Ucraína: o tempo das alianzas

O domingo 31 de marzo se celebraron en Ucraína eleccións ao Parlamento (Verjovna Rada). Un total de 7.000 candidatos se presentaron a estes comicios, dos que 399 ocuparon algún dos 450 escanos da Cámara na anterior lexislatura. Como en todas as convocatorias anteriores se detectaron irregularidades, a pesar da presencia de preto dun milleiro de observadores internacionales. A opinión xeralizada é que estas eleccións, a pesar deses contratempos que non influíron substancialmente nos resultados, se celebraron con máis transparencia e maior espíritu democrático ca outras. Sen embargo, en moitos casos se obstaculizou a votación: por falla de espacio ante os colexios se formaban colas de espera, debido á escasa iluminación nas cabinas de votación, os eleitores saían fóra para marcar as papeletas… Non se eliminou de raíz naturalmente o aquí chamado "recurso administrativo", é dicir, o voto influenciado directamente polo poder. Durante a campaña electoral, a pesar das maiores posibilidades outorgadas ás forzas pro-presidenciais, todas as opcións puideron ter acceso aos medios de comunicación.

Os politólogos dividen a palestra política de Ucraína en tres sectores. No primeiro están unidas as forzas que apoian ao actual presidente Leonid Kuchma. Trátase do bloque electoral "Por unha Ucraína unida" encabezado polo xefe da Administración Presidencial, Lytvýn; o partido "As Mulleres polo Futuro"; os Verdes; o Partido Social-Demócrata (unificado). No mesmo sector poderíamos incluír ao Partido Comunista e ao Partido Socialista do Progreso, que se declaran opositores pero que fan o xogo ao réxime en moitos asuntos. O segundo sector está composto polas forzas políticas da oposición: o bloque da antiga vice-primeiro ministra Yúlia Tymoshenko e o Partido Socialista de Moroz que no seu afán por derrubar ao Presidente descuidan no seu discurso prantexamentos constructivos. O terceiro sector está representado polo bloque "A Nosa Ucraína" do carismático ex-Primeiro Ministro Víktor Yúschenko que avoga por un cambio do poder existente por vía electoral creando un sistema de administración democrático.

Segundo os resultados preliminares, máis dun 20 por cento obtiveron o bloque de Yúschenko e o Partido Comunista, que tradicionalmente acumula os votos do electorado descontento e nostálxico do socialismo soviético. Unha porcentaxe un pouco menos importante acadou o bloque pro-presidencial. Dado que o PC ten a intención de promover unha moción de censura contra o Presidente e unha investigación das súas actividades, non se descarta un apoio coxuntural por parte doutras forzas da oposición coma o bloque de Tymoshenko, que tamén entrou no Parlamento con máis dun 5 por cento. Asi pois, a priori, as posicións do poder executivo trala formación do novo parlamento son bastante inseguras. O Partido Socialista se incorpora ao Parlamento con máis dun 8 por cento, por riba dos prognósticos que lle vaticinaban un 4 por cento. Os social-demócratas (unificados) obtiveron un cinco por cento, se ben aspiraban a unha representación parlamentaria maior. Fóra quedaron os Verdes e os socialistas progresistas.

Ningún dos partidos e bloques citados contará con maioría no parlamento e a política lexislativa da Verjovna Rada dependerá da súa capacidade de establecer alianzas. A posibilidade de formar unha coalición con Yüschenko foi xa proposta polo portavoz do bloque de Tymoshénko.

As eleccións non produciron cambios esenciais na distribución de forzas políticas en Ucraína, pero a base de apoio do Presidente reduciuse considerablemente a pesar do anuncio, na véspera das votacións, da unificación de catorce organizacións políticas arredor do bloque "Por unha Ucraína Unida" nun novo partido que lideraría o propio Kuchma.