Moldavia orientando o seu destino. Imaxe creada por IA

Foco en Moldavia (I) Antencedentes e contexto

A recente vitoria electoral de Maia Sandu en Moldavia, acompañada dun referendo sobre a adhesión á UE, marca un momento crucial para o país e para Europa. Situada entre as ambicións da Unión Europea e a influencia rusa, Moldavia enfronta un camiño complexo, onde o respaldo europeo representa desafíos tanto para a Unión como para o país do leste. Este contexto de transición implica de cheo á UE nun taboleiro xeopolítico complexo e marca un punto de inflexión respecto a procesos de expansión anteriores.
Liñas de investigación Relacións Internacionais Unión Europea
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave UE Unión Europea Moldavia

Primeiro o primeiro: como se configura institucionalmente Moldavia?

Moldavia é unha república parlamentaria cun sistema mixto, onde a elección directa do presidente se combina cun Parlamento unicameral – o verdadeiro poder, nun sistema semellante ao portugués – onde o presidente, elixido por sufraxio directo mediante un sistema de dúas voltas, ten un papel principalmente representativo. Este sistema reforza o papel do Parlamento e limita a capacidade executiva do presidente, pero a elección presidencial é un importante barómetro de apoio popular e orientación política, especialmente tras un referendo axustado que reflexa a identidade multifacética do país.

Un aspecto relevante é o papel que desempeñan as rexións autónomas, como Gagauzia, que teñen competencias propias e son bastións de sentimento pro-ruso e votaron masivamente en contra do referendo que buscaba modificar a constitución en vistas dunha integración na UE. Este modelo de autonomía dentro dun sistema parlamentario presenta retos adicionais, xa que estas rexións non só teñen demandas locais específicas, senón que tamén son utilizadas como puntos de presión por potencias externas, especialmente por Rusia.

Antecedentes políticos

A vida política de Moldavia está marcada por unha división profunda entre a orientación pro- europea e a pro-rusa, ao cal se lle solapa a dimensión independencia/unión respecto a Romanía, país irmán. A presidenta Maia Sandu, elixida en 2020, representa o movemento pro-europeo e impulsa políticas de reforma xudicial, enerxética e de seguridade para achegar o país aos estándares da Unión Europea. Este enfoque marca unha ruptura co período previo, liderado por Igor Dodon e o Partido Socialista (PSRM), de tendencia claramente pro-rusa, que defendía a neutralidade do país e mantivo fortes lazos con Moscova. Non son actores políticos novos, xa que Sandu e Dodon xa foran os protagonistas en 2019 dun país fragmentado e dividido durante a crise institucional que acabou coa presidencia de Dodon.

O Partido dos Socialistas, a principal forza pro-rusa, mantén unha base sólida entre os votantes maiores, rurais e das rexións autónomas. Porén, perdeu terreo entre as xeracións máis novas, que tenden a apoiar proxectos como os de Sandu, centrados na integración coa UE. Esta polarización interxeracional é clave para entender as tensións políticas actuais.

As eleccións de 2024 e o referendo sobre a integración na UE reflicten a permanencia desta polarización no país, mais que maioritariamente confirma seguir coa aposta por un futuro europeo. Pero o camiño non é sinxelo: os resultados axustados en ambas convocatorias e a presión de rexións como Transnistria e Gagauzia, con poboacións de maior afinidade rusa, seguen supoñendo focos de resistencia á integración europea, alimentados por campañas de desinformación promovidas dende o Kremlin.

Ademais, as interferencias rusas non son unha novidade. Historicamente, Moscova utilizou ferramentas de desinformación, financiamento a partidos políticos locais e mesmo sancións económicas para influír na política moldava. Este contexto, máis aló de moldavo, encaixa nun marco global de tensións xeopolíticas entre Rusia e Occidente.

Achegamento á UE: o ano de cambio en 2009

O ano electoral de 2009 marcou un punto de inflexión en Moldavia cara a un maior achegamento á Unión Europea. Despois de dúas campañas parlamentarias consecutivas, o Partido dos Comunistas da República de Moldavia (PCRM) viuse obrigado a ceder o poder a pesar de gañar 60 dos 101 escanos nas eleccións do 5 de abril e 48 escanos nas eleccións anticipadas do 29 de xullo.

O “cambio” de 2009 foi resultado dun conflito político entre o PCRM e a oposición liberal, que conseguiu bloquear a elección do presidente do país despois das eleccións parlamentarias de abril, provocando así unhas novas eleccións en xullo. A campaña electoral de abril estivo marcada por acusacións contra o goberno comunista de intimidación ás forzas de oposición e de uso indebido dos recursos administrativos e dos medios de comunicación públicos para prexudicar á oposición. Tras a publicación dos resultados, o 6 de abril, estalaron protestas masivas lideradas pola mocidade, inicialmente pacíficas, pero que o 7 de abril dexeneraron en violencia e vandalismo contra os edificios da Presidencia e o Parlamento. A reacción das forzas de orde foi desproporcionada, con numerosas detencións e casos de tortura, o que acentuou as tensións políticas.

O conflito escalou cando a oposición bloqueou a elección do xefe de Estado, rexeitando todos os candidatos propostos polo PCRM. Ao non lograr os 61 votos necesarios para elixir ao presidente, a Constitución obrigou á disolución do Parlamento e á convocatoria de eleccións anticipadas.

As eleccións anticipadas de xullo trouxeron un novo equilibrio. A formación da Alianza para a Integración Europea (AIE), composta por forzas liberais e pro-europeas, marcou o inicio dun cambio de rumbo en política exterior, consolidando o achegamento á UE. Non obstante, o proceso foi tenso, con constantes boicots e a sombra de inxerencias externas.

Este antecedente histórico, ben ilustrativo das tensións que vive desde hai tempo Moldavia, supoñerían unha narrativa moito máis axustada á razón de ser material e histórica da UE, e evitaría posicionarse de xeito agresivo fronte a un país terceiro e potencialmente perigoso para os intereses da Unión.

A crise política de 2009 prolongouse ata 2010 e consolidou unha nova dirección de achegamento a Europa. Pasaron máis de 10 anos, pero o episodio dános unha chave moi interesante para enmarcar o proceso de integración con alicerces máis sólidos e duradeiros.