20081125 chicago rahm emanuel

Un 2009 crucial para Irán

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Rahm Emanuel; clic para aumentar
Con diversos sectores "neoconservadores" formulando publicamente as súas demandas de afondar a política militarista cara Irán, Obama descifra determinadas variables nas súas designacións gobernamentais que, en principio, semellan diminuír a intensidade da súa promesa electoral de "negociar con Teherán" en favor dunha política de endurecemento de sancións. Xorden así o nomeamento do "duro" Rahm Emanuel (na foto) na oficina presidencial, o mantemento de Robert Gates no Pentágono e, incluso, dunha Hillary Clinton como secretaria de Estado e directora da diplomacia.
 

Outros acontecementos mundiais non deben disipar a atención cara Irán. O 2009 supón un momento sumamente decisivo para este país e, por conseguinte, para a situación xeopolítica establecida nun marco xeográfico que se estende por Oriente Próximo, Asia Central, o Golfo Pérsico e o sueste asiático.

O próximo 20 de xaneiro asumirá Barack Obama a presidencia na Casa Branca. Existen múltiples expectativas sobre a súa real visión cara un Irán provisto de programa nuclear. Neste sentido, e no marco da confección do seu futuro gabinete presidencial, Obama ven barallando determinadas variables destinadas a afondar o poder dos "falcóns" neorrealistas en Washington, receosos de que Teherán logre concretar o seu programa nuclear.

Con diversos sectores "neoconservadores" formulando publicamente as súas demandas de afondar a política militarista cara Irán, Obama descifra determinadas variables nas súas designacións gobernamentais que, en principio, semellan diminuír a intensidade da súa promesa electoral de "negociar con Teherán" en favor dunha política de endurecemento de sancións. Xorden así o nomeamento do "duro" Rahm Emanuel na oficina presidencial, o mantemento de Robert Gates no Pentágono e, incluso, dunha Hillary Clinton como secretaria de Estado e directora da diplomacia.

Se en Washington están ocupados por confeccionar a listaxe de membros do futuro goberno, resta por observar cal será a evolución da inestable política interna de Israel, que se apresta a realizar eleccións anticipadas no 2009. O goberno de Tzipi Livni non atopa consensos políticos, lastrado polo volátil apoio lexislativo, mentres ascende a figura de Benjamín Netanyahu e o dereitista partido Likud como posible futuro líder do goberno. Recoñecese en Netanyahu a condición de firme partidario de atacar as bases militares e nucleares iranianas, con ou sen apoio de Washington.

Teherán deberá medir con cautela todas estas variables en EEUU e Israel. Para xuño de 2009 están previstas as eleccións presidenciais iranianas, con posibles escenarios de cambio. O presidente Mahmud Ahmadíneyad non conserva sólidas cotas de popularidade e apoios políticos entre a influínte clase dos aiatolás mentres emerxe a figura de Ahmed Laríyani, un moderado conservador, avaliado por ter sido negociador do programa nuclear, exercendo actualmente como presidente do Parlamento.

No eido diplomático, Irán impulsa un dinámico sistema de alianzas internacionais concibidas para amortecer o impacto das sancións en curso por parte de Occidente. Reforzando a súa alianza política, militar e enerxética con Venezuela, Rusia e China, ao que se engadiron recentemente países con menor peso como Ecuador, Bolivia e Nicaragua, Teherán da a entender que está incluso disposto a xogar o seu pulso dentro do propio espazo hemisférico occidental.

Un ascenso xeopolítico de Teherán no contexto rexional e internacional constitúe unha seria preocupación para EEUU e Israel. As recentes alianzas enerxéticas de Teherán con países como Turkmenistán, Uzbekistán e Acerbaixán, aumentan a súa importancia estratéxica, sen esquecer a proximidade xeográfica de Irán con "zonas quentes" para a seguridade internacional, como son Afganistán, Paquistán e India.

Obama xa declarou publicamente que Afganistán e Paquistán serán eidos prioritarios para a súa política exterior, precisamente por considerar que constitúen o epicentro da loita antiterrorista global. Pero esta declaración "estratéxica" do próximo presidente estadounidense pode tamén intuír unha perspectiva destinada a rastrexar de preto os movementos iranianos.

Así, e sen menosprezar que a tentación bélica segue presente en diversos sectores de poder en EEUU e Israel, o 2009 pode traer novidades no pulso que manteñen Irán e Occidente. De primeiras, o próximo ano anuncia un novo goberno na Casa Branca e pode que tamén en Tel Aviv e Teherán.