o estado soberano centroeuropeo, mobilizou as súas tropas para se asegurar o control de todo o país nunha operación lóstrego –veremos se ese propósito se confirma finalmente- e impoñer as súas condicións a Kiev. ¿Reacción? A lóxica condena con peche de filas arredor da UE, os EUA e a OTAN e anuncios de sancións de perfil ascendente e resultado incerto. A China, gardando distancias nun difícil equilibrio. A ONU, mais unha vez, irrelevante.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Europa de novo en guerra. Ucraína convertida no cordeiro do continente. Un fracaso colectivo. O presidente ruso Vladimir Putin, a contrafío dos seus reiterados anuncios de que non ía invadir o estado soberano centroeuropeo, mobilizou as súas tropas para se asegurar o control de todo o país nunha operación lóstrego –veremos se ese propósito se confirma finalmente- e impoñer as súas condicións a Kiev. ¿Reacción? A lóxica condena con peche de filas arredor da UE, os EUA e a OTAN e anuncios de sancións de perfil ascendente e resultado incerto. A China, gardando distancias nun difícil equilibrio. A ONU, mais unha vez, irrelevante.

O peor escenario

Tras longas semanas de tirapuxas, confirmouse o peor escenario, que suporá, inexorablemente, grandes sufrimentos para a poboación civil ucraína e graves consecuencias para toda Europa. Putin deu unilateralmente por liquidadas as esperanzas dunha solución diplomática e puxo en primeiro plano as circunstancias xustificativas da invasión: incremento dos incidentes armados nas zonas contiguas á fronteira, acoso da poboación civil de etnia rusa, mesmo xenocidio, etc., argumentos moi próximos aos esgrimidos pola OTAN para xustificar nos anos 90 a súa intervención nos Balcáns, igualmente en territorio europeo. Hai moita amnesia estes días.

O problema de fondo era coñecido de todos: a negativa a aceptar a integración da Ucraína nunha OTAN que trala fin da URSS multiplicou case por tres o número de países membros. A promesa de non alargamento feita ao ex líder soviético Mijail Gorbachov para dobregar as súas resistencias a aceptar a unificación rápida das dúas Alemañas esvaeuse a gran velocidade sen que unha Rusia debilitada e desconcertada puidera evitalo. A interminable ampliación de bloques militares non é, sen dúbida, a mellor opción para establecer un marco de seguridade aceptable e sostible para preservar a seguridade rexional.

¿Onde poñer o acento: na defensa ou na seguridade? Se primamos a segunda como garantía para reducir a transcendencia da primeira, baseada na primacía dos preparativos bélicos, é obvio que esta non pode ser indivisible e debe xestionarse con base na cooperación. Ese feble esqueleto da casa común europea viuse abaixo de novo nestes días e quizais de forma irreversible.

A xestión das consecuencias

Mais aló do drama humanitario e a condena da agresión rusa, cunha vitoria militar que semella incuestionable e ao alcance da man, nesta gravísima crise, os EUA logran recuperar posicións. Trala desfeita en Afganistán, Washington ergue de novo a bandeira do liderado moral, presentándosenos como o principal garante desa legalidade internacional que tantas veces ten esmagado.

No xeopolítico son varias as consideracións a atender. Primeiro, corta de raíz calquera asomo de “autonomía estratéxica” de Europa baseada nun afrouxamento da alianza atlántica. Na Casa Branca sempre recearon dos intentos do Elíseo, especialmente, para dar cunha saída negociada á crise. O cuarteto de Normandía (Rusia, Francia, Alemaña e Ucraína), sen presenza estadounidense, fracasou. Putin tampouco foi quen de poñerllo doado. Alemaña, sucumbiu finalmente á cancelación do gasoduto Nord Stream2, como esixía Washington. A autonomía contradí a idea dun control estadounidense sobre Europa. Tralo errático mandato de Donald Trump, Estados Unidos espera deixar ben sentada a idea de que “a defensa de Europa só depende da protección dos EUA e só estes teñen a derradeira palabra neste asunto”. A OTAN rexurde cuns fundamentos reforzados.

Valéndose desta crise, Washington encirra os temores nos mercados de capitais e alenta o retorno dos dólares esparexidos polo mundo enteiro, freará a inflación interna coa suba dos tipos de interese e compensa a falta de liquidez. Deste xeito, Biden logrará que a economía estadounidense, con expectativas incertas, aterre suavemente.

No político, unha enquisa recente mostraba que o 58 por cento dos estadounidenses desaproba a Biden como presidente, fronte a un 41 por cento que o apoia. Tal como estaba previsto, as eleccións de metade de mandato levaranse a cabo en novembro deste ano. As perspectivas para Biden e o partido Demócrata non eran moi optimistas. Para evitar unha perigosa caída, Biden ten agora unha oportunidade. A guerra entre Rusia e Ucraína chega no momento propicio. A Casa Branca incentivará a súa economía e restablecerá o seu liderado internacional sen fisuras.

Mentres, Europa terá que lidar coas graves consecuencias de todo tipo que terá esta crise, que se vai superpoñer ás derivadas da pandemia do Covid-19, aínda presente no continente. Un serio obstáculo engadido ás estratexias de recuperación en marcha.

A Rusia de Putin

Aínda que algúns quizais celebren a imaxe dos tanques rusos alardeando de bandeiras da extinta URSS ao seu paso por territorio ucraíno, a Rusia de Putin nada ten a ver tampouco con aquel imaxinario. A camarilla oligárquica que hoxe impera no Kremlin responde a claves ben afastadas daquel ideal emancipatorio. A conxunción cos seus aliados da extrema dereita europea e unha realidade interna, social e política, ateigada de severas contradicións debera ser suficiente para evitar confusións. Esta Grande Rusia non figura sequera entre as 10 primeiras economías do mundo. A exhibición de músculo militar dificilmente axudará a recompoñer e optimizar as súas capacidades e facelas progresar. Forma parte dun espellismo dificilmente sostible. Con eses vimbios, as súas ambicións no eido estratéxico só poden ser limitadas.

¿Contra China?

Sabido é que o verdadeiro rival estratéxico dos EUA non é Rusia senón a China. En Beijing seguen con atención os acontecementos en Europa. Levan lustros apostando porque Europa pense por si mesma e resolva os seus problemas. E colleita un fracaso tras outro. O resultado inmediato da invasión dano por descontado. Mentres, observan con atención a magnitude da batería de sancións que se está a trazar e imaxina ese guión para unha hipotética, e quizais próxima, reunificación de Taiwán que poida requirir o uso da forza.

China está incómoda. A guerra e a crise en Europa afrouxa o “pivote asiático” dos EUA se ben deberá sopesar no inmediato en que medida asume riscos ante as sancións comerciais e de todo tipo que se aveciñan. É probable que exista algún pacto entre Beijing e Moscova en tal sentido. De momento, as súas aduanas anunciaron a apertura do mercado interno á compra de trigo ruso, sen restricións. De concretárense as sancións nos termos apocalípticos que se anuncian, o auxilio chinés a Rusia dificilmente mitigará o impacto. En 2020, o primeiro ano da pandemia, China tivo un intercambio comercial de 646 mil millóns de dólares coa UE e 583,7 mil millóns cos EUA. Con Rusia apenas superou os 102 mil millóns. O pragmatismo determina as prioridades e por riba de todo apostará por unha estabilidade que non afecte ao seu plan central de seguir modernizándose e desenvolvéndose.

Poida que a crise aproxime máis a Putin e a Xi Jinping, con quen comparte unha semellante visión da situación internacional e un idéntico afán de non ceder ante o Occidente liberal no que definen como “liñas vermellas”. Pero para China, a integridade territorial esmagada polas tropas rusas segue a ser un principio básico da súa política exterior e dificilmente tomará partido abertamente. Esa cautela extrema non lle está impedindo en absoluto condenar de forma categórica aos EUA como principal responsable dunha encrucillada, en boa medida buscada para non só afastar a Europa de Rusia senón tamén da China.

Un cambio de statu quo en dous tempos

O contexto ucraíno suscita nalgúns a hipótese do momento chegado da definición dos contornos dunha nova orde mundial que ultime os residuos daquel sistema bipolar establecido trala segunda guerra mundial. Certamente, semella esgotado o tempo en que os líderes da “comunidade internacional” repartían benzóns ao seu antollo. Rusia planta cara en Europa e non nos sorprenda que a China, segundo sexan as consecuencias, faga o propio en Asia en poucos anos. O espello disto será o Mar da China meridional  e, sobre todo, a cuestión de Taiwán.

En Beijing obsérvase con preocupación a implicación política e militar dos EUA nos países do seu entorno e na vella Formosa, corazón da estratexia de Washington para o Indo-Pacífico, reproducíndose en certa medida o tránsito observado na Ucraína. Saben que é un punto feble e toda a armazón militar que se está trazando na órbita anglosaxoa e occidental, dende o QUAD ao AUKUS, aspira a garantir que “os taiwaneses decidan libremente o seu futuro”. A expectativa de que China opte por un desenlace que se aventura non menos tráxico que o vivido na Ucraína non é desprezable.

Ante un cambio de paradigma como o que estamos vivindo na actualidade, Tucídides marcounos as opcións. Urxe repensar e trazar os eixes que conformen a armazón institucional que garanta a seguridade global no século XXI. Ou se negocian as condicións para acadar unha confianza estratéxica entre os vellos e os novos poderes conxurando o inestable ordenamento actual, ou haberá segundo tempo desta crise, esta vez no Pacífico. Na Ucraína, Putin só foi por diante, abrindo camiño. O risco de novos choques é alto.

Fronte aos EUA, Rusia ou China, a Europa ten unha misión reguladora esencial nesa orde internacional do século XXI. Cada vez que abdica desa ambición, hipoteca o seu futuro autónomo. Europa debe promover activamente unha solución diplomática en vez de se entregar ao reforzamento das dinámicas belicistas. Europa debe facer máis por solucionar os seus problemas atendendo aos seus intereses. Será quen padeza agora, principalmente, as consecuencias da guerra na Ucraína, con primeiros e severos impactos na orde humanitaria. Pero debera instar dende xa políticas para asegurar que os temores no Pacífico se resolven apelando á disposición preferente de medidas de confianza. Ucraína representa un test para todos.