O pasado 2 de marzo, Dmitri Medvedev cumpriu o seu primeiro aniversario como presidente de Rusia, un acontecemento que marcou un xeito inédito na historia contemporánea do país: o ex presidente Vladimir Putin cedeulle o seu cargo ao electo Medveded para, inmediatamente, ocupar o posto de primeiro ministro.
Diversas hipóteses e análises especularon desde entón sobre o real equilibrio de poder reflictido nese traspaso de poder no Kremlin, directamente relacionado co funcionamento do tándem Medvedev-Putin. Varias perspectivas coincidiron en explicar un fait accompli largamente anunciado: a pesar do traspaso de poderes a Medvedev, o ex presidente e actualmente primeiro ministro Putin conservaría os resortes do poder no Kremlin, nunha especie de "poder á sombra" que colocaría a Medvedev nunha posición claramente testemuñal.
Tras un ano no poder, o tándem Medvedev-Putin non semella presentar fisuras de gran consideración, reforzando unha estrutura de poder establecida por Putin durante os seus dous anteriores períodos presidenciais, entre 2000 e 2008. En determinados aspectos da política interna e da diplomacia rusa foi notoria a preponderancia da posición de Putin por riba do propio Medvedev, sumamente reducido na súa autonomía política.
Obxectivo 2020
A elección presidencial de Medvedev en marzo de 2008 e o nomeamento de Putin como primeiro ministro en maio pasado confirmaron unha alianza política destinada a consolidar e reformar os cimentos da actual estrutura de poder no Kremlin para os próximos anos.
Un dato revelador é a estratexia de Putin de consolidar ao seu partido Rusia Unida como o gran movemento político nacional, afirmando un papel hexemónico que lle permita asentar a súa figura como o reformador da nova Rusia post-soviética.
Para reforzar esta idea de poder, o presidente Medvedev solicitou á Duma ou Parlamento a discusión dunha reforma constitucional que permitira o retorno de Putin como candidato presidencial aos comicios de 2012, con posibilidade de reelección no 2016 ata a finalización do período no 2020.
Deste modo, o tándem Putin-Medvedev busca afianzarse como a real base de poder no Kremlin para os próximos anos, dentro dunha rede de alianzas que inclúe ás elites gobernantes nas empresas enerxéticas estatais Gazprom e Lukoil, un alto mando das Forzas Armadas nomeado directamente por Putin e gobernadores locais e provinciais afectos ao actual primeiro ministro.
Deste modo, a conxunción de intereses con Putin resulta un factor esencial para explicar non só a supervivencia política dun Medvedev dócil e manexable senón, incluso, a estabilidade do Estado e da sociedade rusa. Con Medvedev na presidencia, Putin avanzaría no seu proxecto de reforma do Estado ruso iniciado no 2000, en paralelo á súa estratexia de afianzar o retorno do poderío xeopolítico de Moscova no escenario internacional, a través dos factores enerxético e militar.
Contando cunha elevada popularidade e unha activa presenza nos medios de comunicación rusos, Putin constitúese como o único factor de poder capaz de cohesionar a todos os sectores da política e da sociedade rusa nun proxecto político e económico a escala nacional e internacional.
Tres crises para un ano
Se ben Putin conserva intactos os seus resortes de poder sen necesidade de comparecer publicamente e copar o protagonismo político, Medvedev logrou afincar a súa posición presidencial no ámbito exterior, nun intercambio de responsabilidades que afirmaron a alianza política entre ambos. Tres escenarios evidencian o fortalecemento deste tándem.
a) O primeiro ten que ver co pulso xeopolítico global ruso-occidental, especialmente materializado trala breve guerra acaecida en agosto pasado entre Rusia e Xeorxia na rexión do Cáucaso, unha vez se levaran a cabo os bombardeos e a invasión militar por parte do exército xeorxiano contra as dúas repúblicas autónomas de Osetia do Sur e Abxazia, marcadamente prorrusas.
Esta operación militar dirixida directamente polo presidente xeorxiano Mikhail Saakashvilli (coa mais que probable anuencia estadounidense e europea) provocou unha inmediata reacción desde Moscova. Durante seis días, as tropas rusas ingresaron en territorio xeorxiano, "liberando" a Osetia e Abxazia, nunha operación militar claramente dirixida por Putin, determinado a confirmar a súa estratexia de reforzar o poder internacional de Rusia, asestando un duro golpe ás pretensións xeopolíticas de Saakashvilli e ás intencións occidentais e de Washington de expandir a OTAN no espazo ex soviético.
Se ben Putin foi o cerebro da inmediata reacción militar rusa, Medvedev converteuse en mestre de cerimonias no ámbito diplomático, ao impulsar o recoñecemento ruso da independencia de Osetia do Sur e Abxazia (colocando como referencia a unilateral independencia de Cosova en abril de 2008, baixo o auspicio occidental) e premer á Unión Europea a aceptar un cese ao fogo baixo as condicións rusas. Acicalando a estratexia deseñada por Putin tras bastidores, Medvedev reafirmou a estabilidade do tándem gobernante no Kremlin.
Esta alianza política claramente dirixida por Putin funciona ata o extremo de que, o pasado 20 de xaneiro, no mesmo momento en que asumía o goberno na Casa Branca o actual presidente estadounidense Barack Obama, o propio Medvedev anunciou o reforzamento do poder militar ruso no seu enclave europeo de Kaliningrado (próximo ás fronteiras con Polonia e Alemaña) así como a súa pretensión de conformar outro escudo antimísiles como reacción ao establecido por Washington en Europa do Leste e o espazo ex soviético.
Anteriormente, a finais de 2008, a xira latinoamericana de Medvedev por Brasil, Venezuela, Cuba e Nicaragua, permitiu a Moscova satisfacer determinados imperativos xeopolíticos precisamente no espazo xeográfico contiguo estadounidense, emulando a estratexia de Washington de medrar en influencia no antigo espazo territorial ex soviético, nas mesmas fronteiras rusas.
Incluso, Medvedev anunciou a comezos de febreiro pasado a intención rusa de fortalecer a Organización do Tratado de Seguridade Colectiva (OTSC), asinado en 1993 con ex repúblicas soviéticas como Kazajstán, Uzbequistán, Armenia, Bielorrusia, Kirguizistán e Tadxiquistán, a fin de conter calquera ampliación da OTAN neste espazo territorial. Medvedev falou entón da creación dunha "forza de intervención rápida" claramente inspirada dende Moscova.
b) O segundo escenario foi a renovación da tradicional "guerra do gas" que cada inverno involucra a Rusia coa súa incómoda veciña Ucraína, cun goberno pro-occidental baixo a presidencia de Viktor Yushenko que amosa sinais de esgotamento e polarización. Esta guerra do gas permítelle a Moscova lanzar unha dura advertencia a Europa e lembrar a súa dependencia enerxética de Rusia.
Nesta ocasión, en xaneiro de 2009, Medvedev afirmou a fortaleza enerxética rusa obrigando a Kiev a sentarse a negociar un novo acordo de cooperación gasífera por doce anos, con condicións marcadamente vantaxosas para Moscova e, indirectamente, para Europa, principal beneficiario do gas e do petróleo ruso.
A debilidade de Yushenko fronte as pretensións rusas pode derivar na súa defenestración política, no caso de que as próximas eleccións presidenciais previstas para 2009 confirmen o favoritismo do primeiro ministro prorruso Viktor Yanukovich, probablemente apoiado pola ambiciosa e influínte ex aliada política de Yushenko, Iulia Timoshenko. Neste sentido, o tándem Medvedev-Putin lograría un resoante triunfo político en Ucraína, un país estratéxico tanto para Rusia como para Occidente.
c) O terceiro escenario posúe serios retos para o tándem Medvedev-Putin: a crise financeira e económica mundial e o seu impacto en Rusia, especialmente no seu sensible sector enerxético, que representa o 43% do orzamento estatal.
A caída dos prezos mundiais do cru, calculados actualmente en pouco mais de 40 dólares; a depreciación nun 23% da moeda rusa, o rublo, con respecto ao euro;e a caída das reservas internacionais, de 588.000 millóns de dólares no verán pasado (antes da guerra no Cáucaso) aos 386.000 millóns de dólares actuais, evidencian as complexidades da economía rusa para afrontar os efectos da actual crise financeira global.
Esta caída dos prezos mundiais de petróleo está provocando unha severa redución na produción rusa de cru. Lukoil anunciou un recorte do 20% dos seus negocios no estranxeiro mentres Gazprom prevé un descenso do 8% nas súas exportacións. O sector do automóbil baixou nun 80% as súas vendas no 2008.
O marco da crise económica podería dar cabida á activación dun acercamento diplomático entre Rusia e Occidente, destinado a construír estratexias comúns para conformar unha "nova arquitectura financeira" internacional. Recentemente Medvedev tentou baixar o ton crítico, celebrando publicamente os programas financeiros adoptados en Washington polo goberno de Obama.
Unha nova estratexia con España
Coincidindo co seu primeiro aniversario no poder e no marco dunha activa diplomacia por Occidente destinada a afianzar alianzas enerxéticas, Medvedev estivo en Madrid o pasado 2 de marzo, onde asinou un acordo de asociación estratéxica entre Rusia e España, de claro signo enerxético.
Este acordo forma parte dunha nova visión da Unión Europea orientada a tender pontes con Rusia, especialmente en momentos críticos para a economía mundial. Neste sentido, Medvedev e Zapatero deixaron entreaberta a porta para unha posible negociación de compra de accións por parte de Lukoil na empresa hispano-arxentina Repsol YPF, operación frustrada en 2008 trala publicación de informes do servizo de intelixencia español sobre os riscos de levar a cabo unha operación dese calibre coa empresa estatal rusa, que foi cualificada como "reduto de poder" de Putin.
Ambos mandatarios expresaron un ton diplomático distendido, incluso dando a entender unha posición conxunta para fortalecer a cooperación militar internacional baixo a ONU e con dirección a Afganistán, onde España posúe efectivos militares. Ademais de asinar acordos de cooperación entre Gas Natural "con intereses en Galicia" e Gazprom, Zapatero e Medvedev anunciaron que a empresa española Iberdrola asinou coa rusa Inter Rao determinados convenios de cooperación en proxectos eléctricos en España, Rusia e América Latina. A visita a España pode marcar un punto de inflexión para Moscova en materia de cooperación enerxética con Occidente, perspectiva que pode ampliarse a outras variables de carácter político e militar.