Ulster: de crise en crise

O ministro principal do Ulster e líder do Partido Unionista do Ulster (UUP) David Trimble apostou forte para convencer ao seu partido da necesidade de dar luz verde á constitución do goberno autónomo do Ulster. Daquela diante de 900 membros do Comité Executivo do seu partido comprometeuse a que si antes do 12 de febreiro o IRA non entregaba as armas dimitiría do seu cargo. A data acercase e o IRA non ten dado mostras de iniciar o desarme ninsemella disposto a facer un aceno nesta dirección.

Londres prepárase para o que poida acontecer nesta semana e iniciou o proceso legal para disolver os organismos autónomos do Ulster para poder adiantarse á decisión de Trimble. Ao tempo, o IRA rompendo co silencio destes dous anos, emitiu dous comunicados nos que se reafirmaba no seu compromiso de paz mais nos que non adiantaba ningunha data para o comezo do desarme.

O proceso de paz no Ulster corre perigo de encallar de novo, mais o tortuoso camiño percorrido fará imposible unha volta atrás.

Nestes case dous anos transcorridos dende a sinatura do Tratado de Stormont ou Acordo de Venres Santo moitas son as mudanzas acontecidas no Ulster. O arduo e silencioso labor realizado polo SDLP de J.Hume dende mediados dos oitenta comezou a dar froitos nos primeiros anos noventa coas conversas entre os gobernos de Londres e Dublín, posteriormente coas treguas unilaterais do IRA e finalmente coas conversas de paz que remataron co Acordo de Stormont en abril de 1997. Dende aquela os dirixentes das dúas comunidades enfrontadas acostumáronse a negociar e sobre todo decataronse que non podía haber vencedores e vencidos. Os unionistas asumiron que non podían manter a permanente marxinación da comunidade católico-irlandesa e estes que aínda que se producise algún día a reintegración do Ulster a Irlanda este feito non podía levar aparellado a marxinación da comunidade unionista-protestante. Tantos esforzos non poden tirarse pola borda agora que a paz está máis preto.

O proceso estivo cheo de tensións (atentado de Omagh, paralización da constitución das institucións) que se foron superando. A crise actual pode orixinar unha suspensión do proceso mais é impensable unha volta a antes de Stormont. As dúas comunidades saben que este camiño conduce á paz e non desexan que a violencia se impoña de novo como xeito de resolver os conflictos. Mais, ao tempo, nin uns nin outros queren aparecer como derrotados. O IRA entende que en Stormont non se asinou máis que o inicio do desarme dos paramilitares ata dous anos despois, e a data cúmprese a finais de Maio. O UUP, premido polos opositores ao acordo de Venres Santo liderados polo DUP de Ian Paisley, non queren aparecer como o que cede ante a "chantaxe das armas". Esta é a encrucillada, e alguén debe iniciar o novo camiño. Agora correspóndelle ao IRA do mesmo xeito que antes Trimble o abriu para que se constituíse o goberno autónomo.

Se o camiño non se despexa, Londres terá que tomar a iniciativa: suspender temporalmente as institucións e acelerar a reforma da policía do Ulster (Royal Ulster Constabulary) na dirección que ten apuntado o informe elaborado polo último gobernador de Hong Kong, Christopher Patten. No mesmo amais de propoñer que o Sinn Fein participe nun organismo de tutela da policía, defende o cambio de nome, para desvinculala de calquera relación co Reino Unido, e unha configuaración a partes iguais entre protestantes e católicos. A proposta de Patten provocou as iras dos unionistas que consideran a RUC como a "súa" forza de seguridade. Pola contra para moitos nacionalistas, mentres exista a RUC actual a comunidade católica non pode quedar desprotexida e polo tanto o IRA ten que continuar.

Londres pretende rebaixar as propostas de Patten para calmar á ala dereita do partido de Trimble mais unha reforma radical da policía semella imprescindible para que o Estado de Dereito se asente no Ulster.