A cooperación enerxética e a suavización do sistema de visados serán os temas máis relevantes do cumio entre Bruxelas e Moscova, que se celebrará o próximo 30 de maio en Rusia. A propósito da súa recente visita á capital rusa, o ministro español de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, asegurou ao seu homólogo Serguéi Lavrov o desexo da presidencia española de fortalecer a relación bilateral para sentar as bases dun novo acordo marco.
Pero, a pesar das declaracións políticas, parece un feito improbable que se albisque un pronto axuste das cuestións máis problemáticas entre Bruxelas e Moscova. Rusia é o maior provedor de gas natural da UE, sendo esta o seu cliente máis significativo. Non obstante, certo nivel de desconfianza empana o curso destas relacións. Por exemplo, recentemente Moscova declinou con severidade a posibilidade de adherirse ao Tratado sobre a Carta da Enerxía, un instrumento internacional que regula a cooperación enerxética.
Para Rusia, a Carta equivalería á renuncia da chantaxe enerxética, o seu medio máis eficaz no proceso de negociación dos acordos a este nivel. Para a UE, este documento sería unha garantía de estabilidade no subministro de gas. Co rexeitamento desta Carta, Moscova limitou a súa credibilidade.
Con todo, Bruxelas carece de medidas preventivas ante a política enerxética rusa. Cando en xaneiro de 2009, a estatal rusa Gazprom interrompeu o subministro de gas a través de Ucraína, Bruxelas permaneceu impotente a pesar de verse afectados 18 países europeos. A receita que ofrece o Comité Económico e Social Europeo para previr as crises é unha maior solidariedade entre os países membros. Pero iso non é tan sinxelo tendo en conta os diversos intereses nacionais, que Rusia habilmente utiliza para agravar as diferenzas entre os seus socios europeos.
Bruxelas intenta consolidar o diálogo enerxético con Rusia ofrecéndolle beneficios noutra materia, é dicir, a futura supresión de visados, un asunto importante particularmente trala ampliación ao Leste de 2004, cando Kaliningrado converteuse nun enclave dentro da UE. Para Bruxelas parece imposible cambiar a firme postura rusa só cun par de concesións.
Polo tanto, a solución da tensa relación enerxética da UE co Kremlin sería a diversificación dos provedores de gas. Iso poderíase lograr coa construción do gasoduto Nabucco, que en 2015 unirá a rexión do Mar Caspio con Europa a través de Turquía. Sen embargo, este vacilante proxecto contempla a intervención na zona de intereses rusos, onde Bruxelas aínda perde a batalla con Moscova.
A UE enreda os seus socios orientais coa política de visados e a excesiva burocracia mentres que Rusia ofrécelles beneficios máis medibles, como o acceso ao seu gas ao prezo máis baixo. O recente triunfo nas eleccións ucraínas de Víktor Yanukovich, un político prorruso nun país tradicionalmente moito máis proeuropeo que, por exemplo, Acerbaixán, mostra a eficacia da política rusa na rexión.
Outro gran obstáculo nas relacións entre Bruxelas e Moscova céntrase na diferenza de percepción cara valores fundamentais como o estado de dereito, o libre mercado ou a multiculturalidade, os cales non son necesariamente compartidos por Rusia. No entanto, ultimamente, no entorno do presidente ruso Dmtri Medveded estanse expresando diversas opinións sobre a necesidade de emprender maiores reformas económicas e políticas.
En resposta, a Comisión Europea enviou a Moscova un documento chamado “Asociación para a Modernización”, no cal ofrece a súa axuda para a transformación da economía rusa. Segundo o diario ruso Kommersant, os detalles da proposta permanecen ocultos, aínda que se subliña a necesidade da democratización previa do país.