Ulster e Euskadi: procesos diverxentes

O pasado sábado converteuse nunha data a sinalar no futuro dos procesos abertos no Ulster e en Euskadi. Si pola mañá, o Consello da UUP confirmaba as teses do seu máximo dirixente David Trimble e permitía a constitución dun goberno autónomo na provincia británica, na madrugada do domingo facíase pública a ruptura da tregua por parte de ETA. No referente ao Ulster a semana presentase movida: debates, o martes e mércores, en Westminster, firma do novo acordo anglo-irlandés, o xoves, e posiblemente este mesmo día primeira reunión do gabinete autónomo. Pola contra no caso vasco preséntase angustiosa á espera do que poida acontecer despois do día tres. O proceso norirlandés saía, cando menos temporalmente, do tapón no que se atopaba. Mentres o vasco retrocedía lamentablemente.

Finalmente Trimble acadou o apoio do sector encabezado polo número dous do partido John Taylor e conseguiu a maioría no Consello Nacional do UUP. O acordo de Venres Santo pode seguir adiante coa formación do Comité Executivo do Ulster presidido por Trimble e que contará con 10 membros (tres en representación do UUP e outros tantos do SDLP, un dos cales será viceministro principal, probablemente o dimisionario Seamus Mallon, a UDP detentará dous postos, o mesmo que o Sinn Fein, un dos cales, previsiblemente, será ocupado por Martin McGuinnes.

Tras meses de duras negociacións, o rescate do Acordo de Stormont foi posible despois de senllos compromisos públicos por parte do IRA e do UUP. O Exercito Republicano, no seu comunicado do pasado 17, abría as portas do encoro no que se atopaba retido o proceso negociador ao recoñecer explicitamente o liderado do Sinn Fein e en consecuencia renunciar a calquera papel nos acordos políticos e amosarse disposto a nomear un representante na comisión internacional para o desarme. Inmediatamente o UUP respondeu con outra declaración, cun contido político non menos transcendental, no que recoñecía o dereito dos nacionalistas a loitar democraticamente pola reintegración do Ulster a Irlanda. Foron estas actitudes políticas as que permitiron retomar o proceso, foi a decisión política do IRA e o UUP o que devolveu a esperanza da paz.

Os primeiros meses do ano 2000 serán decisivos. Trimble tivo que recorrer a un novo órdago e inventarse a data, saltándose o acordado en Stormont, de finais de febreiro para o desarme do IRA a fin de non saír derrotado no máximo órgano de decisión do seu partido. Mais a maioría acadada non foi esmagadora, o 58%. Moitos membros do UUP están a ser premidos polos unionistas contrarios ao acordo, liderados por Ian Paisley, para que abandonen ao "traidor" Trimble e pasen a reforzar as súas filas, nomeadamente nas institucións creadas segundo o documento de Venres Santo e nas que o DUP participa.

As primeiras verbas de Trimble non fixeron máis que poñer de relevo esta aposta e devolverlle a pelota ao Sinn Fein. "Señor Adams, tócalle a vostede" dixo. Efectivamente agora serán os nacionalistas irlandeses os que deben demostrar a súa capacidade para lograr o desarme do IRA quen terá que mover ficha antes de febreiro.

Pola contra o proceso vasco sofre un parón que esperemos sexa só temporal e sen víctimas. As diferencias entre os dous casos son ostensibles e o tempo invertido nos mesmos bastante distinto. As primeiras conversas no Ulster son de 1992; o IRA estableceu a primeira tregua o 31 de agosto de 1994 e rompeuna en febreiro de 1996 cunha bomba en Londres, volvéndoa restablecer o 20 de xullo de 1997 pouco despois do esmágante triunfo de Anthony Blair. A tregua que ETA deu por rematada, tiña comezado o 16 de setembro de 1998 e era a terceira despois da de 1989, cando as conversas de Alxer, e a breve de xuño de 1996 que o recen formado goberno do PP rexeitou como unha trampa.

Máis importante que o tempo é a escasa vontade política das partes enfrontadas por chegar a pequenos acordos que sirvan para iniciar o roze do camiño. O arriscado papel asumido por PNV-EA en correspondencia co desempeñado polo SDLP en Irlanda aínda non deu os seus froitos ante a cerrazón do PP, a inactividade do PSE-PSOE corroído polas súas responsabilidades na "guerra sucia" e a permanente negativa de ETA a admitir o liderado de HB-EH, tal e como o IRA ten feito co Sinn Fein.