Arxentina, Brasil, Bolivia, Ecuador, Paraguai, Uruguai e o MERCOSUR recoñeceron en decembro de 2010 a legalidade dun Estado palestino “libre e independente” coas fronteiras anteriores a 1967.
Arxentina, Brasil, Bolivia, Ecuador, Paraguai, Uruguai e o MERCOSUR recoñeceron en decembro de 2010 a legalidade dun Estado palestino “libre e independente” coas fronteiras anteriores a 1967. Con isto, son 105 os países que recoñecen actualmente a legalidade internacional do Estado palestino, razón pola que a Autoridade Nacional Palestina (ANP) presentará unha resolución ante a ONU en xaneiro de 2011 para ser recoñecida formalmente como Estado.
A tímida renovación de negociacións en setembro pasado entre Israel e a ANP estipulaba a creación oficial dun Estado palestino para setembro de 2011. Pero o panorama segue a ser, cando menos, incerto tomando en conta a actual paralización das negociacións, que ilustran tres variables clave para o futuro de Palestina no 2011.
A primeira, a tradicional inflexibilidade do primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu para por fin aos asentamentos israelís en Cisxordania, a pesar das presións por parte de Washington para paralizalos momentaneamente. A necesidade de preservar o apoio da ultradereita Israel Beitanu para a súa coalición de goberno, especialmente do seu intransixente líder e ministro de Exteriores israelí, Avigdor Lieberman, persuadiron a Netanyahu e o seu partido dereitista Likud a apostar decididamente pola súa continuidade no poder antes que ceder ante calquera presión exterior.
Recentemente, Lieberman cualificou que as circunstancias actuais “imposibilitan” un acordo cos palestinos. A intransixencia israelí é tan patente que, ademais de bloquear a futura resolución ante a ONU sobre a legalidade do Estado palestino, o propio Netanyahu afirmou que se a ANP quere alcanzar o seu obxectivo, “debe recoñecer o carácter xudeu de Israel e aceptar a presenza de bases militares israelís” en territorio palestino.
En segundo lugar, a ANP segue a diluírse nunha fractura política interna invariable desde 2007, na que Al Fatah controla Cisxordania mentres o movemento islamita Hamas aséntase nunha Gaza internacionalmente illada e sacudida pola crise humanitaria. A necesidade de preservar un mínimo de control de poder e de viabilidade institucional son factores que persuaden ao presidente Mahmud Abbas a gobernar practicamente por decreto, desprazando da escena política a figuras con considerable peso e influencia, especialmente en materia de seguridade, como foi o recente caso de Mohamed Dahlan.
Finalmente, a conxuntura rexional e internacional non favorece especificamente á concentración da atención mundial sobre Palestina e as súas necesidades. Nun contexto determinado pola crise económica global, cos temores occidentais cara o ascenso de Irán e do seu programa nuclear (dentro dun clima prebélico constantemente manexado por Israel e EEUU) e ante a perspectiva de retiro militar estadounidense de Iraq e Afganistán pautados para mediados de 2011, poucos factores clarifican a posibilidade xa non só da creación dun Estado palestino para finais do próximo ano, senón sequera dunha maior atención internacional cara a súa situación.
Con isto, a frustración apoderase da sociedade palestina: segundo a Oficina Central de Estatísticas da ANP, un total de 7.000 palestinos de entre 15 e 29 anos emigran anualmente desde Cisxordania e Gaza, principalmente por razóns socioeconómicas. Unha crúa perspectiva que complica aínda máis a viabilidade dun Estado palestino fragmentado pola ocupación israelí e a indolencia das grandes potencias internacionais.