Estos días dous ex-primeiroministros son noticia en Ucraína: Víktor Yúschenko, destituído polo voto de desconfianza do Parlamento, e Víktor Chernomyrdin destinado a Kíev como embaixador de Rusia e representante do presidente Putin para impulsar o desenvolvemento das relacións comerciais e económicas. Arredor destes dous nomes poden visualizarse importantes cambios estratéxicos na vida política de Ucraína.
Sendo o único primeiro ministro da Ucraína independente que contou con simpatías entre a poboación, Yúschenko, a pesar da súa dimisión, non amosou nin a máis mínima intención de arrimarse á oposición anti-Kuchma, que estaría disposta a apoialo ata as próximas eleccións presidenciais. Nestes momentos, Ucraína atópase sen personalidade algunha disposta a liderar o goberno cun mínimo de carisma e de apoio.
A parte das dificultades de carácter persoal, tampouco apareceu polo momento ningunha forza política capaz e disposta a asumir a responsabilidade de goberno. Os que derrocaron ao goberno de Yúschenko – comunistas e oligarcas non son quen de unirse agora por mor desa disensión elemental dos seus posicionamentos políticos. O PC de Ucraína, que conta coa fracción máis numerosa, preto de 120 deputados, unha organización estructurada en todas as rexións e unha afiliación importante, atópase agora nunha situación delicada, pois ademais de aproveitar as nostalxias prosoviéticas da poboación empobrecida, o seu discurso baseabase nunha crítica intransixente do réxime existente, e, paradoxalmente, na actual crise operouse unha significativa aproximación ás teses de Kuchma. Recentemente perdeu unha parte dos seus afiliados que formaron un Partido Comunista Obreiro e Campesiño.
Outro partido vencedor de Yúschenko, o Social-Demócrata (unificado), que por certo, ao igual que os comunistas ten pouco que ver co ideario de que presumen, afortalou as súas posicións, especialmente fóra da capital e, tendo en conta o potente apoio que recibe dos dos oligarcas, pode chegar a adiantar ao PC.
As forzas de centro e centro-dereita, que deberían haberse consolidado nesta crise, atravesan un período de importantes escisións. O patriarca do escenario político ucraíno, o Movemento Popular (Rukh), conta con 16 escanos no parlamento e sofreu no ùltimo congreso celebrado a primeiros de maio baixas moi importantes: abandonaron o partido Tarás Chornovil, o fillo do fundador do Rukh e a invariable suplente deste último, Bondarenko, un dos candidatos á presidencia do partido, Mykhailo Kosiv. Aínda que como presidente volveu a ser elexido o ex ministro do exterior Udovenko, resultou fortemente criticado no congreso e a súa imaxe de continuador da causa do fundador do partido quedou en cuestión debido á imposición de métodos burocráticos na vida interna da formación e a falla de decisión na loita contra o réxime.
É sintomático que os escisionistas do Rukh non pasaran ao chamado Rukh-2 que comezou o seu proceso de separación aínda en vida do fundador Chornovil e actualmente ten 23 escanos. Foron a afortalar o partido "Reformas e Orde" do profesor Pynzenyk, prestixioso economista e ex-viceprimeiroministro. A consolidación da oposición arredor dun claro programa de reformas coma o de Pynzenyk podería ter efectos favorables se non se producira nestes momentos tal dispersión de forzas nacionais.
Unha forza importante na loita polo poder poderían ser os grupos políticos reunidos no chamado Foro de Salvación Nacional: o partido "A Patria" do ex-viceprimeiroministro Tymoshenko, o Partido Socialista, o Partido Popular Ucraniano e "A Congregación". Pero son demasiado variados; soamente os socialistas contan cun programa fundamentado na súa doctrina; "A Patria" conta co poder económico e financeiro dos que apoian a liña de reformas promovidas por Tymoshenko. Lamentablemente, nin siquera a loita contra Kuchma, que lles llevou a formar a devandita agrupación, permite que teñan ideas converxentes: non todos apoian a celebración dun referendo para iniciar o proceso de impeachment do presidente.
Nesas circunstancias, ben pode resultar que todas as recientes loitas políticas conduzan ao afortalamento da posición de Kuchma. A estas alturas, en lugar da orientación europea promovida con insistencia pola oposición, produciuse unha notoria viraxe na política exterior cara un maior acercamento a Rusia. En opinión de moitos analistas e observadores, a presencia de Chernomyrdin en Kíev como embaixador pode acentuar a irreversibilidade desa tendencia. Dada a incapacidade e ineptitude manifesta dos políticos locais, non falta quen ironicamente recomende a designación de Chernomyrdin como primeiroministro de Kiev.
En todo caso, algo resulta evidente coa presencia de Chernomyrdin na capital ucraína: Kuchma conta con todo o apoio de Putin.