Ucraína: un outsider para “romper o sistema”

“Só son unha persoa que veu a romper o sistema”.

Volodímir Zelenski, o comediante que vai presidir Ucraína

 

 

Un comediante sen experiencia na política conseguiu o apoio de máis do 70% dos electores en Ucraína nos comicios presidenciais do pasado 21 de abril. Volodímir Zelenski é o novo presidente dun país con importantes problemas económicos, cun alto grao de corrupción no sector público e cunha guerra nas rexións do Leste do Estado (o Donbás).

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Rusia Ucraína
Idiomas Galego

“Só son unha persoa que veu a romper o sistema”.

Volodímir Zelenski, o comediante que vai presidir Ucraína

 

 

Un comediante sen experiencia na política conseguiu o apoio de máis do 70% dos electores en Ucraína nos comicios presidenciais do pasado 21 de abril. Volodímir Zelenski é o novo presidente dun país con importantes problemas económicos, cun alto grao de corrupción no sector público e cunha guerra nas rexións do Leste do Estado (o Donbás).

Zelenski era un actor moi coñecido por interpretar a un humilde profesor de Historia que chega ser o presidente. A súa organización política leva, precisamente, o nome da serie que protagonizou: “O Servidor do Pobo”. O núcleo fundamental do seu partido está conformado polos seus amigos da infancia, cós que fundou a produtora Kvartal 95. Cualifícase próximo ao modelo do presidente francés Emmanuel Macron, aínda que tamén fixo alusións durante a súa campaña a Jair Bolsonaro, presidente de Brasil(1).

A falta de experiencia política deulle credibilidade ao presentarse coma un candidato independente da oligarquía. Apostou polas redes sociais para chegar á cidadanía, e por agora é o canal que emprega para responder aos desafíos que xa están xurdindo. O seu discurso facía fincapé en que el era o único aspirante que non tiña vínculos coa clase política e empresarial que exerceu o control do país dende a súa independencia. Aínda que neste punto foi bastante cuestionado debido a relación, soamente profesional segundo o propio Zelenski, que sostén co oligarca Ighor Kholomoiski, dono do canal 1+1 dende o que se emitía a súa serie. Kholomoiski reside actualmente en Israel xa que está perseguido pola xustiza ucraína debido ao desfalco bancario de máis de 5 mil millóns de dólares.

Zelenski pode caracterizarse, ata agora, pola súa ambigüidade na dualidade entre o Leste e Oeste. A presidencia de Ucraína é a institución encargada de desenvolver a política exterior e tamén ostenta o poder de designar altos cargos estratéxicos no Estado: “o de fiscal xeral, o presidente do Consello de Seguridade, o xefe do Servizo Secreto de Ucraína (SBU), o do ministro de Exteriores e o do presidente do Banco Central (...) unhas decisións que son agardadas coma “auga de maio” polos diplomáticos occidentais e observadores, ansiosos de saber por onde irán os tiros do novo período que se inicia”(2)

Aínda non se formalizou a toma de poder e o traballo do novo presidente xa comezou: un dos principais problemas aos que se enfronta é o de consolidar un poder parlamentario que lle permita levar a cabo reformas. A Rada Suprema (Parlamento ucraíno) está dominada polo partido do anterior presidente, Petro Poroshenko, e segue aprobando polémicas leis que continúan xerando divisións sociais. A nova lei sobre a lingua, “converte ó ucraíno no único idioma oficial do país,  facendo que se converta no idioma obrigatorio para todos os traballadores do sector público (...) a nova lei parece non so promover o ucraíno, senón tamén situar deliberadamente ao ruso nun estatus máis baixo”(3).

Zelesnki criticou abertamente a aprobación desta lei. O presidente electo é orixinario da rexión do Dnipro, e fala mellor o ruso có ucraíno(4), e en numerosas ocasións defendeu a necesidade de protexer tamén aos cidadáns que empregan o ruso coma lingua habitual.

As eleccións parlamentarias de Ucraína serán o próximo outono e parece que o presidente electo ten a intención de adiantalas, obviamente se llo permiten. Zelenski manifestou que Comisión Electoral de Ucraína está retrasando “a propósito a declaración oficial dos resultados do comicios para postergar a súa toma de poder a unha data posterior ao 27 de maio, o cal o inhabilitaría para disolver o Parlamento.(5) Segundo a Constitución de Ucraína, o presidente do goberno pode disolver o Parlamento, pero só seis meses antes de que se celebren os comicios. A súa antiga rival política, Yulia Timoshenko, parece apoiar a Zelenski e declarou que o novo Parlamento debe permitir a formación dun novo goberno. O abafante apoio de Zelenski demostra, segundo Timoshenko que “ o 75% da xente votou polo cambio para non soportar a este Goberno medio ano máis”(6).

A mellora da situación económica e o establecemento de medidas para combater a corrupción non son as únicas tarefas que ten pendentes Zelenski. A consecución dunha identidade nacional na que se sintan integrados tódolos cidadáns debe ser outra meta para o novo presidente ucraíno. Precisamente, sobre o tema da corrupción, o presidente electo manifestou que “quere limitar os aforamentos, endurecer no código penal os delitos de subornos e establecer un sistema, non vixente hoxe en día, que permita destituír ao xefe do Estado, que será el mesmo cando tome posesión”(7). Esta medida é bastante perigosa, xa que Poroshenko e outros persoeiros con poder nos medios de comunicación e no sector económico, poderán empregala se Zelenski avanza moito na loita contra a corrupción que poderá afectar a moitos dos oligarcas, polo que é previsible que termine establecendo alianzas coa clase política que prometeu combater.

Como acostuma acontecer cando un candidato novo acada a presidencia as felicitacións non tardaron en chegar dende Bruxelas e  Washington. Dentro da consonancia que caracteriza as organizacións atlantistas, tanto Jean-Claude Juncker, presidente da Comisión Europea, coma Donald Tusk, presidente do Consello de Europa, e tamén o presidente estadounidense Donald Trump amosaron o seu apoio ó novo presidente na tarefa de volver a acadar a integridade territorial da Ucraína.

Dende a Unión Europea, manifestase o desexo de proseguir co Acordo de Asociación que causou, entre outro motivos, o enfrontamento coa Federación Rusa. A presidencia de Zelenski mantense na ambigüidade,  e a pesar de que secundou as protestas da “Revolución da Dignidade” de 2014, e de que apoiou ao exército ucraíno co seu propio diñeiro, o presidente electo afirmou que a incorporación de Ucraína a OTAN e a UE debe facerse mediante referendo, e  afirma que “Ucraína non vai estar petando eternamente a porta de Bruxelas”.

Os parabéns do presidente ruso Vladimir Putin, parece que non se vai realizar, xa que durante a primeira semana de Zelenski coma presidente electo, Putin “firmou un decreto que simplifica o procedemento para obter un pasaporte ruso para os residente do Leste da Ucraína, o que provocou a resposta enérxica e negativa de Kiev”(8).O propio Putin afirmou que: “non temos ningún desexo de crear problemas para o novo presidente ucraíno, pero non podemos soportar unha situación na que as persoas que viven nos territorios das repúblicas de Donetsk e Lugansk carecen de todo tipo de dereitos civís”.

Pouco días despois do anuncio desta medida cualificada dende Ucraína coma “un golpe ao proceso de paz”(9), Putin explicou en Beijing, que estaban pensando na posibilidade de dar a cidadanía a todos os ucraínos(10).

Zelenski respondeu a través da conta de Facebook(11) da súa equipa, que era Ucraína a que lle daría a “cidadanía aos representantes de todas as nacións que sofren debido aos réximes autoritarios e corruptos, sendo os rusos os que máis sofren”.  O presidente electo manifestou tamén as súas intencións de manter un diálogo con Rusia, aínda que o Kremlin debe absterse de empregar as ameazas e a presión económica(12) xa que, na súa opinión, “este non é o mellor  camiño para deter o lume e desbloquear o proceso de Minsk”(13)que se iniciou en 2015.

O novo presidente ten esperanzas en atopar unha solución diplomática, pero no formato de Normandía, onde Francia e Alemaña serán os mediadores entre Rusia e Ucraína. Ángela Merkel, a chanceler alemá, afirmou que Berlín “seguirá no futuro de forma decidida do lado de Ucraína” na loita polo “seu dereito á soberanía e a integridade territorial” segundo un comunicado da Chancelería alemá.(14)

Dende a conta de Telegram do seu equipo, Zelenski manifestou: “Espero que na próxima reunión no formato de Normandía, Rusia demostre que está preparada para a redución da escalada. A confirmación concreta desta disposición debe ser o intercambio mutuo dos nosos cidadáns (...). Pola nosa parte, estamos listos para discutir as novas condicións para a coexistencia de Ucraína e Rusia (...) A verdadeira normalización levarase a cabo só despois dunha completa desocupación tanto do Donbás coma de Crimea. ¡Ucraína non se rende! En todos os sentidos”(15).

Volodímir Zelenski é consciente da necesidade de buscar o equilibrio entre Rusia e a Unión Europea e mantén a súa intención de establecer un diálogo que permita levar a paz a rexión do Donbás. As conversacións son inevitables entre Ucraína e Rusia porque” hai unha guerra real entre os países”. Tamén dixo que non pode haber ningún compromiso sobre a soberanía e a independencia de Ucraína. “Non vedemos á nosa xente e non vedemos os nosos territorios”(16). Durante o período de campaña tamén declarou que non consideraba preciso conceder un estatus especial a Donestk e Lugansk(17).

Dende Rusia, Putin afirmou que non descartaba a posibilidade de reunirse e manter conversas co seu homólogo en Ucraína, onde deberán discutir qué “formas para poñer fin ao conflito no Sur e Leste de Ucraína", dixo Putin, agregando que non había alternativa aos Acordos de Minsk a este respecto.(18)

Segundo informa a axencia TASS, Putin puxo especial atención ás declaracións de Zelenski sobre a reticencia a firmar un decreto que outorgaría a amnistía aos participantes do conflito do Donbás, e resaltou que “Zelenski non tiña especial intención de  establecer un estatus especial aos territorios, como se estipula nos Acordos de Minsk. “¿Como será posible resolver o problema das Repúblicas Populares de Donestk e Lugansk sen implementar os Acordos de Minsk? Gustaríame facerlle esta pregunta e discutir estes asuntos con el”, dixo Putin.(19)

A pesar de que ambos presidentes afirman abertamente a intención de volver as conversas, difiren no formato. Putin é partidario de facelo dentro do seu “estranxeiro próximo”, neste caso en Belarús, continuando as disposicións do Protocolo de Minsk. Ata o de agora parece que Zelenski aposta por unha mediación de Francia e Alemaña, aínda que non hai que confundir esta preferencia coa liña europeísta que seguía Poroshenko.

Pero as “boas intencións” de ámbolos dous presidentes poden non ser suficientes para conseguir o cese das hostilidades, e parece complexo que Rusia acepte a volta de Crimea a Ucraína. Para Zelenski, ata estes momentos, non hai discusión posible sobre a reintegración da península en territorio ucraíno. A solución diplomática, de acadarse, será moi complexa e dilatarase no tempo.

Rusia volveu demostrar a asertividade que ven caracterizando a política exterior de Putin. O presidente ruso demostrou co seu ofrecemento de pasaportes que non está disposto a que Ucraína, goberne quen goberne, saia da súa zona de influencia. Putin é contundente, e dende o Kremlin móstranse cautos ante a nova etapa con Zelenski á fronte dun país xeoestratéxico, que é chave para que poida continuar na súa aspiración de gran potencia

Aínda é cedo para sacar conclusións sobre a traxectoria que poderá levar a cabo Zelenski, pero a súa importante vitoria mostra que Ucraína tomou un rumbo diferente e autónomo dentro do espazo post soviético. Polo momento, Zelenski parece estar buscando o pragmatismo e está disposto a establecer a súas propias condicións, tanto na política interna coma na exterior, dende unha posición de forza secundada por máis do 70% do electorado. Pero haberá que ter en conta se os comicios parlamentarios avalan a tendencia e consegue unha maioría dentro do país, onde aínda sobreviven os oligarcas, cos que tamén terá que buscar un balance equilibrado.

 

 

 

 

 

 

 

 

 



(1) Sahuquillo, María, R: “Volodímir Zelenski, presidente de Ucrania en la pantalla y en la vida real” en: El País, 23 de abril de 2019, dispoñible en: https://elpais.com/internacional/2019/04/22/actualidad/1555957336_556958.html

(2) Marginedas, Marc: “Ucrania inicia la ‘era Zelenski’ con innumerables incógnitas” en: El Periódico de Aragón, 23 de abril de 2019, dispoñible en: https://www.elperiodicodearagon.com/noticias/internacional/ucrania-inicia-era-zelenski-innumerables-incognitas_1357421.html

(3) Ditz, Jason: “Ukraine Passes Language Law Opposed by President-Elect” en: Antiwar.com, 25 de abril de 2019, dispoñible en: https://news.antiwar.com/2019/04/25/ukraine-passes-language-law-opposed-by-president-elect/

(4) Sahuquillo, María, R: op.cit.

(5) EFE: “Zelenski acusa a la CEC de no permitirle disolver el Parlamento de Ucrania”, en: eldiario.es, 25 de abril de 2019, dispoñible en: https://www.eldiario.es/politica/Zelenski-CEC-permitirle-Parlamento-Ucrania_0_892411745.html

(6) Eco Diario: “Timoshenko exige un cambio inmediato del Gobierno de Ucrania tras las presidenciales” en: ecodiario.es, 22 de abril de 2019, dispoñible en: https://ecodiario.eleconomista.es/politica-ed/noticias/9834395/04/19/timoshenko-exige-un-cambio-inmediato-del-gobierno-de-ucrania-tras-las-presidenciales.html

(7) Mañueco, Rafael M.:  “Las diez controvertidas propuestas de Zelenski para arreglarUcrania” en: ABC.es, 22 de abril de 2019, dispoñibe en: https://www.abc.es/internacional/abci-diez-controvertidas-propuestas-zelenski-para-arreglar-ucrania-201904221229_noticia.html

(8) AustiaAlan: “Vuelven las tensiones entre Moscú y Kiev por la entrega de pasaportes rusos en Donbás” en France24.com, 25 de abril de 2019, dispoñible en: https://www.france24.com/es/20190425-tension-rusia-ucrania-pasaportes-donbas

(9) EFE: “Putin está dispuesto a dialogar con Ucrania si cumple los acuerdos de Minsk”en: EFE.com, 25 de abril de 2019, dispoñible en: https://www.efe.com/efe/espana/mundo/putin-esta-dispuesto-a-dialogar-con-ucrania-si-cumple-los-acuerdos-de-minsk/10001-3960801

(10) RFE/RL: “Putin Says He May Expand Russian Citizenship Decree To Include All Ukrainians” en: Radio Free Europe, 27 de abril de 2019, dispoñible en:https://www.rferl.org/a/putin-says-he-may-expand-controversial-russian-citizenship-decree-to-include-all-ukrainians/29907196.html

(12)”Zelenski ofrece a los rusos la nacionalidad ucraniana ante la falta de libertades del país” en: Republica.com, 28 de abril de 2019, dispoñible en: https://www.republica.com/2019/04/28/zelenski-ofrece-a-los-rusos-la-nacionalidad-ucraniana-ante-la-falta-de-libertades-del-pais/

(13) UNIAN: ““No one should speak with Ukraine in language of threats”: Zelensky confirms readiness for Normandy Four Talks” en: Unian.com, 28 de abril de 2019, dispoñible en: https://www.unian.info/politics/10533369-no-one-should-speak-with-ukraine-in-language-of-threats-zelensky-confirms-readiness-for-normandy-four-talks.html

(14) “Merkel promete a Zelenski seguir al lado de Ucrania en su conflicto con Rusia” en: Lavanguardia.com, 23 de abril de 2019, dispoñible en: https://www.lavanguardia.com/politica/20190423/461830351894/merkel-promete-a-zelenski-seguir-al-lado-de-ucrania-en-su-conflicto-con-rusia.html

(15) UNIAN: op.cit.

(16) The Moscow Times: “Ukraine President-Elect Zelenskiy’s Positions on Russia, Explained” en: themoscowtimes.com, 22 de abril de 2019, dispoñible en: https://www.themoscowtimes.com/2019/04/22/ukraine-president-elect-zelenskiys-positions-on-russia-explained-a65341

(17) EFE: “Zelenski se declara contrario a conceder un estatus especial a Donbás” en: lavanguardia.com, 18 de marzo de 2019, dispoñible en:https://www.lavanguardia.com/politica/20190418/461720986817/zelenski-se-declara-contrario-a-conceder-un-estatus-especial-a-donbas.html

(18) TASS: “Zelensky is ready to discuss new conditions for Ukraine and Russia’s coexistence” en: tass.com, 28 de abril de 2019, dispoñible en: http://tass.com/world/1056202

(19) Ibíd.