Un ano e un día

Sadam Hussein semella condenado irremediablemente. Xuíz e parte, un ano e un día despois do 11S, George W. Bush anunciará na ONU a súa disposición para librar ao mundo, aínda que o mundo non queira, do sátrapa de Bagdad. Non importan os reparos dalgunhas potencias europeas, as reticencias dalgúns países árabes, as denuncias dalgún ex inspector de Nacións Unidas… Colin Powell, o "blando" do gabinete declaraba a Fox News que nada importaba a reacción que poida suscitar o discurso de Bush ante a Asemblea Xeral da ONU esta semana pois "o presidente conservará toda a súa autoridade e opcións para actuar na forma que considere máis axeitada para nós, mesmo actuando unilateralmente para defendernos". Como na campaña de Afganistán, Tony Blair confirmou a total disponibilidade para facer de embaixador da causa a tempo enteiro.

Nun encontro en Xordania, o ministro de información de Iraq, Mohammad Said-Al-Sahhaf, reafirmaba a disposición do seu país para cumprir as resolucións da ONU e resolver os asuntos pendientes a través do diálogo. En Annan existe unha gran preocupación pola posible campaña militar contra Iraq, actualmente o único proveedor de petróleo do reino, a quen proporciona preto de cinco millóns de toneladas de crú cada ano, a metade gratuitamente e o resto a prezos preferenciais. Pero non soamente están en xogo os intereses económicos de sempre senón tamén as vellas ansias irreflenables de dominio. Un golpe contra Iraq baixo o pretexto do combate contra o terrorismo permitirá afondar nas accións deste tipo que promove Estados Unidos, erradicar a posible ameaza que entraña a posesión de armas de destrucción masiva en mans de países contrarios a Estados Unidos e reordenar o Medio Oriente á medida dos intereses propios e de Israel.

A idea de impulsar unha guerra "preventiva" contra Iraq para acabar con Sadam Hussein e as súas armas de destrucción masiva, conta aínda con certo apoio da opinión pública americana, pero con tendencia claramente á baixa se esta se desenvolve sen o apoio dos países aliados ou se implica perdas humanas importantes. O Pentágono, por outra banda, non semella en condicións de ofrecer probas verídicas das relacións existentes entre Bagdad e Al-Qaeda ou sobre un hipotético programa nuclear, acusacións ambas as dúas esgrimidas polo secretario de Defensa, Donald Rumsfeld, para xustificar a necesidade de protexer "aos nosos fillos". Mentres, Brent Scowcroft, xeneral retirado e conselleiro de seguridade nacional de Bush pai, publicaba no Wall Street Journal un elocuente chamamento contra o inicio dunha nova guerra contra Iraq, unindo a súa á voz de varios senadores republicanos que reclaman prudencia e outras que non dubidan en calificar de "ilexítima" toda acción de ataque preventivo.

Dende que o pasado 8 de xullo anunciou que recorrerá a todos os medios posibles para acabar con Sadam, todo se lle foi facendo costa arriba a Bush. Nin en Europa nin en Oriente Medio atopa o apoio necesario. Se palestinos e israelís non son quen de reanudar o proceso de paz, ningún país árabe apoiará abertamente un ataque militar contra Iraq. Soamente Blair e Sharon pechan filas arredor da ofensiva. China rexeita abertamente toda deriva belicista e Rusia expresa a súa desaprobación asinando un acordo económico multimillonario e a varios anos coas autoridades de Bagdad. Pero no Pentágono son conscientes de que a campaña anti-terrorista é a mellor oportunidade para derrocar a un réxime clara e indobregablemente hostil a Washington e principal desafío á política norteamericana en Medio Oriente.

Se non está claro o inicio das hostilidades a gran escala contra o líder iraquí, máis oscuras e fondas son as incertidumes sobre o inmediato futuro post-Sadam: ¿quen será o sucesor? ¿Qué forza política poderá substituir ao Baath? ¿qué iraquies estarían dispostos a desempeñar o papel de "Alianza do Norte" para reducir á minima expresión as baixas terrestres americanas? Barzani, líder da principal forza curda, ausente nos encontros de Washington a diferencia de Talabani, da Unión Patriótica, xa anunciou que "non correrán ningún risco se non podemos asegurar o resultado de cada paso". Barzani aínda lembra o levantamento armado de 1991 que Sadam reprimiu cruelmente mentres os paladíns dos dereitos humanos miraban para outro lado.